Noticias

Galicia contará a finais de 2018 cunha nova estratexia de FP para adiantarse aos perfís profesionais do futuro e afrontar os novos desafíos

Galicia contará no último trimestre deste ano cunha nova estratexia de formación profesional para adiantarse aos perfís profesionais do futuro e afrontar os novos desafíos. Na súa intervención na rolda de prensa do Consello que Galicia o responsable do Goberno galego afirmou que a Administración autonómica seguirá traballando na súa aposta por consolidar un modelo de FP de referencia en toda España. O primeiro Campus FP a nivel nacional está xa a desenvolverse en Vigo; un proxecto que inclúe unha rede de traballo entre os 16 centros da comarca e a construción do centro FP Hub, que actuará como corazón do campus.

Como proba do carácter dinámico da formación profesional, Feijóo lembrou que dos 146 títulos de formación profesional que se impartiron no último curso, a terceira parte (49) non existían no curso 2008/09. E, entre os ciclos que se foron creando destacan algúns de marcado carácter tecnolóxico, como CM instalacións de telecomunicacións, CS animación 3D, xogos e contornas interactivas ou CS desenvolvemento de aplicacións web; e outros que buscan dar un salto de calidade a sectores estratéxicos como produción agroecolóxica, CS paisaxismo e medio rural, CS enerxías renovables ou CS vitivinicultura.

Así mesmo, esta adaptación ás demandas da sociedade e dos sectores produtivos galegos tamén se observa na propia oferta dos ciclos vinculados a determinadas familias profesionais: como informática e comunicacións, que pasou de ofertar 68 ciclos nos centros galegos en 2008 a 118 en 2018; hostalaría e turismo (de 50 a 92); transporte de mantemento de vehículos (de 56 a 94); ou os ciclos da familia de electricidade e electrónica, que pasaron de 123 en 2008 a 156 en 2018.

Por outra banda, e tomando como referencia os datos de matrícula do curso pasado, a familia profesional con máis alumnos foi administración e xestión (7.051 matriculados), seguida de sanidade (6.639), informática e comunicacións (5.003), electricidade e electrónica (4.288), servizos socioculturais e á comunidade (4.056) e hostalaría e turismo (3.447).

O presidente da Xunta precisou que este aumento da calidade veu aparellado tamén dun incremento notable no alumnado. Así, dos 34.746 alumnos matriculados en formación profesional no curso 2008/09, pasouse a 51.000 no curso 2017/18, é dicir, preto dun 47% máis.

Paralelamente, o número de ciclos sostidos con fondos públicos incrementouse arredor dun 40%, ao pasar de 898 en 2008/09 a 1.257 no curso que comezará en setembro. E, dentro destes: 984 corresponden á modalidade de presencial ordinario; 182 a presencial adultos; 46 á FP Dual; e 45 á modalidade a distancia.

En relación á FP Dual, o titular do Goberno galego subliñou que segundo os primeiros datos de inserción laboral nesta modalidade, correspondentes ao alumnado que finalizou no curso 2016/17, nove de cada dez alumnos están a traballar de xeito estable; unha diferenza de 13 puntos con respecto á formación profesional xeral.

A matriculación multiplicouse por 50 nos últimos cinco anos, ata chegar aos 736 alumnos do curso pasado. E, na actualidade, existen na Comunidade 50 titulacións de FP Dual, 127 ciclos formativos, 32 centros educativos que as ofertan e máis de 200 empresas colaboradoras.

Sobre os viveiros de empresa, cómpre lembrar que a rede de viveiros está conformada por 26 centros, dos que xurdiron 29 empresas que están en funcionamento fóra dos viveiros. E, en canto á innovación, desde 2013 desenvolvéronse 120 proxectos de innovación desde os centros de FP e mobilizáronse 1,68 millóns de euros.

R., 2018-03-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES