Notas de prensa

Confírmase o compromiso da Xunta co sector enerxético e as fontes renovables

Tamén aposta polo medio ambiente e reitera o obxectivo de que o 95% do total do consumo en Galicia proveña de fontes renovables. Destaca que Galicia é a segunda produtora de enerxía eólica: produce o 17,4% da electricidade de España xerada con tecnoloxía eólica, un 18% máis que en 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou o compromiso do Goberno galego co sector da enerxía e a aposta polo medio ambiente e reiterou o obxectivo de que o 95% do total do consumo de enerxía na Comunidade proveña de fontes renovables. “O ano pasado estabamos no 66% e o obxectivo é chegar ao 95%”, incidiu, ao que engadiu que para acadar esta cifra, a Xunta seguirá traballando no eido da produción hidráulica, no desenvolvemento do concurso eólico e no eido da biomasa.

No tocante á produción de enerxía hidráulica, Feijóo avogou pola repotenciación dos embalses para returbinar a auga e producir máis enerxía sen incrementar nin os pantanos nin os encoros. “Respecto ao medio ambiente coa utilización máxima da capacidade hidroeléctrica instalada a través da repotenciación; e seguiremos tamén desenvolvendo todo o concurso eólico co máximo compromiso co medio ambiente, diminuíndo o número de aeroxeradores de xeito que un parque de 20 ou trinta 30 se converta nun parque de dous ou tres, coa mesma potencia pero diminuíndo o impacto visual”.

No eido da biomasa, o presidente autonómico afirmou que o obxectivo é investir e mobilizar máis de 450 millóns de euros entre 2014 e 2020, o que suporá 1.000 empregos directos só neste sector e unha diminución dos riscos forestais, debido ao aproveitamento máis razoable dos montes galegos.

Durante a inauguración da subestación eléctrica de Cangas II, Feijóo referiuse ao sector da enerxía como un sector estratéxico para os territorios, “xa que aqueles que teñan garantido o subministro, que teñan garantido as fontes de enerxía e que avancen nas enerxías renovables terán un plus para captar a instalación de mercados, de empresas e industrias”.

Nesta liña, afirmou que os 45.000 habitantes da comarca contan, desde agora, cun servizo mellorado a todos os niveis: en calidade, ao evitar os cortes e garantir o subministro; en seguridade, ao levar a subestación fóra do centro urbano; en respecto polo medio ambiente, ao situar a infraestrutura nunha zona de menor afectación; e no aspecto económico, coa mellora do subministro ás empresas.

“En definitiva, estamos a falar dunha infraestrutura básica, consecuencia de acordos entre o Concello, a empresa subministradora e a Xunta, que garante unha subministración de calidade aos veciños pero tamén a todo o tecido empresarial da comarca”, dixo.

Galicia, produtora do 17,4% da electricidade de España xerada con tecnoloxía eólica

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou a aposta da Xunta pola calidade e a seguridade do subministro eléctrico, afirmando que infraestruturas como esta subestación reforzan a posición que Galicia ten na produción de enerxía eléctrica no conxunto de España. Non en van, en 2013, Galicia tivo unha produción eléctrica un 13% máis que o ano anterior, o que lle permitiu escalar unha posición ata situarse como a terceira Comunidade produtora en España.

Esta posición mellora se temos en conta as enerxías renovables: Galicia é a segunda produtora de enerxía eólica -produce o 17,4% da electricidade de España xerada con tecnoloxía eólica, un 18% máis que en 2012-. E, en canto á produción de electricidade mediante tecnoloxía hidráulica, a Comunidade galega é líder nacional, xa que case o 25% de toda a enerxía eléctrica producida en España por medios hidráulicos se fai na nosa Autonomía.

Estes datos que rexistra Galicia no campo da enerxía eléctrica tamén se dan en canto ao subministro ao resto de España: a nosa terra compartiu en 2013 13.107 GWh, un 47% máis que en 2012, o que a coloca como a segunda comunidade no ranking nacional, só superada por Castela e León.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES