Noticias

Galicia volverá reducir en 2019 o gasto en xuros da débeda, cun aforro acumulado de 576 millóns nos últimos cinco anos

En 2019 a Xunta de Galicia volverá reducir –un 2,5%– o gasto en xuros da débeda, o único capítulo orzamentario que baixa respecto a este ano. Con esta evolución, Galicia terá acadado o vindeiro exercicio un aforro acumulado en xuros da débeda de 576 millóns de euros nos últimos cinco anos. Galicia disporá o vindeiro ano dunha capacidade gasto de 9.850 millóns de euros, o que permitirá manter o crecemento e aumentalo en 363 millóns para reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que en 2019 a Xunta de Galicia volverá reducir –un 2,5%– o gasto en xuros da débeda, o único capítulo orzamentario que baixa respecto a este ano. Con esta evolución, Galicia terá acadado o vindeiro exercicio un aforro acumulado en xuros da débeda de 576 millóns de euros nos últimos cinco anos, grazas á xestión prudente e rigorosa do endebedamento que vén realizando o Goberno galego.

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2019 e as contas da súa consellería, Valeriano Martínez lembrou que a Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade gasto de 9.850 millóns de euros, o que permitirá manter a senda de crecemento e aumentalo en 363 millóns para reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas dos impostos sobre os que a Xunta de Galicia ten competencias.

O titular de Facenda destacou que a Xunta elevará un 8,5% os beneficios fiscais en 2019, ata situalos en 430 millóns de euros, para que a recuperación económica siga chegando aos fogares galegos. Ademais, o Goberno galego seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.022 euros per capita) e Ourense (3.928), fronte aos 3.035 euros de Pontevedra e os 3.157 de A Coruña.

Máis investimentos e emprego

Os orzamentos para 2019 serán os máis altos desde o ano 2010, e permitirán que Galicia dispoña de 1.464 millóns de euros máis respecto ao 2014, o ano de maior caída de ingresos. A Xunta volverá priorizar a creación de emprego, co obxectivo de xerar no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo, e por iso a Xunta elevará un 7% -o dobre que a media- os fondos destinados ao emprego. En canto ao eido social, as contas manteñen o impulso ás políticas sociais co obxectivo de acadar un crecemento integrado que permita que a recuperación económica chegue a todos os fogares.

As contas presentadas hoxe no Parlamento inclúen unha forte aposta polos investimentos, que medran un 5,3%, ata chegar aos 1.652 millóns. Tamén reforzan o eido da innovación, no que a Xunta volve apoiar a competitividade como medio para impulsar o crecemento económico. Así, incrementaranse un 14% os recursos para a innovación e aumentarán o apoio empresarial, ao tempo que as axudas ao investimento produtivo nas empresas medran un 15%, ata chegar a case 90 millóns de euros.

Menos impostos

Ademais de manter as rebaixas fiscais introducidas nos últimos anos, como as aprobadas no IRPF, no Imposto sobre Sucesións ou co programa de impostos cero no rural, Valeriano Martínez explicou as novas baixadas de impostos que aplicará a Xunta desde o vindeiro 1 de xaneiro, e que teñen como finalidade incrementar a renda dispoñible dos fogares.

Entre as novidades figura unha rebaixa no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada habitual, e outra baixada tamén no Imposto sobre Sucesións e Doazóns -nas herdanzas entre irmáns-, para que o 60% das herdanzas entre irmáns en Galicia queden libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio aprobada por mor da crise no ano 2013, de xeito que Galicia volve ter a mesma tributación que a que ten o Estado. E no eido da innovación, apróbanse novas deducións fiscais para incentivar a participación e o investimento en pemes innovadoras e iniciativas empresariais de base tecnolóxica, e tamén nas doazóns para investigación.

Empregados públicos

Ao mesmo tempo, o conselleiro de Facenda lembrou que a Xunta de Galicia prevé nos Orzamentos aplicar o vindeiro ano un incremento salarial do 2,4% para todos os seus empregados públicos, sendo 2019 o cuarto ano consecutivo no que se incrementan os seus soldos. Ademais, a esta suba do 2,4% -que se aplicará cando haxa habilitación legal do Estado- engádense os distintos acordos retributivos acadados nos eidos sectoriais.

En canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que as previsións que manexa a Xunta son que a economía de Galicia siga medrando máis que España e que Europa tanto en 2018 como en 2019, mentres que a taxa de paro galega continuará un ano máis por debaixo da media española e en liña co previsto no Plan Estratéxico 2015-2020.

R., 2018-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES