Noticias

A undécima edición de Espazos Sonoros percorre o patrimonio histórico cunha programación musical de oito concertos

O festival Espazos Sonoros 2018 celebra do 1 de setembro ao 7 de outubro a súa undécima edición cun programa de oito concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación e que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos de Ribeira, Sobrado, Baiona, Amoeiro, Foz, Castrelo de Miño, O Incio e Muxía, a través dunha programación musical que tamén inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

A illa de Sálvora, o campamento romano da Ciadella, a igrexa de Santa María, a Casa Grande de Trasalba ou a Fortaleza da Frouxeira son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como a Capella Sancta Maria, un dos conxuntos vocais profesionais europeos máis recoñecidos do momento, especializado no Renacemento; o cuarteto de música de cámara M.Sancho Quartet, o trío de frautistas austríacas Vivid Consort ou o conxunto Romanza, encargado do concerto de clausura, que interpretará un repertorio baseado nas cantigas de Martín Códax recollidas no Pergamiño Vindel.

A programación da undécima edición, que xa pode consultarse en www.espazossonoros.org, foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao ciclo como “unha forma distinta de vivir a música, nun continuo descubrimento de sons e melodías, de instrumentos e intérpretes”, que invita ao redescubrimento de monumentos sobranceiros de Galicia, “ao ofrecer unha nova forma de achegarnos e relacionarnos con eles”.

Destacou o responsable de Cultura que “neste Ano Europeo do Patrimonio Cultural non podía faltar un evento como Espazos Sonoros, que segue a medrar e a consolidarse no calendario cultural do noso país, renovando a súa orixinal aposta musical”.

Descubertas musicais e patrimoniais

O festival comeza o 1 de setembro cunha visita guiada á illa de Sálvora, que forma parte do arquipélago das Illas Atlánticas e a visita a unha casa de labranza reconstruída ao xeito do século XIX no lugar de Temperán, no Grove, na que se evocarán melodías, ritmos e tradicións musicais da península Ibérica co concerto de Marés. Ao día seguinte, a descuberta do campamento romano da Ciudella irá seguido da interpretación de música barroca arranxada para conxunto de cámara de saxofóns, da man de Sax Antiqua.

A igrexa de Santa María de Baiona será, o día 8 de setembro, o marco para o concerto de Capella Sancta Maria, un conxunto vocal composto por un cadro internacional de consagrados cantantes de primeira liña e un repertorio especializado na música do Renacemento. O sábado 15, a cita terá lugar na Casa Grande de Trasalba, onde á xornada literaria e de lecer arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo lle porá o ramo o concerto de M.Sancho Quartet.

O domingo 16, unha andaina guiada polo historiador Anselmo López Carreira ata a fortaleza da Frouxeira seguirá os pasos do mariscal Pardo de Cela na súa defensa do Reino de Galicia. A xornada remata co concerto de Vivid Consort, previo paso pola basílica de San Martiño, da que se fará unha visita comentada. O domingo seguinte, 23 de setembro, terá lugar o obradoiro de achegamento á música antiga en Santa María de Castrelo, no concello de Castrelo de Miño, no que tras coñecer a crecente industria artesanal dedicada á luthería en Galicia, os asistentes poderán gozar de música ao vivo interpretada por unha ampla colección de instrumentos antigos elaborados por diversos artesáns.

Xa rematando setembro, o día 30, farase unha ruta polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio, que rematará á tardiña cun concerto na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital a cargo do conxunto Per-Sonat, especializado na interpretación vocal de música antiga. O festival remata o día 7 de outubro coa ruta dos Muíños en Muxía, un percorrido circular que parte e volve á igrexa de San Xiao de Moraime, onde terá lugar o concerto de clausura, a cargo de Romanza, un conxunto vocal e instrumental, entre os que está o arpista galego de renome internacional Manuel Vilas, que explora os repertorios da música medieval peninsular e occitana, e que ofrecerá un repertorio baseado no Pergamiño Vindel.

Programación cultural arredor do patrimonio

A Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. A principios de agosto tamén botará a andar Monumenta, que nesta nova edición, baixo a epígrafe Andar con arte, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego. Ademais, a Secretaría Xeral de Cultural continúa apoiando diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera. Estas actividades poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.

R., 2018-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (artesania_2.jpg) Galicia será a Comunidade convidada na 35 edición da Feira de Artesanía da Rexión de Murcia, Feramur, que se celebra en Lorca entre o 27 e o 30 de setembro. Artesanía de Galicia participa cun stand institucional con pezas de 49 obradoiros artesáns e con 8 expositores presenciais. Entre estes está o gañador do Premio Artesanía de Galicia 2017, o obradoiro de xoiaría Ferraxe de Prata (Teo). Ademais, poderase ver o traballo da Asociación de Redeiras Artesás de Corme (Ponteceso), Soledad Mato (Santiago de Compostela), Comocuando (Vigo), Mar Barral (Catoira), Chueco (A Coruña), Crisol de Abril (Fene) e A Candelaria (Negreira).
Foto de la tercera plana (instrumentos.jpg) O ciclo de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación, Espazos Sonoros, viaxa o domingo 23 a vila ourensá de Castrelo de Miño para ofrecer un obradoiro de achegamento á música antiga no que, ademais, se vai visitar o taller de luthería Vaz Música Antiga, situado en Astariz, unha pequena aldea do mesmo concello. Ismael Vaz, o artesán que trae á vida instrumentos doutras épocas será o anfitrión dos 60 participantes na iniciativa aos que lles amosará como traballa a madeira para construír instrumentos a semellanza dos antigos, como violas de gamba ou fídulas, con ferramentas do século XVII que fixo el mesmo.

Notas

Unha mostra de cine ao redor das mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo completará o programa de actividades do World Trails Conference, o congreso internacional impulsado por Turismo de Galicia que reunirá a partir do vindeiro mércores 26 de setembro en Santiago de Compostela a representantes dunha selección dos mellores itinerarios dos cinco continentes.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza no mes de outubro as xornadas formativas 'Non tolees coa wifi', que se levarán a cabo presencialmente nas aulas CeMIT de Marín, Oroso, Celanova e Sarria e poderanse seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Galicia.
ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Noticias RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania