Noticias

Galicia aposta pola cogobernanza co sector na xestión marítimo-pesqueira para manter a súa posición de referente a nivel europeo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou a aposta de Galicia pola cogobernanza co sector como unha das chaves para superar os retos aos que se enfronta o complexo mar-industria e manter a súa posición de referente europeo, entre eles a revisión da Política Pesqueira Común (PPC) e o desenvolvemento da economía azul. A titular de Mar salientou que Galicia é a principal rexión pesqueira española e europea e que o seu modelo de xestión se basea na cooperación.

Fíxoo durante a súa participación nos Cursos da Granda sobre Gobernanza da política pesqueira e desenvolvemento da economía azul.

Ese xeito de traballar, engadiu, materialízase no contacto constante co Consello Galego de Pesca, no que están representados todos os elos da cadea mar-industria para unha óptima xestión e ordenación da actividade marítimo-pesqueira.

Nesta liña, a representante do Executivo galego defendeu a necesidade de que todas as medidas de xestión que se adopten estean baseadas en datos e argumentos sólidos para evitar prexuízos innecesarios ao sector. Neste eido lembrou episodios negativos como a pretensión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas europeas -sen ditames biolóxicos nin socioeconómicos que a sustenten- ou os ataques inxustificados que sofre a frota pesqueira galega en alta mar por parte de organizacións ecoloxistas malia faenar de xeito totalmente legal.

Rosa Quintana lembrou que Galicia realizou distintas xestións da man do Consello Galego de Pesca para facer fronte a estes e outros retos inmediatos do sector marítimo-pesqueiro, como a revisión da PPC. Neste sentido, este órgano emitiu un ditame -que xa foi trasladado a outras rexións pesqueiras europeas e aos parlamentarios galegos nas distintas cámaras de representantes- que recolle as prioridades e necesidades da comunidade ante a posible reforma da política pesqueira comunitaria entre as que destaca unha política máis social e de futuro que aposte pola remuda xeracional no sector.

Para lograr este obxectivo, salientou a conselleira, é fundamental mellorar as condicións de vida a bordo e o contacto con terra mediante a construción de buques máis modernos -tendo en conta que maiores dimensións non teñen por que implicar maior capacidade de pesca- e adecuar a formación ás necesidades da frota. A esta demanda engádense outras como un comercio mundial pesqueiro xusto, unha pesca compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático ou a cogobernanza global.

A titular de Mar subliñou o desenvolvemento da economía azul como outro dos grandes retos de Galicia ao tempo que puxo en valor o traballo realizado pola comunidade neste eido. Neste sentido, fixo fincapé en que a comunidade está a deseñar a Estratexia Galega da Economía Azul co obxectivo de cubrir os sectores directamente vencellados co medio mariño e costeiro -como a pesca, a acuicultura e o transporte marítimo- e outros máis emerxentes e innovadores como o portuario, o naval ou o turismo costeiro.

A representante da Xunta destacou que se trata de sectores con alto potencial de emprego e crecemento, polo que apostou por converter o reto da economía azul nunha oportunidade para o desenvolvemento da comunidade a medio e longo prazo. Nesta liña, puxo como exemplo de boas prácticas o Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo, que marca o camiño a seguir de Galicia no desenvolvemento da economía vencellada co mar.

O evento

A xornada enmárcase nos Cursos da Granda, unha institución dedicada a estreitar lazos entre empresarios, historiadores, economistas, científicos e todo tipo de profesionais que traballan a favor do futuro de Asturias. Desde 1978 ofrece cursos gratuítos sobre distintos temas de interese para o conxunto da cidadanía. A cita de hoxe está dirixida por Alberto López-Asenjo, ao que a conselleira agradeceu a súa preocupación e traballo constante a prol do sector marítimo-pesqueiro, e é a primeira ocasión na que os Cursos da Granda abordan a temática pesqueira nos seus máis de 30 anos de historia.

R., 2022-08-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES