Noticias

Galicia colabora no deseño de guías para a adaptación dos sectores pesqueiro e acuícola europeos ao cambio climático

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e os seus socios no proxecto europeo ClimeFish presentarán a próxima semana os resultados do traballo realizado durante catro anos para facilitar a adaptación ao cambio climático nos ámbitos da pesca e da acuicultura en Europa. Será durante a celebración do Foro Internacional 2020 sobre os Efectos do Cambio Climático na Pesca e na Acuicultura, un encontro que organiza o consorcio ClimeFish os días 25 e 26 de febreiro na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). O ente participará no evento, que supón o peche deste proxecto europeo, cunha sesión de interacción e o diálogo entre os distintos actores.

Nela presentará a plataforma desenvolvida no marco desta iniciativa para apoiar na toma de decisións e facilitar a adaptación ao cambio climático.

Esta ferramenta é o resultado máis relevante de ClimeFish e para a súa consecución os socios do proxecto contaron coa contribución e participación de científicos e partes interesadas nun proceso interactivo liderado polo Cetmar. Froito dese traballo, a plataforma inclúe ferramentas para coñecer e abordar os efectos, riscos e oportunidades relacionados co cambio climático así como guías para facilitar a adaptación nos eidos pesqueiro e acuícola.

O foro será inaugurado polo director de pesca e acuicultura da FAO, Manuel Barange, e por representantes da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea e analizará os retos que o cambio climático presenta na actualidade para os sectores da pesca e da acuicultura europeas así como as posibilidades de afrontalos.

Neste sentido, o encontro contará coa participación de representantes galegos do sector do mexillón e da Consellería do Mar que colaboraron no proxecto xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no estudo do caso do mexillón, un dos dezaseis desenvolvidos no marco deste proxecto.

Ademais dese labor, o Cetmar promoveu a interacción coas partes interesadas durante todo o proceso, conseguindo a participación de preto de 150 axentes relacionados co sector nunhas vinte reunións específicas. O traballo do ente dependente da Consellería do Mar tamén contribuíu a xerar unha maior conciencia sobre os impactos do cambio climático na pesca e na acuicultura mariña e de auga doce e supuxo o punto de inicio para o desenvolvemento de medidas de adaptación en sete casos de 10 países europeos.

O proxecto ClimeFish, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 e cun presuposto de cinco millóns de euros, desenvolveuse entre 2015 e 2020 coa participación de 21 socios que, ademais do caso galego, desenvolveron 16 estudios de caso para os sectores da pesca e acuicultura mariña e continental que inclúen máis de 25 especies en toda Europa, Canadá, Chile e Vietnam.

R., 2020-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES