Noticias

Galicia defende a posibilidade de que a Comisión Europea destine os fondos de pesca non empregados a axudas para minorar o impacto do brexit

Celebrouse a sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico en Porto, onde Galicia presentou as súas aportacións á Declaración política aprobada neste encontro. Unha das fundamentais é a petición de que a Comisión Europea analice a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca non empregada en anos previos a axudas para minorar o impacto do brexit. A segunda das aportacións é a petición de que a Unión Europea e o Reino Unido traballen conxuntamente para protexer e desenvolver a cooperación existente entre as rexións da UE e as zonas atlánticas do Reino Unido, os territorios británicos de ultramar e terceiros países.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico que se está a desenvolver en Porto. Alí a titular de Mar fixo fincapé nas aportacións de Galicia á Declaración política sobre o brexit e a pesca aprobada neste encontro. Unha das fundamentais, explicou, é a petición de que a Comisión Europea analice a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca non empregada en anos previos a axudas para minorar o impacto do brexit.

A segunda das aportacións fundamentais de Galicia a esta declaración política é a petición de que a Unión Europea e o Reino Unido traballen conxuntamente para protexer e desenvolver a cooperación existente entre as rexións da UE e as zonas atlánticas do Reino Unido, os territorios británicos de ultramar e terceiros países. Con estas propostas, explicou a conselleira, “buscamos afrontar con éxito as oportunidades do brexit e que as nosas posicións saian reforzadas”. Estas mensaxes debatéronse e definíronse na reunión do grupo operativo brexit da Comisión do Arco Atlántico celebrada a semana pasada na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Ademais a titular de Mar puxo de relevo a importancia socioeconómica da pesca en Galicia e lembrou que neste eido o brexit afecta a unha frota de máis de 130 buques e 1.700 tripulantes e a un negocio potencial de 250 millóns de euros só en primeira venda. Por iso, sinalou, “Galicia aposta por un acordo a longo prazo que vele pola sustentabilidade da pesca, que estea ligado ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado e que permita preservar unha distribución axeitada dos Totais Admisibles de Captura e das cotas”. Un acordo, engadiu, “que proporcione un marco de xestión que garanta o equilibrio das nosas poboacións pesqueiras”.

En aras desa defensa, explicou a titular de Mar, Galicia trazou unha folla de ruta, un traballo que “consistiu en anticiparse e adoptar as medidas necesarias para converter o brexit nunha oportunidade co obxectivo de que a internacionalización do tecido empresarial continúe crecendo como ata o de agora”.

Folla de ruta de Galicia

Galicia foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros. No ano 2016 a Xunta encargou ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña un informe no que analizou as consecuencias do brexit para a pesca galega.

A este sumouse o realizado pola Universidade de Santiago de Compostela tamén por encargo da Xunta para analizar aspectos económicos como o posible impacto por cese da pesqueira e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Tamén se suma, expuxo Rosa Quintana, un segundo informe Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre as posibilidades para conformar o acordo de pesca co Reino Unido.

Rosa Quintana lembrou que Galicia tamén está a aproveitar diferentes oportunidades para buscar rexións e estados membros aliados na defensa de intereses comúns. Froito desta busca xorden traballos en común coa Alianza Pesqueira Europea, dos que o primeiro foi a declaración de Santiago a favor de que a pesca teña un papel prioritario nas negociacións do brexit e que foi rubricada por máis de 60 comunidades costeiras.

Ademais a Xunta creou un grupo de traballo interdepartamental sobre os efectos económicos do brexit na comunidade autónoma galega e sobre posibles medidas de minoración e propuxo ao Goberno central adoptar as medidas necesarias para que, ante a posibilidade dun brexit duro, os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir operando con normalidade en portos de Galicia.

A maiores a conselleira lembrou o labor de Galicia con outras rexións. Por exemplo na conferencia de rexións periféricas marítimas de Cardiff, á que asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; no grupo de traballo que coordina Galicia sobre o brexit dentro da Comisión do Arco Atlántico e no memorando de entendemento subscrito con Gales.

Comisión do Arco Atlántico

A Comisión Arco Atlántico creouse en 1989 en Faro (Algarve, Portugal) e está integrada por rexións de cinco Estados (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal). A cooperación destas rexións tradúcese en grupos de traballo sobre temas como os transportes, a pesca e a investigación mariña e marítima, entre outros; proxectos ao servizo dos cidadáns e os territorios e a colaboración con outras entidades como as Cámaras agrarias, os círculos socio-profesionais e as universidades. Ademais ten como obxectivo a defensa dos intereses rexionais ante as instancias comunitarias e os Estados membros, a través da participación activa nas consultas sobre as políticas europeas e da elaboración de documentos estratéxicos, entre outras funcións.

R., 2019-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES