Noticias

A Cidade da Cultura organiza en xullo acampadas no Bosque de Galicia para achegarlle á rapazada a natureza do Monte Gaiás

A Cidade da Cultura de de Galicia convida á rapazada de entre 10 e 13 anos a participar ao longo deste mes de xullo na súa actividade de verán 'Unha noite no Bosque', unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia, que se desenvolve os venres no monte Gaiás. O obxecto desta proposta do programa Verán no Gaiás é achegarlles ás xeracións máis novas a natureza da súa contorna máis próxima, á vez que transmitir e fomentar os valores de coidado e de respecto polo medio ambiente. A rapazada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua.

As actividades de Unha noite no Bosque comezan ás 19 horas cunha visita guiada polos espazos arquitectónicos do Gaiás, na que os rapaces terán a oportunidade de descubrir todos os recunchos do complexo deseñado por Peter Eisenman, así como achegarse dun xeito diferente ao traballo do prestixioso arquitecto norteamericano.

A continuación, acompañados de monitores, montarán o campamento no Bosque de Galicia e, despois dunha cea todos xuntos, participarán nunha ruta polo propio bosque e o Parque do Lago, titulada Os sons da noite. Nesta actividade, descubrirán a fauna e a flora deste espazo natural e aprenderán a recoñecer os sons característicos dos habitantes do monte Gaiás ao lusco fusco. A noite rematará ao máis puro estilo dos campamentos de verán, contando lendas e historias á luz das estrelas.

Xa o sábado pola mañá, e tralo almorzo e recollida do campamento, os participantes de Unha noite no Bosque asistirán a un obradoiro de nós básicos e a outro destinado a repasar mediante fichas e cantos a fauna nocturna descuberta o día anterior.

Entradas xa á venda

A rapazada que desexe participar nesta actividade deberá traer saco de durmir, esteira, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo, mentres que a cea e o almorzo serán proporcionados pola organización. En caso de moi mal tempo, a actividade trasladarase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A través da páxina web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información, así como acceder á venda das entradas así como a promocións e descontos.

Actividades familiares

Unha noite no Bosque é unha das actividades para a cativada da programación deste ano de Verán no Gaiás. Así, ademais destas acampadas, ofrece unha ampla e variada oferta pensada para fomentar a creatividade dos rapaces con propostas que conxugan lecer e cultura. Deste xeito, este ano póñense en marcha no Museo Centro Gaiás, do 8 ao 19 de xullo, dous novidosos campamentos urbanos para a cativada, vencellados ás exposicións actuais: Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia.

Camiño ao Gaiás e as visitas Astronómicas completan esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta ás tardiñas do xoves do verán de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde o casco histórico compostelán; como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno de estío. Ambas actividades son de balde, con inscrición xa aberta a través de www.cidadedacultura.gal.

Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2019 terá lugar a tarde do sábado 24 de agosto.

R., 2019-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES