Noticias

Galicia demanda ao Goberno os trens AVRIL para que o AVE chegue ás cidades galegas

A Xunta insta ao Goberno a habilitar os trens AVRIL para que a alta velocidade chegue ás principais cidades galegas e a modernizar a rede ferroviaria que une A Coruña con Lugo e Ferrol. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez subliñou as actuacións recoñecidas hoxe, o AVE galego e a obra civil e mariña para a descarga de cru en Langosteira, grazas ao esforzo titánico de enxeñeiros, técnicos, directores de obra ou operarios implicados en converter en realidade estas infraestruturas.

Remarcou o traballo do sector da enxeñería, poñendo o acento nos profesionais de referencia a nivel estatal que sitúan Galicia á vangarda europea dando resposta a moitos desafíos construtivos.

No que se refire ao AVE, sinalou que é unha infraestrutura cun triplo retorno económico, social e ambiental. No primeiro ano de funcionamento, a demanda de viaxes da liña ferroviaria coa Meseta medrou máis dun 70 %, con 1,8 millóns de pasaxeiros que utilizaron o AVE para desprazarse entre Madrid e Galicia.

Neste sentido, insistiu en que se complete a chegada do AVE a Galicia, coas obras pendentes en Ourense e coa disposición dos trens AVRIL preparados para cumprir os tempos de viaxe comprometidos entre A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo con Madrid.

Tamén puxo o acento na necesidade dunha planificación completa e concreta para modernizar a rede de ferrocarril que conecta A Coruña con Lugo e con Ferrol e que non pode seguir sendo unha illa ferroviaria en Galicia.

En relación ao outro proxecto recoñecido hoxe, fixo fincapé no potencial transformador da obra civil e mariña de descarga de cru no Porto Exterior de Langosteira.

Explicou que este novo pantalán para descarga de cru, con capacidade para o atraque de petroleiros de ata 200.000 toneladas e 300 metros de eslora, incrementa a súa competitividade o atractivo do Porto Exterior para a captación de novos tráficos.

Ademais, avanzou que a execución do Novo CHUAC está próxima a comezar, cun investimento de 500 M€, e destaca o papel da enxeñería no impulso da maior obra sanitaria proxectada na comunidade.

Convidou aos enxeñeiros a achegarse ao proxecto que aspira a blindar a maior asistencia sanitaria pública para A Coruña e a súa área durante os vindeiros 50 anos e que en termos de mobilidade e accesibilidade representa un enorme reto.

Referiu tamén a calidade do resto dos traballos presentados a este Premio San Telmo 2021: a mellora da conexión entre Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao paso por Seixo, impulsada pola Deputación de Pontevedra; ou a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago, en Compostela; e a pasarela na AC-552, A Grela-Marineda, presentadas pola Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta.

R., 2023-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (carne-65-2024.jpg) A vellez é unha etapa para gozar. Facer o que non tivemos tempo de facer cando eramos máis novos, probar novas experiencias, pasar bos momentos na compaña dos nosos ou, simplemente, seguir gozando do que sempre nos gustou facer no tempo libre. Por iso a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia pon en marcha o Carné +65, que permitirá a todos os maiores de 65 anos viaxar, obter descontos, vantaxes e beneficios en aloxamentos turísticos e moito máis. Trátase dunha tarxeta totalmente gratuíta e que non necesita un proceso de activación, pode ser empregada desde o momento en que o/a beneficiario/a a recibe.
Foto de la tercera plana (phygital-land-cdc.jpg) A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.

Notas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro mércores, día 13 de novembro, ás 17:30 horas, unha nova sesión do Ciclo HumanIA: o Desafío para as Humanidades en Tempos da Intelixencia Artificial, un espazo de aprendizaxe no que a comunidade universitaria e os profesionais de diversas disciplinas poden descubrir como a IA está transformando a sociedade e os postos de traballos relacionados coas humanidades.
Na problemática da crecente resistencia das bacterias aos antibióticos, a Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo está comprometida desde o punto de vista non só investigador senón tamén divulgativo, desenvolvendo diferentes iniciativas de concienciación cidadá. No marco deste compromiso, este venres celebrou na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a VI Xornada de Conciencia sobre o Uso dos Antibióticos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES