Notas de prensa

Lugo recupera a tradición celta do Samaín cunha procesión de ánimas polo adarve da Muralla

Unha ducia de actividades gratuítas celébranse o mércores 31 de outubro e o sábado 3 de novembro nas prazas da Soidade e Campo Castelo. Obradoiros de cabazas, contos de medo e unha procesión de ánimas pola Muralla para recuperar a tradición celta do Samaín na cidade de Lugo.

Por segundo ano Lugo celebrará o Samaín, a vella tradición de orixe celta. Cabazas, contos de medo e conxuros son algúns dos ingredientes que compoñen a programación deseñada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para celebrar o Samaín e que presentou esta mañá o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, acompañado por representantes das asociacións culturais de recuperación castrexa que participan nesta iniciativa (Trebas Galaicas, Taranis e Federación de Reconstrución Histórica Lugh) e dos hostaleiros de Campo Castelo.

Bao explicou que a programación, que terá lugar o mércores 31 na Praza da Soidade e o sábado 3 en Campo Castelo, está pensada fundamentalmente para os máis pequenos “porque son os que máis desfrutan con estas actividades”. O responsable de Cultura explicou que o obxectivo é que os nenos e nenas galegos “manteñan vivo o facho da nosa tradición para legala cara ao futuro”. Por iso, o Concello de Lugo súmase por segundo ano á celebración do Samaín e organiza unha completa programación vinculada a esta tradición. Baixo o título de Samaín 2012. Defuntos vivos e mortos, a área que dirixe Antón Bao propón unha serie de actividades deseñadas en colaboración con tres asociacións culturais especializadas na reconstrución histórica do mundo castrexo. O tenente alcalde sinalou que “a través do cine e das modas chégannos festividades foráneas como o Halloween americano, que resulta que afondan as súas raíces na cultura celta, así que esta iniciativa de celebrar o Samaín supón algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos”.

O programa abrangue obradoiros de cabazas, pintado de facianas e recortables de papel destinados aos máis pequenos, contos de medo, lendas celtas e procesións de ánimas. Ademais, celebraranse vistosos rituais de vivos e mortos e, para peche da celebración, tanto na noite do luns 31, a noite propia do Samaín, como na do sábado 3, celebraráse o conxuro da queimada e o adarve da Muralla acollerá a uns sorprendentes transeúntes: unha procesión de ánimas que portarán cabazas iluminadas con velas e fachos que serán depositadas en distintos puntos da Muralla.

A tradición do Samaín

A tradición do Samaín, que comparten con Galiza outras nacións de orixe celta como Bretaña, Escocia, Gales ou Irlanda, significa a fin do verán e o comezo do ano celta e celebrábase para honrar a recollida da última colleita e o regreso dos rebaños aos cortellos. A esa transición cara o inverno, e que supoñía o regreso aos lares, tamén vinculaban o retorno dos mortos ao mundo dos vivos e, durante esa noite máxica, os dous mundos convivían a través dunha serie de rituais no que os celtas mesturaban gastronomía, lume e contos para lembrar aos defuntos.

Estes costumes, co paso do tempo, perduraron asociados á celebración do día dos defuntos a través de tradicións como os contos de mortos, a súa lembranza con visitas aos cemiterios ou os doces propios da festa, como os chamados “ósos de santos”. Ademais, a propia antropoloxía do ser galego determina unha especial relación coa morte, moi presente na nosa cultura a través da tradición literaria e artística, e da propia concepción da vida. Por iso, non é de estranar, que o Samaín non desaparecera en Galiza e que se conservase a súa tradición en lugares como Bretoña, a Mariña ou na zona de Quiroga. Fóra de Lugo, está a ser recuperada en zonas de Ourense, Cedeira ou Pontevedra.

Atraer turistas a Lugo na ponte

Outro dos obxectivos que persegue a Concellería de Cultura e Turismo con esta celebración é o de ofrecer un programa de actividades que resulte atractivo para o turismo. “Os turistas van a lugares onde pasan cousas, polo que é imprescindible dotar de contido as visitas dos turistas, non só co patrimonio histórico e gastronómico que temos, senon con actividades de lecer que acheguen a nosa cultura a todos os que nos visitan dun xeito activo e participativo”, indicou Antón Bao. Con ese obxectivo prográmase o Samaín para esta ponte de novembro.

Outro factor que destacou o tenente alcalde é que as actividades, que son gratuítas e abertas a todo o público, desenvolveranse en distintos puntos da cidade. Con esta iniciativa, ao igual que se fixo durante as festas do San Froilán, preténdese facer partícipes aos hostaleiros e comerciantes de distintas zonas da cidade das actividades culturais que se organizan. Bao destacou, neste caso, a colaboración dos hostaleiros de Campo Castelo e afirmou que “a espita aberta no pasado San Froilán comeza a dar os seus froitos”.

Enrique Flores, pola súa parte, en representación da Asociación de Hostaleiros de Campo Castelo, afirmou que “os hostaleiros e comerciantes témonos que ir concienciando en colaborar con todo o entramado de actos sociais, culturais e deportivos da cidade, entre outras cousas porque somos os principais beneficiados de que estes actos se celebren”, dixo.

SAMAÍN 2012
Defuntos vivos e mortos
____________________________________
Data: Mércores, 31 de outubro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza da Soidade
Hora: A partir das 17:30
Programa:
Obradoiros de cabazas
Contacontos
Globoflexia
Procesión de ánimas pola muralla
Ritual Celta
Conxuro da queimada
Concurso de cabezas talladas
Organiza: Federación de Reconstrución Histórica Lugh
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

________________________________________
Data: Sábado 3 de novembro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza do Campo Castelo
Programa de actos:
-Tarde a partir das 17:30. Samain dos nenos
Baleirado de cabazas
Exposición sobre "Guerreiros Galaicos"
Coloreado e recortado de cabazas e figuras
Pintado de facianas con pictos galaicos
Globoflexia (con Globeando)
Xogos Galaicos
Cabezudos Malux e Péximux
Merenda do Samaín: Gran Chocolatada gratuíta, ás 18.00
-Noite a partir das 21:00
Conxuro e queimada, ás 21:00
Desfile de pequenas ánimas pola muralla, ás 21:15
Conxuro e queimada, segunda quenda, ás 22:30
Desfile de fachos pola muralla e Praza do Campo Castelo
Amenizado polo grupo de gaitas e percusión de Trebas Galaicas
Organiza: Asociación Trebas Galaicas
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo, 2012-10-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de 'Ceo Dixital Europeo'. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro. Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
Foto de la tercera plana (vino.jpg) Un total de 177 adegas e empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viños, augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade participan nas catas oficiais deste 2025. As precatas dos viños das DO prolongaranse ata este mércores e correrán a cargo de catadores dos propios paneis de cata dos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. As precatas do resto de categorías e as catas finais realizaranse do 21 ao 23 deste mes de outubro, por parte de catadores, sumilleres, enólogos e profesionais vinculados ao sector, pero que non pertencen aos paneis das D.O.

Notas

MetBioCat, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC, acaba de ser recoñecido na categoría de grupos de investigación no marco dos IX Premios GCiencia Galicia Spin-Off . Os galardóns recoñecen tamén dúas empresas de base tecnolóxica emerxidas da USC, trátase de AMS-Lab na categoría de Selo de Calidade, saída do Campus de Lugo, e Ventilatio Lab na de Idea Emerxente, nacida no campus compostelán.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo organiza o martes e o mércores no edificio Redeiras un encontro no que participan 18 expertos en peixes migratorios procedentes de institucións de EEUU, Reino Unido, Austria, Países Baixos, Hungría, Portugal e España. O Barrier Passability Expert Workshop, coordinado polo investigador Carlos García de Leaniz, ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de novas metodoloxías baseadas na IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES