Noticias

El CDG montará las obras de Valle-Inclán Las galas del difunto y La hija del capitán en el espectáculo doble Martes de carnaval

Se presentó la producción propia, las coproducciones, las residencias y las demás actividades formativas y de exhibición que centrarán la temporada 2016-2017 del CDG. Se atenderán las dramaturgias actuales y se suman la lectura dramatizada de la novela de Carlos Casares (homenajeado con las Letras Galegas 2017) Los muertos de aquel verano y Elisa y Marcela.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou os principais proxectos da temporada 2016-2017 do Centro Dramático Galego (CDG), entre os que destacou a estrea o próximo 31 de marzo da obra de Ramón María del Valle-Inclán co espectáculo‘Martes de Carnaval, integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán.

Román Rodríguez explicou que o paso a dominio público en 2017 da produción literaria do autor arousán posibilita legalmente a súa tradución a calquera das linguas do Estado, circunstancia “tan agardada e excepcional —dixo— que determinará a actividade do CDG e de toda a futura escena galega”.

Así, co mesmo nome da triloxía publicada en 1930, Martes de Carnaval, chegan en galego aos escenarios dúas obras cumio da época do esperpento, baixo a dirección de Tito Asorey (As galas do defunto) e de Marta Pazos (A filla do capitán); e cun elenco de dez actores e actrices que será escollido nun proceso de audición pública. Neste sentido, o conselleiro engadiu que a incorporación de Valle ao repertorio teatral galego non é a única pretensión da montaxe, senón que o CDG aspira a achegar unha nova mirada sobre a obra dun dos dramaturgos máis universais de todos os tempos.

Na presentación, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago, a directora do CDG, Fefa Noia, debullou o plan de actividade previsto ata outubro de 2017 nun acto ao que asistiron representantes de colectivos do sector teatral galego e moitos dos creadores e intérpretes implicados nos proxectos anunciados. Tamén participaron na comunicación destes contidos o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Ademais da montaxe de Valle-Inclán, o Centro Dramático suma outros catro títulos que se materializarán en réxime de coprodución con compañías privadas. Deste xeito, aos xa coñecidos ‘O conto de inverno’, de W. Shakespeare, e ‘Vida e morte de Daniel Faria’, de Pablo Fidalgo, que se exhibirán en Compostela no mes de xaneiro, incorpóranselle dous novos proxectos. O primeiro deles será ‘Os mortos daquel verán’, unha lectura dramatizada sobre a novela policial de Carlos Casares con adaptación de Diego Rey e Artur Trillo, realizada xunto con Talía Teatro e a Fundación Carlos Casares, que será escenificada do 16 ao 18 de maio e coa que o CDG se suma á homenaxe do autor do Día das Letras de 2017.

‘Elisa e Marcela’ é a outra montaxe elixida, desta volta en coprodución con A Panadaría, para levar a escena un texto sobre as mulleres protagonistas do primeiro matrimonio homosexual que tivo lugar en España, concretamente na Coruña, en 1901. Gena Baamonde e Esther F. Carrodeguas son tamén coautoras deste texto, que ten planificada unha residencia artística en setembro e as representacións en outubro no Salón Teatro, xa como avance da temporada 2017-2018.

Precisamente, o plano de residencias sairá reforzado nos vindeiros meses e enfocarase, sobre todo, a artistas pertencentes ás novas xeracións escénicas. Os medios técnicos e humanos da sede escénica do CDG, o Salón Teatro, poranse a disposición do desenvolvemento destas novas propostas. Así, ademais da citada ‘Elisa e Marcela’, darase cabida a ‘Salvador’, con texto e dirección de Borja Fernández; ‘Política de terra queimada’, de Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas; ‘Desconexión’, con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso; e ‘Tropical’, de Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Tamén a atención aos autores será un dos eixos fundamentais da actividade do CDG, xa que despois da celebración das Xornadas sobre Dramaturxia Galega entre os pasados 8 e 9 de decembro en colaboración coa asociación DramaturGA, o selo Dramaturxente, baixo o que se organizaron, manterase activado durante todo o ano para dar proxección sobre as táboas a textos escritos na actualidade en Galicia. De feito, sete dos proxectos que se realizarán no marco das residencias e das coproducións da compañía pública insírense neste programa continuo.

Os apartados de formación (coa colaboración en iniciativas pedagóxicas tanto para profesionais como para público xeral), de servizos á cidadanía (cesión de materiais e de espazos, visitas guiadas...) e de publicacións serán, así mesmo, prioritarios para o CDG.

Neste último punto destaca a nova colección editorial titulada ‘O papel do teatro’, coa que a compañía institucional recupera a publicación de pezas dramáticas. Trátase dunha serie que incluirá os textos montados polo CDG ou coa súa participación e que non tiveran sido editados con anterioridade. Ademais das obras escritas, cada entrega presentará graficamente materiais adicionais e fotografías das postas en escena. O primeiro número de ‘O papel do teatro’ verá a luz a principios de xaneiro e dedicarase a ‘Tartufo’, a produción estreada o pasado setembro polo CDG sobre a obra de Molière con dirección de Carles Alfaro, actualmente en xira polos escenarios galegos. O segundo número ocuparano as dúas pezas do Proxecto Nós, compartido desde 2015 con entidades teatrais portuguesas: ‘Bilingue’, do luso José María Vieira Mendes, e ‘O mundo persistente’, do galego Fernando Epelde.

Desde o Salón Teatro, o CDG seguirá traballando para o encontro co público e como escenario multidisciplinar para a exhibición preferente dos espectáculos producidos en Galicia e para a proxección dos seus creadores. A intensa e variada carteleira que se vén ofrecendo desde o número 34 da compostelá rúa Nova continuará ao longo de 2017 cunha programación aberta ao teatro, á danza, ao audiovisual e á música, e na que todo os proxectos directos do Centro Dramático Galego terán presenza.

No que atinxe á programación externa, neste mesmo mes de decembro en curso, o Salón Teatro acollerá a montaxe ‘Illa/Ollo’, de Nasdrovia Teatro (días 16 e 17) e o concerto ‘Cantos de poeta’ polo grupo Gelria (día 27); e desenvolverá o novo ciclo infantil ‘Gran teatro para os máis pequenos’, que combinará obradoiros especialmente pensados para os nenos e nenas coas funcións a cargo de Berrobambán (con ‘Xurdefet’, os días 22 e 23), Pérez & Fernández (con ‘O poder de Amabel’, os días 29 e 30) e Elefante Elegante (con ‘A danza da choiva’, o 7 e 8 de xaneiro).

O calendario de representacións continuará durante todo o ano coas últimas propostas de compañías como Talía Teatro, ilMaquinario, Teatro do Atlántico, Aporía Teatro, Teatro en Punto (que abrirá a nova sección Teatro Ob-sceno), Diego Anido ou Avento Producións. Ademais, o Salón Teatro prestarase a ser sede de eventos como o festival ‘Escenas do Cambio’ da Cidade da Cultura de Galicia, o XXIII Festival Internacional de Teatro Universitario, a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, a Mostra de Cinema Etnográfico ou o mercado Galicia Escena PRO, que organizará a Agadic do 12 ao 15 de xuño de 2017.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

R., 2016-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES