Noticias

Galicia acada a maior converxencia en renda con España da serie histórica, un 90,9%

Galicia é a segunda comunidade autónoma que rexistrou maior incremento do PIB per cápita en 2019, e isto permitiu acadar un nivel de converxencia en renda con España do 90,9%, o maior da serie histórica, segundo indican os datos de Contabilidade Rexional publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística. En 2019 o PIB per cápita de Galicia medrou un 3,67% respecto a 2018, ao pasar de 23.183 a 24.034 euros. Isto supón o segundo maior avance de todas as comunidades autónomas, só superado por Navarra (4,15%) e nove décimas superior á media española (2,76%). Con esta evolución, o PIB per cápita de Galicia pasa a representar o 90,91% da renda española. Este é o maior nivel de converxencia en renda con España de toda a serie histórica, e tamén é o segundo ano consecutivo en que se supera a barreira do 90%, un feito que se produciu por primeira vez no ano 2018 (90,11%).

Ademais, en termos constantes a variación de volume do PIB de Galicia en 2019 foi do 1,93%, o sexto maior incremento de España tras Navarra (2,83%), Madrid (2,46%), Valencia (2,29%), Murcia (2,25%) e Andalucía (2,14%). Pola contra, outras 11 comunidades rexistraron unha variación interanual do PIB inferior a Galicia, que se situou cinco centésimas por baixo da media española (1,98%) e máis de 4 décimas por riba da media de UE-28 (1,5%). En prezos correntes, o PIB de Galicia medrou o pasado ano un 3,67%, oito centésimas por riba de media española (3,59%) e o quinto maior incremento de España.

Os datos da Contabilidade Rexional publicados hoxe polo INE indican tamén que Galicia é a comunidade autónoma onde máis aumentou o PIB per cápita neste século. De feito, o incremento do PIB per cápita desde o ano 2000 en Galicia é do 93,8%, case 30 puntos máis que a media española, que medrou un 65,5% neste mesmo período.

Tendo en conta a última década, Galicia é a segunda comunidade con maior incremento do PIB per cápita, cun crecemento do 18,2% respecto a 2009. Este aumento só é superado por Extremadura (19,6%) e está por riba da media das comunidades autónomas (14,6%).

R., 2020-07-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES