Noticias

Galicia reivindica unha política pesqueira común cun equilibrio real entre os aspectos medioambientais e os socioeconómicos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reivindicou a necesidade de que a Unión Europea conte cunha Política Pesqueira Común (PPC) na que haxa un equilibrio real -tal como establece un dos seus principios- entre os aspectos medioambientais e os socioeconómicos. Así o pediu durante a súa intervención na clausura da IX Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca A nova PPC e o Fempa no futuro da pesca, ao tempo que defendeu a transcendencia de revisar esta política e introducir cambios para adaptala á realidade das distintas ramas de actividade vencelladas co mar.

A titular de Mar lembrou que esa é tamén unha das demandas que esta semana asinou a Xunta xunto a máis de 30 entidades relacionadas co sector do mar no Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas ante a evidencia de que a política medioambiental está a impoñerse á pesqueira. Neste sentido, lembrou os plans de Bruxelas para prohibir a pesca de fondo en preto dun cento de zonas de augas comunitarias, o que pon en risco a actividade da frota de Gran Sol e de litoral e ameaza centos de postos de traballo en Galicia.

A representante do Executivo galego apostou por unha política rigorosa, baseada en estudos de impacto detallados, e pediu fuxir de medidas drásticas e en base a datos que semellan parciais e desactualizados como é a proposta de prohibir a pesca de fondo.

Rosa Quintana lembrou que Galicia defende a necesidade de que se realice unha revisión da Política Pesqueira Común -tal como recolle o ditame elaborado e aprobado polo Consello Galego de Pesca- para convertela nunha solución europea e europeísta que reforce á Unión Europea como garante dun sector pesqueiro europeo que sexa modelo de xestión e no que se poida traballar en igualdade de condicións a nivel internacional.

Neste sentido, subliñou que a comunidade inclúe entre os seus eixos estratéxicos a demanda dunha PPC máis social e de futuro, que estableza un mercado común no que o comercio pesqueiro sexa máis xusto, que permita unha actividade máis sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, que se adapte ao cambio climático e na que a cogobernanza global sexa a base para a sustentabilidade da actividade.

A titular de Mar agradeceu á Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) a organización desta IX Conferencia internacional e puxo en valor o seu labor como centro de debate sobre os retos máis importantes do sector marítimo pesqueiro, tanto presentes como futuros. Para superalos, incidiu, é vital que tanto a PPC como o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) -os dous asuntos principais do encontro- estean adaptados á realidade do sector e favorezan o seu desenvolvemento.

O evento

A Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca cumpre este ano a súa novena edición como un dos encontros máis importantes para reunir a autoridades, científicos e profesionais do sector e avaliar os asuntos de actualidade do sector marítimo-pesqueiro. Na primeira xornada, celebrada onte, abordouse a necesidade da renovación da PPC -na que participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta- e na de hoxe as características do Fempa, coa intervención da secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, que incidiu na necesidade de simplificar a tramitación dos fondos europeos para elevar os niveis de execución.

A Consellería do Mar apoia á Cooperativa de Armadores de Vigo na organización deste evento por medio dun convenio de colaboración asinado este ano por importe de máis de 135.000 euros. Este orzamento pretende axudar a cubrir tanto parte dos gastos derivados da celebración da IX Conferencia Internacional como do IV Festival ARVI do peixe – Vigo Seafest 2022, que comeza mañá. Desde a primeira edición destas dúas iniciativas, a Xunta destinou ao seu desenvolvemento máis de 700.000 euros.

R., 2022-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES