Noticias

El presidente de la Xunta propone un pacto forestal con un paquete de 30 medidas y una comisión

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propone la creación de una comisión específica en la Cámara gallega para alcanzar "un acuerdo de país" sobre política forestal y lucha contra el fuego que "blinde" la "unidad" de criterio y acción. La propuesta incluye un paquete de 30 medidas específicas como crear equipos de investigación, videovigilancia e incentivos a limpieza. Fue el eje central de su comparecencia en el Parlamento de Galicia que la oposición califica de "cortina de humo" y exige varios ceses por responsabilidades políticas.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comezou a súa comparecencia no Parlamento, ante a extraordinaria vaga de lumes que sufriu Galicia no pasado mes de outubro, recordando ás catro persoas que perderon a vida: Maximina Iglesias, Angelina Otero, Marcelino Martínez e Alberto Castromil. “Quero que para elas sexan as miñas primeiras palabras de recordo, e de pésame e de afecto para as súas familias”, dixo, ao tempo que pediu que a mesma unidade que Galicia demostrou nos lumes se siga demostrando na abordaxe das súas consecuencias.

Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que unidos no apoio ás vítimas, na condena aos que provocaron esta traxedia e no recoñecemento do traballo dos equipos de extinción, Galicia non esquecerá nunca “a dor, a angustia e a rabia que sentimos neses días”, o que fixeron os incendiarios e como os galegos traballaron ombro con ombro para facer fronte ao lume e apoiar os afectados.

Nesta liña, trasladou a todos os grupos parlamentarios da Cámara galega o seu convencemento de que “se somos quen de reproducir esta irmandade que demostrou o noso pobo, se somos quen de traballar unidos e de estar á altura da nosa xente, Galicia tampouco esquecerá o que aquí fixemos”, dixo, recoñecendo que, se ben non é nin será fácil acabar cos incendios nin cos incendiarios, “nin eu me dou por vencido, nin vostedes se dan por vencidos, nin Galicia se dá por vencida”.

Como exemplo da magnitude dos incendios ocorridos entre o 14 e o 16 de outubro, o presidente da Xunta relatou algunha das situacións vividas nos 137 concellos afectados, e que puxeron de manifesto, unha vez máis, que Galicia é un pobo exemplar, solidario e unido.

Así, recordou que neses días, un total de 128 persoas tiveron que ser ingresadas en distintos centros hospitalarios por danos de diversa índole –tres seguen aínda ingresadas-; máis de 2.400 veciños tiveron que ser desaloxados; máis dun centenar viron danadas as súas casas, os seus medios de vida ou os seus vehículos; e toda Galicia viviu con angustia o acontecido.

Diante disto, e coa prioridade de que as persoas afectadas son o máis importante, Feijóo salientou que tanto os membros do Goberno e os delegados territoriais como el mesmo, estiveron á disposición de todos os afectados. Durante os incendios, sendo prioridade dos equipos de extinción; e tamén despois, con accións inmediatas para atender aos afectados.

Sobre este punto, referiuse unha vez máis ao esforzo e á pericia das miles de persoas que traballaron nas tarefas de extinción: axentes forestais; axentes medioambientais; bombeiros forestais; bombeiros comarcais e urbanos; efectivos da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica; efectivos dos concellos –tanto dos que sufriron lumes como dos que non pero que os puxeron ao servizo de todos-; tripulacións de hidroavións e helicópteros; membros da Unidade Militar de Emerxencias do Exército; técnicos do Centro de Coordinación de Incendios e dos seus distritos; e os cidadáns que solidariamente loitaron contra as lapas.

O titular da Xunta aseverou que todos os afectados teñen xa ao seu alcance as axudas necesarias, o apoio preciso para poder tramitalas e o compromiso de que serán resoltas no menor tempo posible. “E, por suposto, non só teñen o 900 815 400 para atendelos senón a Xunta á súa disposición para que isto se cumpra”, abundou, facendo fincapé en que o compromiso seguirá vixente ata que sexan reparados os danos.

Como proba de que o Goberno galego priorizou as persoas no dispositivo e tamén nas respostas, Feijóo recordou que: nas primeiras 24 horas se aprobou en Consello o decreto marco que dá soporte xurídico ás axudas; aos sete días seguintes autorizouse a orde que as concreta e habilita unha partida de máis de 20 millóns de euros, ampliable se fose preciso; e abriuse un servizo de atención telefónica gratuíta á disposición dos afectados para orientalos en todo o proceso.

No tocante ás axudas destinadas a paliar os danos individuais, o presidente do Goberno autonómico referiuse, fundamentalmente: ás indemnizacións ás que teñen dereito as familias das vítimas mortais, que ademais se reforzaron, e aos gastos nos cales puidesen incorrer os feridos, co límite diario establecido na orde. E, avanzou a inclusión dunha emenda na Lei de medidas administrativas e fiscais para que as axudas incluídas neste decreto queden sen tributación no IRPF.

Igualmente, xa está activada a axuda para as persoas que viron afectada a súa vivenda, así como o enxoval doméstico: de ata o 100% do valor da reparación en caso de vivenda habitual, do 40% en residencias ocasionais, e completando ademais os gastos de aloxamento provisional, nos casos en que isto fose necesario.

Cómpre subliñar, tamén, os avances nos expedientes de distintos establecementos comerciais, mercantís e industriais que se viron afectados polos lumes. Para eles habilitáronse dúas medidas: asesoramento para axudar aos afectados a recuperar os seus negocios; e axudas para obras de recuperación e reconstrución de ata 600.000 euros por establecemento, ademais de préstamos con xuros bonificados para financiar esas actuacións, compatibles coas futuras axudas do Estado, así como dos seguros que tivesen contratados.

Dentro dos sectores produtivos, no rural repararanse danos como: infraestruturas de titularidade privada (pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedeiros e comedeiros); gastos da madeira amoreada queimada; reparación de bens, maquinaria, ou equipamento; perda total ou parcial de produción agrícola das explotacións; morte de gando ou perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas; e adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas nas zonas afectadas.

Pola súa parte, a Consellería do Mar tamén mantén a alerta sobre os bancos marisqueiros ante a continxencia de que se puidesen producir afectacións graves. E, a maiores, aprobáronse axudas para outras necesidades como repoñer sinalización turística queimada, recuperar infraestruturas deportivas, arranxar as estradas danadas, especialmente na provincia de Pontevedra, cuxas obras xa se están a desenvolver, ou apoiar os titulares dos terreos cinexéticos ordenados que se viron afectados.

En relación ás axudas para os concellos, Feijóo destacou as destinadas tanto para paliar os gastos derivados das actuacións que foron necesarias para afrontar os lumes, como para reparar danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal. “Todas elas para darlles o respaldo necesario, xunto coas deputacións, tal e como acordamos na reunión celebrada conxuntamente”, explicou.

O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para facer unha chamada a que se concrete o alcance dos danos nos concellos afectados coa maior axilidade, xa que diso depende que as axudas habilitadas en Galicia se poidan completar a nivel nacional e europeo. É dicir, coas axudas do Goberno central e, tamén, co Fondo de Solidariedade da Unión Europea.

Como terceiro piar das actuacións, o responsable do Executivo autonómico destacou as tarefas de rexeneración e consolidación dos solos queimados. Así, subliñou que, de xeito urxente, se iniciou a fixación dos chans afectados, coa finalidade de impedir o seu arrastre e a chegada dos sedimentos aos cursos fluviais e ás rías. “Un obxectivo que non damos por pechado e no que seguimos traballando”, dixo.

Así mesmo, referiuse á priorización da resposta nos espazos naturais protexidos que se viron máis afectados -en especial, o restablecemento dos hábitats na Baixa Limia-Serra do Xurés e nos Ancares-. E, a maiores, á posta en marcha da reforestación, co obxectivo de actuar nunha primeira fase nos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017; e, nunha segunda fase, no resto de lugares onde os técnicos vexan preciso e máis urxente actuar.

Respostas ao sucedido e respostas para o futuro. Galicia non merece que a queimen
Superadas as urxencias, cun balance de danos máis preciso, coas axudas necesarias para os afectados xa publicadas e tramitándose, o responsable da Administración autonómica considerou que é agora cando se dispón de maior capacidade para facer un debate con máis coñecemento e, por tanto, máis amplo e profundo. E coa vontade, ademais, de que o Parlamento poida ofrecer aos galegos e a Galicia algo que non sexa simplemente unha sesión máis; “porque debemos ofrecer respostas ao sucedido pero tamén respostas para o futuro”, sentenciou.

Feijóo insistiu en que as axudas garantidas e en marcha para os afectados e o inicio dos traballos de recuperación dos terreos danados non deben obviar a necesidade de revisar os ámbitos máis estruturais vinculados aos incendios. Xa sexa no eido forestal e medioambiental ou no eido da actuación criminal.

Así, e co obxectivo de reducir no posible a exposición da Comunidade aos lumes, subliñou a necesidade de mellorar a planificación forestal. “Contar cunha política forestal que faga máis rendibles os montes e diminúa o risco de lumes era un compromiso do noso goberno antes de outubro e vaino seguir sendo”, matizou.

Deste xeito, lembrou que, nos últimos anos, o Goberno galego adoptou decisións de gran relevancia neste sentido, como proba: a primeira Lei de montes da nosa historia; o Decreto para fomentar as agrupacións de propietarios forestais; a obriga de que todos os propietarios de montes teñan un plan de ordenación a partir de 2020; a obriga de reinvestir os ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal; as restricións respecto á recualificación dos terreos queimados, prohibida durante tres décadas; a creación de axudas para as plantacións de especies autóctonas, como os castiñeiros; a posta en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal; e a iniciativa de impostos cero no rural.

Consciente de que o futuro forestal non depende só do goberno de cada momento senón de todo o país e durante décadas, Feijóo propuxo no Parlamento a creación dunha comisión específica para buscar un acordo de país sobre a política forestal que blinde a unidade de criterio e a unidade de acción. E, do mesmo xeito, avanzou un paquete de 30 medidas nas que propuxo traballar conxuntamente en tres frontes distintas, pero converxentes: no eido da prevención, no eido da ordenación e no eido da dinamización socioeconómica.

No tocante á prevención, o responsable do Executivo autonómico recordou que a día de hoxe, 3 de cada 4 euros da loita contra o lume xa van para esa finalidade, “e a nosa vocación é seguir actuando neste campo con máis intensidade aínda”. Ao respecto, presentou varias propostas que se poderían comezar a implementar o vindeiro ano.

En relación á primeira delas, Feijóo avanzou a necesidade dun acordo coa Administración local para incentivar economicamente a limpeza dos montes, especialmente nas faixas secundarias (as que están na contorna dos núcleos). De tal xeito que os propietarios que deleguen no concello estes traballos paguen un prezo fixo –equiparable a unha roza básica- e as administracións cubran a parte restante nos casos que sexa preciso.

Como segunda iniciativa, Feijóo destacou a necesidade de garantir a total implicación dos concellos. “E, neste senso, proporémoslle á Fegamp unha fórmula para que o 100% dos municipios rurais que non teñen parque de bombeiros propio conten coas brigadas forestais que lles cofinanciamos desde a Xunta, fronte aos 195 que asinaron o convenio correspondente este 2017”, adiantou, confirmando tamén que o Plan Aprol Rural do 2018 estará orientado exclusivamente aos concellos do rural que contraten persoal dedicado as tarefas de silvicultura, limpeza dos montes ou outras tarefas de valorización forestal, poñendo á disposición 7 millóns de euros.

Co mesmo obxectivo de reforzar a colaboración con municipios e deputacións, Feijóo lembrou que a Xunta leva tempo traballando nun novo Mapa de Emerxencias que incorpore e coordine no mando único varios avances logrados nos últimos anos como: “A comarcalización dos parques de bombeiros, que xa está definido un grupo creado especificamente para isto; os Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que defendemos consolidar como un corpo centrado exclusivamente en tarefas de seguridade; os novos instrumentos tecnolóxicos da Rede Dixital de Emerxencias; ou o funcionamento dun teléfono para alcaldes, que se ten solicitado estes días desde a Fegamp para casos de emerxencia”.

Igualmente, tal e como xa figura na Lei de medidas administrativas e fiscais, pretenderase incrementar a seguridade xurídica dos concellos para facilitarlles a execución subsidiaria das medidas de prevención no caso das parcelas de titular descoñecido. “E para abordar o problema dos terreos abandonados, tamén estamos traballando en varias medidas, tendo en conta que –segundo datos do Catastro-, estímase que en Galicia hai máis de 300.000 parcelas con titular descoñecido e un número aínda maior a nome de persoas xa falecidas ou que non se poden localizar”, engadiu.

Así, e con carácter xeral, Feijóo adiantou a proposta de incorporar de xeito cautelar ao Banco de Terras aquelas fincas sobre as que se está a investigar se teñen un propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable. É dicir, poñelas desde que se abre a investigación á disposición de quen as queira traballar. “E a mesma finalidade –incorporalas ao Banco de Terras- propoñemos darlla ás fincas abandonadas nos montes veciñais en man común, no caso de que a comunidade correspondente non se queira facer cargo delas”, dixo.

Así, aseverou que o mesmo procedemento de mobilización dos terreos abandonados podería estenderse a outras finalidades, como o impulso de polígonos agrarios. É dicir, que se poidan mobilizar estas terras cando exista algunha demanda empresarial que se comprometa a darlle unha rendibilidade axeitada.

Para Feijóo, estas medidas de carácter máis xeral deben complementarse con outras máis concretas como: establecer faixas de protección arredor das subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións -ata agora só existía esta obriga nas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica e de gas-; obrigar á xestión da biomasa nas vivendas illadas en solo rústico, aínda que estean situadas a máis de 400 metros do monte; e ampliar as limitacións nas faixas secundarias, é dicir dentro dos 50 metros arredor das edificacións, onde non poden existir acacias nin tampouco especies pirofíticas, en determinadas zonas que presentan maior risco de incendios por altitude, vento, ou nos cámpings, gasolineiras e instalacións con material inflamable.

Ademais de endurecer os requisitos para a plantación de piñeiros e eucaliptos entre os 30 e 50 metros arredor dos núcleos, onde se propón ampliar a distancia de plantación a 10 metros entre exemplares; o titular da Xunta destacou tamén a posta en marcha dunha campaña de difusión que conciencie a todos os galegos das responsabilidades que temos; así como de campañas que permitan chegar ao 100% dos rapaces antes de que rematen a ensinanza obrigatoria.

“En definitiva, estamos a falar de medidas encamiñadas a máis prevención e, por tanto, menor risco, e algunhas delas xa entrarían en vigor o 1 de xaneiro”, dixo, resaltando que este é o camiño no que hai que perseverar en primeiro lugar.

Por unha ordenación forestal pactada
No tocante ao segundo campo de actuación, vinculado coa ordenación dos montes galegos, Feijóo aseverou que a Xunta está tamén a traballar nel e tendeu a man a todos os grupos parlamentarios “para facelo xuntos”.

Logo de confirmar que o Plan forestal de Galicia será remitido ao Parlamento para que tamén poida ser enriquecido coas achegas dos grupos, despois de que sexa avaliado no Consello Forestal, o presidente do Goberno galego referiuse aos plans de ordenación a nivel de distrito, que tamén se están a impulsar, co obxectivo de ter para os montes uns instrumentos semellantes aos plans urbanísticos dos concellos. É dicir, igual que os PXOM guían o crecemento urbanístico nos municipios, estes plans orientarán o crecemento forestal nos montes.

Dos 19 distritos que hai en Galicia, Feijóo precisou que a proposta é comezar en xaneiro polas provincias de Ourense (que ten cinco) e Pontevedra (con catro) por tratarse das que rexistran maior afectación e actividade incendiaria.

Cómpre salientar que, co obxectivo de que todos os montes ou terreos forestais dispoñan en 2020 dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para autorizar os aproveitamentos, a Xunta está a acompañar aos galegos nese proceso con tempo, e desde outubro xa puxo á disposición dos propietarios axudas por valor de 4 millóns de euros para que poidan cumprir coas súas obrigas.

En relación ao Plan de actuacións de mellora das zonas de pastoreo extensivo nas provincias de Ourense e Pontevedra, precisou que as zonas de actuación incluirán todas as serras e os terreos forestais con aproveitamentos gandeiros e extensivos de relevancia destas provincias. E as infraestruturas a deseñar incluirán peches gandeiros, mellora de accesos, mangas de manexo de gando, pasos, comedeiros, bebedeiros, así como a instalación de almacenaxe de forraxes e útiles.

Estas propostas completaranse con outras dúas nas que tamén se avanzou nos últimos anos: a reestruturación parcelaria e a simplificación administrativa xa iniciada para as autorizacións de corta.

Sobre este segundo aspecto, Feijóo anunciou que para que isto sexa realmente operativo, se abrirá ademais unha Plataforma Tecnolóxica no portal da Xunta coa información xeolocalizada e debidamente actualizada, que permita coñecer cando os montes forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, de xeito que permita aos operadores económicos unha planificación da xestión forestal respectuosa.

Un monte produtivo e aproveitado, un monte menos vulnerable contra o lume
No eido da dinamización, Feijóo aseverou que xerar valor nos montes e evitar o abandono é a mellor defensa.“Motiva a xestión e a protección forestal e tamén a financia”, dixo, insistindo en que un monte produtivo, aproveitado e que a comunidade percibe como útil, é un monte menos vulnerable contra o lume.

Para acadar este reto, aseverou que a Axencia Galega da Industria Forestal que acaba de poñerse a funcionar vai a ter un papel primordial: tanto para incentivar con máis intensidade ás pemes do sector e fomentar a fabricación de produtos de consumo; facer ao sector máis competitivo a través da renovación tecnolóxica e aplicación da enxeñería; e fomentar o emprego de calidade.

Neste último aspecto, anunciou que o próximo ano poñerase en marcha de Obradoiros de Emprego Forestal -que combinen formación e emprego- para tratamentos silvícolas e xestión da biomasa en montes veciñais en man común e de particulares asociados. Coa súa posta en marcha posibilitarase que persoas en situación de desemprego poidan obter un contrato formativo que lles permita acadar coñecementos certificables no sector, e ao mesmo tempo, axudar no labor de limpeza de montes da comunidade.
Igualmente, a Consellería do Medio Rural tamén abordará a modificación do Decreto das Sociedades de Fomento Forestal, co obxectivo de flexibilizar a normativa actual e facilitar a entrada de novos investidores.

A mesma finalidade de atraer emprendedores cara ao sector forestal está detrás das novas rebaixas fiscais (en IRPF e Patrimonio) que se inclúen nos orzamentos de 2018.

Os incendiarios, os auténticos e últimos responsables desta lacra
Se ben Feijóo incidiu na necesidade de abordar todas estas medidas xuntos, asegurou que todos os esforzos feitos e os que están por facer non valerán de nada se non se pon couto aos auténticos e últimos responsables desta lacra: os incendiarios.

“Galicia non merece que a queimen”, sentenciou, presentando ante os grupos parlamentarios varias iniciativas para facilitar a tarefa de identificar aos incendiarios no mesmo momento no que cometan un delito e, en consecuencia, que sexa máis sinxelo levalos ante un xuíz.

En primeiro lugar, avanzou a creación dos Equipos Forestais de Investigación, que ampliará e permitirá especializar o traballo que ata agora realizaban as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais.

Este corpo especializado estará dedicado á investigación no punto de orixe dos lumes, á análise da relación entre os incendios e as actividades que se fan no monte e ao seguimento das zonas queimadas. Un labor imprescindible para apoiar o traballo investigador das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Haberá un mínimo de tres axentes dos Equipos Forestais de Investigación en cada un dos 19 distritos forestais de Galicia, é dicir, un mínimo de 57 axentes. E crearanse ademais os Equipos de Vixilancia de Incumprimento para velar por que se cumpran as medidas incluídas na normativa forestal e de defensa contra incendios, tanto as que xa están en vigor como as que se inclúen na Lei de acompañamento dos Orzamentos.

Estes equipos serán os encargados de supervisar que se cumpran as distancias de seguridade, ademais de apoiar os concellos na implantación de faixas de xestión de biomasa para defender os núcleos habitados.

Ademais, tamén serán os encargados de localizar parcelas descoidadas, abandonadas ou que incumpran a normativa. E haberá un mínimo de dous efectivos de vixilancia por cada distrito forestal, é dicir, 38.

Os profesionais dos Equipos Forestais de Investigación e dos Equipos de Vixilancia de Incumprimento compartirán un mando único na figura dun coordinador provincial.

En terceiro lugar, crearase o Rexistro administrativo de investigacións en materia de incendios forestais de Galicia, no que se almacenarán todos os datos, informes e valoracións das investigacións administrativas sobre lumes forestais.

Os Equipos Forestais de Investigación e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado terán acceso a este rexistro, co fin de que dispoñan de máis información e dunha mellor coordinación.

Feijóo propuxo tamén a creación dunha Rede de vixilancia forestal que, mediante cámaras de videovixilancia e de xeito proporcional á actividade incendiaria de cada lugar, axude a identificar a actividade incendiaria e a detectar focos coa máxima axilidade posible. “Esta instalación farase nas localizacións que ten o operador público de infraestruturas de telecomunicacións Retegal e para iso, aproveitaremos a experiencia que temos das probas piloto que se levaron a cabo durante os últimos anos”, explicou, referíndose por último á iniciativa de reforzar cunha campaña de coñecemento o teléfono 085 para que sexa, ademais do número para advertir do avistamento de lumes, tamén do avistamento de incendiarios.

Por último, o presidente da Xunta considerou imprescindible dotar á Xustiza de instrumentos para darlles aos incendiarios unha resposta proporcional ao inmenso dano que provocan, xa que todos os incendios forestais comportan un risco potencial para a vida das persoas. Ao respecto, aseverou que esta será unha das reflexións que a Comunidade levará ao cumio que celebrará con Asturias e Castela e León a comezos de decembro.

LISTAXE DAS 30 MEDIDAS INCLUÍDAS NA PROPOSTA DE ACORDO FORESTAL

1. Colaboración Xunta-Concellos para financiar a limpeza dos montes
2. Garantir que o 100% dos concellos teñan bombeiros ou brigadas
3. Aprol Rural dedicado unicamente a contratar persoal para mantemento e valorización do monte
4. Mando único para todos os servizos de emerxencias
5. Facilidades para actuar nas parcelas de titular descoñecido
6. Incorporación cautelar ao Banco de Terras das parcelas con propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable
7. Incorporación cautelar ao Banco de Terras dos montes veciñais en man común abandonados
8. Mobilización das terras abandonadas para polígonos agrarios
9. Faixas de protección arredor das subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións
10. Obriga de xestión da biomasa nas vivendas illadas en solo rústico aínda que estean a máis de 400 metros do monte
11. Máis limitacións dentro dos 50 metros arredor das edificacións
12. Máis requisitos para plantar especies pirofíticas entre os 30 e 50 metros arredor dos núcleos
13. Campaña de difusión sobre as novas medidas de prevención
14. Campaña de sensibilización na educación obrigatoria
15. Participación dos grupos parlamentarios na redacción do Plan forestal
16. Impulsar os plans de ordenación nos 19 distritos forestais, comezando por Ourense e Pontevedra
17. Axudas para que todos os montes dispoñan en 2019 dun instrumento de ordenación
18. Mellora das zonas de pastoreo extensivo no sur de Galicia
19. Seguir avanzando na reestruturación parcelaria, especialmente a impulsada por particulares
20. Redución do papelame necesario para as autorizacións de corta
21. Plataforma tecnolóxica para coñecer o grao de protección de cada monte
22. Traballo a través da recentemente creada Axencia Galega da Industria Forestal
23. Programa de formación e emprego sobre tratamentos silvícolas e xestión do monte
24. Facilitar o investimento no monte a través das Sofor, cunha normativa máis flexible
25. Menos impostos para as Sofor a partir de 2018
26. Equipos Forestais de Investigación para apoiar a Policía e a Garda Civil nas pescudas sobre a orixe dos lumes
27. Equipos de Vixilancia de Incumprimento para supervisar que se leven a cabo as medidas de prevención
28. Rexistro de investigación de incendios, con información á disposición dos equipos
29. Rede de vixilancia forestal a través de cámaras de vídeo instaladas en lugares estratéxicos
30. Poñer o 085 ao dispor dos cidadáns que avisten incendiarios

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

“O 15 de outubro Galicia viviu un domingo negro e o seu presidente estivo escondido covardemente detrás da manipulación informativa, finxindo que non pasaba nada, mentres un millón de galegas e galegos vían cos seus propios ollos a magnitude da catástrofe e saían ás rúas e ao monte a defender o que é de todos”. Así comezou o voceiro de En Marea, Luís Villares, a súa respostas ao presidente da Xunta, trala comparecencia no pleno do Parlamento de Galicia para dar conta da xestión da vaga de lumes acontecida hai máis de tres semanas.

Para o voceiro de En Marea a peor noite da historia contemporánea de Galicia “foi vivida sen o acompañamento do seu presidente e do seu goberno” e lembroulle a Feijóo que “unha cidadanía valente e brava non merece un presidente escapista e covarde” que se escondeu detrás dunha conselleira “que que non puido explicar un dispositivo de emerxencias que non era da súa competencia” , dunha “trama incendiaria “que o Director da Escola de enxeñaría ambiental, a Delegación do Goberno e Fiscalía de Medio ambiente non ven por ningures” e dunha fronteira portuguesa “que non limita cos lumes da provincia de Lugo nin da Coruña”.

“Cambien a lei”, requeriu Villares, “porque hoxe en Galicia é máis doado abrir unha explotación mineira que prorrogar o contrato dun brigadista”, en referencia á extinción dos contratos do persoal de Seaga malia haber riscos evidentes dunha vaga de lumes como a que aconteceu. Tamén se referiu á “malicia” da manipulación informativa na TVG,que deixou de lado a súa función estatutaria de servizo público. “A súa egolatría política antepuxo a salvación da súa imaxe á salvación das vidas e das casas da xente”.

Os concellos denunciaron os graves problemas de coordinación á hora de xestionar a extinción dos incendios, e agora, tres semanas máis tarde, continúan queixándose do abandono ao que os continúa sometendo o goberno da Xunta. “Non hai información da Xunta de Galicia aos concellos sobre como facer as labores de restauración e fixación do chan queimado, algúns animais calcinados tardaron máis dunha semana en seren retirados, non se está facendo dende a Xunta un seguemento dos acuíferos afectados e tampouco se activou ningún plan de atención psicolóxica á poboación afectada”, lembroulle Villares a Feijóo.

“A Xunta non dispón dunha sistemática de atención aos concellos afectados”, engadiu, “é o reino da improvisación, o desleixo, da falta de ganas dun goberno que abandeira o abandono do rural, o abandono das súas funcións”.

Para En Marea o decreto de axudas para afectados polos incendios e publicado recentemente pola Xunta “demostra a insensibilidade da Xunta coa súa propia xente”. En primeiro lugar, porque o prazo de solicitude de axudas fixado nun mes non está xustificado e pode deixar afectados fóra. Ademais, “non é admisible que se condicionen as axudas á existencia de evidencia de intencionalidade penal” nin que para para acceder a axudas ao alugueiro teñan que estar ao corrente en todas as súas obrigas tributarias, porque pode deixar desprotexidos aos máis débiles.

O voceiro de En Marea reclamou de novo durante a súa intervención a apertura de oficinas informativas nos Concellos máis afectados onde facilitar información e a xestión dos trámites precisos para a súa materialización. “A oficina de cervanteS anunciada o venres por Rueda é un mal sucedáneo do que debe facer a Xunta. Só estará aberta unha semana e só dará información, sen que alí se podan realizar trámites administrativos”, denunciou Villares.

“Para restaurar a fachada da súa imaxe calcinada, o Sr. Feijoo tiña dúas vías”, indicou Luís Villares “escoller os sólidos materiais de construción da autocrítica e da revisión das súas políticas públicas en materia de prevención e extinción de incendios, de modelo forestal e agrogandeiro e de ordenación territorial ou ben optar de novo polo cartón pedra, máis barato e inmediato”. Para o voceiro de En Marea o presidente da Xunta optou pola segunda, por utlizar de forma irresponsable e falsaria un concepto penal e social, o terrorismo incendiario, do que non hai evidencias de ningún tipo”.

Villares instou a Feijóo a que se cre que estamos ante un caso de terrorismo, inste dende o Parlamento a modificación do Código Penal e á alteración da competencia na instrución, que correspondería á Audiencia Nacional. “Pero non o fará. Porque sabe que é todo unha cortina de fume para ocultar a súa incompetencia e se falase con algo de rigor, sabería que a Lei 29/2011 prevé outras indemnizacións por morte ás vítimas de actos terroristas, polo que o que fixo coas indemnizacións ás vítimas dos lumes foi un acto de demagoxia e propaganda, non as equiparou ás do terrorismo, a pesar de dicilo publicamente.”

“Gastou vostede 80mil euros en propaganda pagada nos medios de comunicación nas últimas semanas en verter soflamas que disculpen a súa incompetencia e o abandono da súa poboación buscando un inimigo que non existe e tampouco existen tramas incendiarias, ou polo menos ninguén ten rastro delas, nin a Fiscalía de medio ambiente, nin o Director da Escola de enxeñaría forestal, nin a delegación do Goberno, nin os mandos policiais, nin ningún xulgado de Galicia”, concluíu o voceiro de En Marea.

Luís Villares pediu os ceses inmediatos da Conselleira de Medio Rural, como responsable do servizo de prevención e extinción de lumes de SEAGA e do resto de servizos de extinción forestal , de Luís Menor como director xeral de Emerxencias e do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Na quenda de réplica, Luís Villares “parabenizou” a Feijóo por vir propoñer a mesma comisión de estudo que En Marea xunto co PsdeG reclamou na Cámara galega e que o PP rexeitou hai só unha semana. “O seu modelo de abandono do rural fracasou, a súa confusión do urbanismo co uso especulativo do chan, a ordenación das masas forestais para beneficio dos oligopolios que só buscan o seu interese”.

“Estamos dispostos a chegar a acordos superando siglas en beneficio do país por un Pacto Nacional polo Territorio”, rematou o voceiro de En Marea, para quen é imprescindible destituír aos responsables políticos e técnicos para mudar as políticas. Ademais, lembroulle a Feijóo que moitas das medidas que propuxo “xa están lexisladas e só precisaban que se puxeran en marcha”.

R., 2017-11-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES