Noticias

Galicia, Asturias e Cantabria cooperan para impulsar o pastoreo na montaña como medio para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade animal

Representantes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) veñen de reunirse cos seus homólogos do SERIDA asturiano e do CIFA cántabro, así como con membros do Centro Tecnolóxico da Carne, para avanzar no desenvolvemento dun proxecto que busca fomentar o pastoreo na montaña como medio para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade animal. O encontro, que tivo lugar no centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), concluíu cunha visita á Estación Experimental Agrogandeira de Montaña do Marco da Curra.

En concreto, este proxecto de ámbito nacional ten como obxectivo integrar e mellorar o coñecemento científico e técnico de aspectos relacionados coa xestión dos pastos na montaña cantábrica e galega. Así, non só se persegue previr os lumes forestais e contribuír á produción animal, senón tamén traballar na mellora do solo, incrementar a biodiversidade e impulsar a gandaría en extensivo.

A idea é implicar tanto aos propietarios das terras como aos xestores e gandeiros, aos que se lles ofrecerán ferramentas para que escollan a opción de pastoreo máis axeitada en cada caso, tendo en conta as condicións do terreo ou os obxectivos de produción, así como factores ambientais.

A maiores, o CIAM participa xunto co Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias e o Centro de Investigación e Formacións Agrarias (CIFA) de Cantabria nun proxecto liderado por unha empresa de base tecnolóxica na Universidade de Alcalá que busca mellorar o manexo do gando en extensivo e a xestión dos pasteiros mediante unha ferramenta de seguimento. Así, por unha banda, pódese comprobar o estado dos pastos, e por outra, detectar por onde pastan os animais.

Deste xeito, perséguese poñer a disposición do sector unha ferramenta operativa que cumpra coas necesidades dos técnicos, gandeiros e xestores para posibilitar unha adecuada toma de decisións na organización dos montes e no manexo do gando. Todo para lograr unha xestión axeitada dos pastos diminuíndo os custos de produción e deixando patente o beneficio medioambiental que pode proporcionar a gandaría en extensivo.

Plan de Pastoreo de Galicia

En paralelo a este proxecto, a Consellería do Medio Rural comezou a traballar xa nos primeiros pasteiros concibidos ao abeiro do Plan de Pastoreo de Galicia, que contempla un investimento superior aos 9,5 millóns de euros para recuperar unhas 2.250 hectáreas en toda a comunidade.

O obxectivo deste plan é dotar ás explotacións de máis base territorial para contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio ao relevo xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural. A maiores, foméntase o equilibrio e a sustentabilidade ambiental, non só polo coidado dos pastos senón tamén porque a meirande parte das gandarías que fan uso do pastoreo nos montes veciñais son gando de produción de carne de maneira sostible e con razas autóctonas.

R., 2020-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES