Noticias

Toma posesión o novo Goberno da Xunta de Galicia, que traballará na segunda parte da lexislatura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nomeou hoxe un novo Goberno que seguirá traballando cada día desta segunda parte de lexislatura. Durante o acto de toma de posesión dos novos membros do Executivo autonómico, Feijóo lembrou que desde o ano 2009 Galicia foi pioneira á hora de acompasar e adaptar o Goberno ás necesidades de cada momento: foi a primeira en reducir o tamaño do Goberno, nunha época de dificultades que así o esixía. En 2015, volveu cambiar para adaptarse aos retos da incipiente recuperación económica, “e, hoxe, cando acabamos de superar o ecuador da lexislatura, reforzamos as áreas máis necesarias para construír o futuro”, sentenciou.

Nesta liña, precisou, nun primeiro termo, que un dos retos a afrontar é a preparación do Xacobeo do ano 2021; unha oportunidade única para amosar ao mundo a comunidade como é: unha terra acolledora, rica en cultura e cun amplo patrimonio. “Traballar co obxectivo de facer o mellor Ano Santo da nosa Historia. Ese é o principal cometido da nova Consellería de Cultura e Turismo”, dixo, precisando que con ese fin únense as competencias en patrimonio, en cultura e en turismo, ademais das relacionadas coa defensa e promoción da lingua galega, nunha Consellería destinada a coidar a identidade galega e a proxectala cara ao exterior.

En relación á reordenación de competencias entre as Consellerías de Infraestruturas e Medio Ambiente, o titular da Xunta explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unifica todas as competencias en obras públicas, ao incorporar tamén as infraestruturas hidráulicas: non só as estradas e autovías, senón tamén as de saneamento e depuración, e a construción da maioría dos edificios públicos, ademais das competencias relacionadas coa mobilidade e o transporte.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incorpora –como indica o seu nome- as competencias en vivenda e rehabilitación, quedando así agrupadas no mesmo departamento que o urbanismo e a paisaxe, o que facilitará unha política integral de harmonización urbanística e ordenación do territorio.

Ademais destas dúas reordenacións, Feijóo subliñou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional terá como obxectivo reforzar a aposta pola educación pública. A xestión da Educación Pública deixa de ser unha das principais preocupacións desta consellería para converterse na única prioridade, baixo a dirección de Carmen Pomar.

Política Social seguirá a ser un departamento prioritario, con Fabiola García como conselleira, e co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia mellor para nacer, para conciliar e para envellecer; unha Galicia atenta ás necesidades dos seus veciños.

Do novo conselleiro do Medio Rural, José González, o presidente da Xunta destacou o seu rigor e a súa capacidade de diálogo; “calidades –recordou- que fixeron posible pechar, co apoio de dous grupos que representan as tres cuartas partes da Cámara, un dos ditames máis importantes desta década: o da Comisión de estudo de incendios e política forestal”.

Feijóo referiuse tamén aos retos que terán que afrontar o resto das consellerías: “O vicepresidente, Alfonso Rueda, seguirá a cargo da coordinación do novo Goberno e das relacións coas demais Administracións, nun tempo onde os cidadáns reclaman traballo conxunto e coordinado en beneficio de todos. E o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, seguirá dedicado á elaboración duns Orzamentos que cada ano son máis expansivos, pero tamén máis eficaces, ademais de liderar as nosas reivindicacións dun sistema xusto de financiamento do estado das autonomías”, explicou, ao que engadiu que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, seguirá a traballar por un crecemento económico sustentable, que permita a Galicia resistir ante unha posible desaceleración global e cuxos beneficios se traduzan en máis emprego e de mellor calidade.

Así mesmo, resaltou que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, seguirá construíndo unha Sanidade Pública máis próxima e eficaz, centrada no usuario, con máis tecnoloxía, máis e mellores centros sanitarios e mellores condicións laborais para o persoal do Sergas. E a conselleira do Mar, Rosa Quintana, seguirá comprometida cun sector no que somos líderes e no que queremos seguir reforzando a nosa posición ante as incertezas que poidan presentarse no futuro, tanto en relación á política pesqueira común como en relación ao brexit.

A Galicia de 2018, unha terra mellor que en 2009

Logo de agradecer o traballo e o compromiso de Beatriz Mato e José Manuel Rey, Feijóo concluíu aseverando que a Galicia de 2018 é unha terra mellor que en 2009: cunha economía que crece de xeito sustentable, con investimento, innovación e fortaleza exportadora; cuns servizos públicos máis eficientes, modernos, áxiles e que responden mellor ás necesidades dos seus propietarios, que son os galegos. Con máis recursos á disposición das persoas con dependencia; e cunhas contas públicas saneadas e mellor preparadas para seguir acompañando os avances da Comunidade.

“Hoxe vivimos nunha Comunidade con máis crecemento e máis benestar, e todo isto grazas ao esforzo dos galegos”, dixo, incidindo en que este Goberno débese única e exclusivamente a eles.

R., 2018-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES