Noticias

O Plan Reitor do Parque Natural Fragas do Eume supera o último trámite antes da súa aprobación definitiva

O Parque Natural Fragas do Eume terá nas vindeiras semanas o seu primeiro Plan de uso e xestión (PRUX) despois de que o documento fose informado favorablemente polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible (Cogamads), durante unha reunión que estivo presidida pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Deste xeito, o PRUX das Fragas do Eume dá un paso definitivo cara á súa aprobación definitiva xa que supera o último trámite formal antes de ser remitido ao Consello da Xunta, co que se acadará o “obxectivo transcendental” de que todos os parques naturais da Comunidade conten cun documento propio de xestión e protección.

“Este plan reitor enmárcase na aposta da Xunta por regular e dotar o patrimonio natural galego dun marco normativo acorde ás súas necesidades”, dixo a conselleira, quen engadiu que “estas follas de ruta buscan compatibilizar os usos e a conservación destes espazos protexidos”.

De feito, a Xunta mantivo unha exhaustiva rolda de contactos con concellos, propietarios de terreos privados; produtores agrogandeiros e pescadores; representantes do tecido produtivo, da comunidade de montes e de clubs deportivos para coñecer de primeira man as inquedanzas de quen vive, traballa ou depende deste espazo natural.

Clarificación de usos e zonificación

En concreto, explicou que o PRUX está organizado ao redor de catro programas: un co fin de garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural das Fragas do Eume; un segundo programa orientado á investigación, seguimento e avaliación; outro de xestión do uso público; e o cuarto, centrado na mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos do parque natural. Ademais, tamén prevé un Plan de emerxencia para intervir de forma rápida e eficaz ante posibles eventualidades.

En canto á zonificación, proponse dividir a superficie do parque natural -case 10.000 hectáreas- en catro grandes áreas: zona I de reserva, que inclúe aqueles espazos que requiren dun alto grao de protección; zona II de uso limitado, constituída por áreas que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; zona III de uso compatible, na que se inclúen ámbitos cun valor de conservación medio por integrar no territorio certo nivel de humanización, principalmente por actividades tradicionais agrícolas e plantacións forestais tamén tradicionais; e zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

Logo de salientar que máis do 40% da superficie do parque aparece incluído na zona de maior protección, a conselleira incidiu en que neste Plan os obxectivos de conservación primarán sobre calquera outra actividade; se fomentará unha utilización respectuosa e sensible dos compoñentes naturais do parque, e se marcarán as pautas a seguir para orientar o futuro desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.

R., 2023-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC presentou este xoves na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -para o tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -centrada no ensino e na investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES