Noticias

O Encontro de Artistas Novos 'Cidade da Cultura' lanza unha nova convocatoria centrada esta vez no talento galego

A Xunta vén de convocar unha nova edición do seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo. Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.

Ademais, o programa sufrirá pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que o encontro se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes.

O EAN chega baixo a dirección, novamente, de Rafael Doctor, e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos ao redor de 600 creadores e creadoras ao longo das nove edicións previas do encontro. Os artistas emerxentes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), recentemente premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme O que arde.

Relatores de prestixio

Esta edición incluirá tamén a presenza da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011; a artista plástica e profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); e o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, Málaga, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura. Súmanse á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Do 23 ao 27 de agosto

O programa –a desenvolver entre o 23 e o 27 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Recoñecidas figuras como Lois Patiño, Jesús Madriñán ou Nuria Güell estiveron entre os participantes seleccionados nas diferentes edicións do Encontro, cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González; e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico. Co obxectivo de que este intercambio se produza en todas as súas vertentes, o EAN inclúe ademais visitas a centros de arte contemporánea como o CGAC ou a Fundación Granell.

Intervención artística arredor do Camiño

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as Torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.

Solicitudes ata o 3 de xullo

Os artistas emerxentes interesados en seren seleccionados para participar no EAN10 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 3 de xullo xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas poden consultarse en www.cidadedacultura.gal.

R., 2020-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES