Noticias

Os directores de Voadora e La Fura dels Baus analizarán na Cidade da Cultura os retos das artes escénicas ante o COVID-19

A segunda sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 analizará este venres 22 de maio os retos das artes escénicas no contexto actual, nun encontro virtual coa participación da directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos, e o director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Xunta de Galicia. Enmárcase no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e poderá seguirse de balde por videoconferencia, previo rexistro en cidadedacultura.gal.

Os Foros #aculturasegue consisten nunha serie de encontros online –en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das industrias creativas. Propóñense convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no contexto actual de emerxencia sanitaria, e das implicacións que as medidas de contención da COVID-19 están a ter para as empresas e profesionais da cultura.

A súa primeira entrega —celebrada a pasada semana e centrada nos desafíos da creación de contidos dixitais— congregou a máis de 300 asistentes que puideron seguir a sesión a través da rede.

Os retos do sector das artes escénicas

As artes escénicas centrarán o segundo diálogo do ciclo que chega o vindeiro venres 22 de maio conducido pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e que contará con dous participantes de longa e consolidada traxectoria. Dunha banda, Carlus Padrissa (Balsareny, 1959), un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea tamén un dos proxectos máis ambiciosos da Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas. Padrissa acaba ademais de crear un novo espectáculo titulado Nueva Normalidad, baseado na loita da humanidade contra a pandemia no mundo.

Estará acompañado de Marta Pazos, (Pontevedra, 1976), directora artística e dramaturga de Voadora, compañía que se ten consolidado como unha das máis inquedas da vangarda escénica española e xunto á que desenvolve unha linguaxe propia baseada na plástica, a música, a hibridación de disciplinas e a investigación escénica constante. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, dirixiu ópera e teatro para centros de produción como o Teatro Real, Teatro Lliure, Teatro Español, Centro Dramático Galego e actualmente para o Centro Dramático Nacional. A súa persoal linguaxe e a ollada plástica aplicada á escena convértena nunha das directoras máis relevantes da súa xeración. En 2019 estrea as óperas A amnesia de Clío de Fernando Buide e Je Suis Narcissite de Raquel García Tomás, que optou aos International Opera Awards como mellor estrea mundial do pasado ano. No contexto actual, está a realizar ensaios online para facer fronte á situación de distancia social imposta pola emerxencia sanitaria.

O encontro desenvolverase a partir das 18,00 horas a través de videoconferencia e nel están convidadas a participar todas as persoas interesadas, que deberán rexistrarse, previamente e de balde, a través da web cidadedacultura.gal, onde está dispoñible toda a información sobre o encontro.

Oito sesións con profesionais do sector cultural

Os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 programan un total de oito sesións centradas en diferentes temas e problemáticas que afectan ao sector das industrias culturais e creativas, cos que a Xunta de Galicia convida a profesionais e expertos en cada materia, tanto de Galicia como de fóra da nosa Comunidade.

Así, ademais das artes escénicas, en vindeiros foros abordaranse por exemplo os retos aos que se enfrontan os sectores da música, das artes plásticas ou do libro na era post COVID-19, pero tamén outras cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor e a superación da desconfianza dos e das asistentes a eventos culturais no contexto da nova situación sanitaria global.

R., 2020-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES