Noticias

O sector turístico galego pode solicitar ata o 31 de agosto as axudas da Xunta para a certificación da marca Q de calidade

O sector turístico galego pode solicitar xa as axudas para a certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), convocadas por Turismo de Galicia e ás que poderán concorrer establecementos de turismo rural e hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos complementarios.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e estenderase ata o 31 de agosto. Considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018.

En concreto, serán subvencionables os custes de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE e tamén os custes derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2018, unha vez conseguida a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento. As bases completas da convocatoria pódense consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Na súa aposta pola excelencia, Turismo de Galicia convoca estas axudas avanzando así en dúas direccións: na consolidación dun destino cada vez máis competitivo e no interese por ofrecer aos viaxeiros o mellor servizo posible como parte da vontade dos galegos por brindar sempre a mellor acollida aos que visitan a Comunidade galega.

Galicia pechou 2017 converténdose na autonomía con máis distincións especialmente en eidos estratéxicos. En concreto, seis de cada dez instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España están en Galicia. No turismo rural, a metade dos establecementos de hospedaxe recoñecidos son galegos. O mesmo sucede cos servizos e infraestruturas de turismo industrial (46%), do turismo activo (37,5%) e cos balnearios (23%).

R., 2018-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES