Noticias

Galicia promociona os seus produtos do mar por toda España

A campaña 'Galicia sabe amar', posta en marcha pola Xunta en 2021, está promocionando os produtos galegos do mar por toda España, dando a coñecer a calidade e versatilidade dos peixes e mariscos para impulsar o seu consumo. Desde o mes de febreiro, diversos municipios españois vinculados cos Camiños de Santiago están coñecendo as bondades dos manxares das rías galegas. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Consellería do Mar que se materializa en catro foodtrucks rotuladas coa imaxe da campaña que están a realizar outros tantos percorridos pola xeografía española para ofrecer un total de arredor de 1.000 degustacións de produtos do mar de orixe galego nuns 260 municipios (con estancia de entre un e tres días en cada un deles tanto en horario de mañá como de tarde), cun alcance potencial de 13 millóns de persoas.

En total serviranse uns 250.000 petiscos, con 10 elaboracións diferentes a base de produtos certificados do mar -como os amparados polo selo pescadeRías, Berberecho de Noia, Bonito do Norte ou Mexillón de Galicia- e outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP) como fabas, mel, pementos, queixos, pan ou patacas.

Esta peregrinación comezou o 15 de febreiro na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e visitará numerosas localidades vinculadas cos Camiños de Santiago antes de rematar en Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia, respectivamente. Non obstante, toda a información sobre as rutas está dispoñible en https://galiciasabeamar.xunta.gal.

O obxectivo de ‘Galicia sabe amar’ é dar a coñecer as numerosas opcións que ofrece a comunidade para unha alimentación sá e equilibrada, a través de produtos da máxima calidade e frescura, e tamén poñer en valor o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro. Se en 2021 comezou a difusión principalmente entre os consumidores galegos, agora dá un paso máis para realizar un labor de promoción presencial por toda España.

Foros de debate

Entre as novidades que trae a campaña este ano tamén está a celebración de cinco foros de debate para dar a coñecer a calidade dos peixes e mariscos galegos e a enorme oferta gastronómica e hostaleira galega así como para falar dos retos de futuro do sector e buscar sinerxías entre os distintos actores.

Así, chefs e expertos na materia tratarán diversos temas relacionados cos produtos do mar e a súa cociña, a sustentabilidade da actividade, a formación e investigación, o territorio, a saúde e o benestar ou a presenza nas redes sociais.

Nestes foros participarán perfís moi diversos, desde profesionais do mar (pescadores, mariscadores ou representantes das confrarías) ata cociñeiros, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnos, profesionais da saúde, xornalistas gastronómicos, bloggers e representantes doutras entidades do sector marítimo-pesqueiro.

NoticiaPromoción en feiras

Outro dos elementos fundamentais na promoción dos produtos do mar e na posta en valor do traballo da cadea mar-industria galega é a participación en feiras e eventos nacionais e internacionais. Dentro do primeiro semestre do ano, a Consellería do Mar participou ou participará en diversos encontros internacionais como Gulfood Dubai, Foodex Japan ou Seafood Expo North America, ou nos nacionais Aquafuture Spain de Silleda, Salón Gourmets de Madrid ou Seafood Expo Global de Barcelona.

No segundo semestre están previstas as feiras Tutto Food Milán, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Summer Fancy Food Show de Nova York, Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde, Conxemar Vigo, Anuga Colonia, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia.

Resultados

Todo o traballo realizado na promoción dos produtos do mar ten un claro impacto no seu consumo e na súa cotización. De feito o prezo medio acadado nas lonxas galegas en 2022 foi de 3,26 euros o quilo, unha cifra un 30% superior á media da serie histórica, que se remonta ao ano 2002. Deste xeito increméntanse os ingresos, a rendibilidade e a sustentabilidade do sector marítimo-pesqueiro ante un escenario incerto debido ás dificultades derivadas da guerra en Ucraína ou do encarecemento das materias primas.

Galicia conta con máis de 60 lonxas nas que se comercializan arredor de 300 especies diferentes entre peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, recursos da máxima calidade e demandados en todo o mundo. A eles engádense outros produtos procedentes da acuicultura (como o mexillón) ou da industria transformadora que acaban fornecendo os mercados de todo o mundo para elaborar os pratos máis innovadores e saborosos nos restaurantes máis prestixiosos.

Un sector con impacto en toda a economía

O impacto de todas estas accións de promoción non só afecta ao propio sector, senón que se transmite ao conxunto da economía galega posto que o sector marítimo-pesqueiro ten relación con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia. O complexo mar-industria galego factura anualmente arredor de 9.000 millóns de euros e o valor das exportacións está a medrar de forma continuada nos últimos anos ata superar os 2.500 millóns de euros en 2022.

A todo isto contribúen en boa medida as accións de promoción e a participación en diferentes feiras e eventos que poñen en contacto ao sector con potenciais clientes en todo o mundo, pero sobre todo é o resultado dun complexo marítimo-pesqueiro que desenvolve unha gran variedade de actividades (pesca, marisqueo, cultivos mariños, depuración e transformación dos produtos do mar...) e que conta con máis de 120 portos que xeran unha importante actividade económica e definen tanto o carácter das xentes da súa contorna como a cultura e o patrimonio de moitas localidades costeiras.

R., 2023-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES