Noticias

O Bono Emprega Automoción con axudas para formación á carta pode solicitarse ata o 30 de setembro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas do bono Emprega Automoción, un novo programa dirixido a ocupados co que a Xunta apoia a formación á carta nas empresas do sector. O Goberno galego con esta iniciativa financiará o 50% da cualificación ata 2000 euros por persoa. Do que se trata é de mellorar as capacidades dos traballadores, o que permitirá ás compañías ser máis competitivas. O investimento previsto é de 3 millóns de euros ao ano para formar a 1500 persoas cada exercicio. O prazo de solicitude, aberto desde mañá, rematará o 30 de setembro.

Esta actuación forma parte dun programa máis amplo, Emprega Automoción, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca atender as necesidades dun sector que está en auxe en Galicia apoiando a formación a medida para dar resposta aos novos perfís profesionais que nacen da man das novas tecnoloxías. Este plan inclúe, ademais das axudas do bono, outras dúas liñas de actuación: as Unidades Formativas e os cursos de formación para desempregados (AFD).

En global, impúlsase a través deste plan a creación de emprego de calidade para o que se investirán 20 millóns de euros ata 2020 para formar a 9000 persoas.

Para as Unidades Formativas, tanto para desempregados como ocupados, destinaranse 1,5 millóns de euros anuais para capacitar a 1000 persoas -tamén cada anualidade- a través do desenvolvemento de 200 cursos ata 2020. Esta iniciativa permite ás empresas que elixan e impartan a formación, que será financiada ao 100% pola Xunta. No caso de desempregados, as firmas teñen que adquirir un compromiso mínimo de contratación do 40% dos alumnos que se cualifiquen. Se a compañía supera ese mínimo, a Xunta incentiva a contratación con apoios que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros.

O terceiro eixo de Emprega Automoción, os cursos de formación para desempregados (AFD), inclúe un orzamento de 2 millóns de euros ao ano para formar a 500 persoas cada anualidade a través de 100 cursos en 3 anos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia accións que estean principalmente relacionadas coa Industria 4.0 e o uso das novas tecnoloxías. A cualificación que se imparte por medio desta actuación é homologada con certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado. Son axudas ás que poden acceder entidades titulares de centros formativos e aquelas acreditadas para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral de Galicia: empresas, asociacións sen ánimo de lucro e concellos.

R., 2018-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES