Noticias

Presentada a edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer de su casa', de Concepción Arenal

A presentación da edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer de su casa' de Concepción Arenal reuniu a Carmen Blanco, prologuista da obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en Compostela. La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.

Con estas obras, entre moitas outras, Concepción Arenal dedica unha parte importante da súa vida a reivindicar situacións marxinais, neste caso, o papel da muller no século XIX, converténdoa nunha pioneira no pensamento feminista. Ao acto tamén asistiron o reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. A publicación impulsada pola USC e o Ateneo compostelá é unha das iniciativas que a Universidade contempla dentro do programa de actividades do Ano Concepción Arenal.

Actividades ao longo de 2020

A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta escritora ao longo de 2020, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. A profesora da USC, María Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Francisco Méndez García, serán os comisarios da mostra, da que tamén formarán parte como equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para centros.

A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.

A Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso. Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades.

R., 2020-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES