Noticias

A zoqueira de Vila de Cruces Elena Ferro gaña o Premio Nacional de Artesanía e a ceramista viguesa Paula Ojea é galardoada co Premio Produto

Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.

O acto de entrega contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. É a segunda vez que Galicia recibe o Premio Nacional, a máxima categoría das cinco nas que se dividen estes galardóns, co que foi distinguido o obradoiro de gaitas Seivane en 2006.

Catro candidaturas de Artesanía de Galicia optaron como finalistas das cinco categorías nesta edición dos Premios Nacionais de Artesanía. Ademais de Elena Ferro e Paula Ojea, nesta 12ª edición dos galardóns tamén foron seleccionados como finalistas noutras categorías a Fundación Artesanía de Galicia e o obradoiro Anaquiños de Papel (A Coruña).

Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea. Deste xeito, buscan contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar nelas a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.

Elena Ferro

Elena Ferro xa fora finalista en 2011, na categoría Premio Produto. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. No taller familiar, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións.

Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, Elena Ferro outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia, reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou a este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.

Paula Ojea

A serie Cut&Fold de Paula Ojea caracterízase polas súas formas xeométricas imposibles, que segundo o punto de vista desde o que se observen se inclinan cara distintos lados, semellando inestables. Son pezas que exploran contrastes, entre a precisión do deseño e a irregularidade do proceso artesanal. Foron deseñadas con mentalidade e xeito de traballar propias da enxeñería e realizadas de forma artesanal.

A serie, que evoca o papel cortado e dobrado, permite incorporar deseños máis utilitarios (xerras, cuncas, e pratos) que usan chefs de alta cociña para servir as súas creacións. Os seus singulares deseños son realizados a man de xeito que nunca dúas pezas son idénticas. Desde a modelaxe ou colaxe da arxila ata o esmaltado, todo se fai de maneira individual. En 2017 este obradoiro resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto, dentro dos Premios Artesanía de Galicia, para formación especializada nun centro de prestixio.

R., 2019-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES