Noticias

Galicia analizará todas as vías legais para recorrer a decisión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta vai analizar todas as vías legais que ten á súa disposición para recorrer a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias. A representante do Executivo galego explicou durante un acto na Coruña que nos vindeiros días convocará aos representantes do sector e a expertos xuristas da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga de Universidade da Coruña (UDC) para avaliar as distintas posibilidades e elixir a máis efectiva na defensa dos intereses da frota galega.

Esta cuestión xa fora abordada co sector e con estas dúas entidades en xullo ante o temor a que esta medida se aplicase, un asunto no que é determinante o rango de norma dado por Bruxelas e os detalles do texto definitivo, que se publicará proximamente no Diario Oficial da Unión Europea.

A titular de Mar tamén subliñou que Galicia vai buscar aliados no resto de comunidades autónomas e rexións europeas con intereses pesqueiros así como no Goberno central, que concorda coa comunidade na necesidade de defender á frota. Nesta liña, as actuacións da Xunta van ser ao máis alto nivel e o propio presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, vai solicitar unha reunión co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, para abordar esta cuestión.

Rosa Quintana lamentou que o Executivo comunitario estea a primar nas súas decisións os aspectos medioambientais sobre os económicos e sociais, en contra do que establece a Política Pesqueira Común, e reprobou a mala fe coa que actuou Bruxelas nestes meses. Fíxoo referíndose á reunión que a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, mantivo a mediados de xullo en Galicia co sector e coas Administracións galega e española para analizar esta cuestión e na que dixo que se ían revisar os informes e datos dos que dispoñía o Executivo comunitario para suavizar esta situación.

“Sen aportar datos novos nin estudos sobre esta materia, avanzan nunha decisión que semella que xa tiñan tomada antes desa xuntanza”, denunciou a conselleira. “É de sentido común que as agresións ao ecosistema estean prohibidas, pero non temos ningún informe que diga que depositar un anzol dunha arte de pesca de fondo -como o palangre, que é moi selectiva- supoña máis dano ca tirar pedras de grandes dimensións ao fondo do mar sen ningún control, como fixo nos últimos días algunha organización ecoloxista”, aseverou.

Sen aportar informes

Nesta liña, Rosa Quintana cualificou de indignante a actuación de Bruxelas nesta cuestión pois tampouco aportou ditames biolóxicos nin socioeconómicos que sustenten a súa proposta, unha falla de argumentos sólidos que fai que a decisión se estea a adoptar en base a datos parciais e sen actualizar.
A representante da Xunta defendeu que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lamentou que o Executivo comunitario dea prioridade novamente ás teses medioambientalistas por enriba das aportadas polos científicos e o propio sector. Por iso, asegurou que Galicia vai traballar sen descanso na defensa dos intereses da súa frota e que esta medida chegue a aplicarse.

A titular de Mar advertiu de que esta medida afecta de xeito directo a arredor de 200 barcos de capital galego e o seu impacto potencial pode chegar ao milleiro de embarcacións, incluíndo as artes menores, ben polo solapamento de zonas de pesca ou pola futura ampliación desta prohibición. “Pode producirse un desprazamento das frotas que estaban traballando nesas áreas a outras próximas nas que faenan outros buques, polo que habería unha sobreexplotación deses caladoiros”, lamentou.

Este tipo de medidas, engadiu, poñen en risco o futuro do sector e pode supoñer a perda de embarcacións e de empregos, unha factura que Galicia non está disposta a asumir. Neste sentido, expuxo Rosa Quintana, España pasou de ter máis de 30.000 buques nos anos 80 a algo máis de 8.000 na actualidade, polo que non pode facer maior esforzo neste sentido.

“Non podemos consentir ter os recursos en niveis de rendemento máximo sustentable e impedir que o sector pesqueiro desenvolva a súa actividade. Se perdemos frota, o día de mañá terceiros países virán a extraer uns recursos que son de todos os cidadáns da Unión Europea”, concluíu a conselleira do Mar.

R., 2022-09-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES