Notas de prensa

A Asociación de Amigos do Camiño de El Bierzo, premio Elías Valiña 2012

Decidiuse nunha xuntanza no CGAC a concesión do XVII Premio Elías Valiña convocado pola Consellería de Cultura e Educación á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo polo seu labor de hospitalidade na xestión de albergues de peregrinos e puntos de información.

Un comité de expertos no Camiño de Santiago reuniuse no Centro Galego de Arte Contemporánea para fallar o XVII Premio Elías Valiña, que nesta edición concedeuse á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza estes galardóns que distinguen o traballo de revitalización e promoción dos camiños de Santiago.

O xurado recoñeceu o labor de hospitalidade da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo, que durante máis de dúas décadas leva xestionando varios albergues de peregrinos e puntos de información. Ademais, esta asociación organiza periodicamente asembleas, congresos e conferencias para difundir a cultura xacobea, así como realizaron varias publicacións e traballos de recuperación de bens patrimoniais.

A esta XVII edición presentáronse oito candidaturas que se esforzaron por plasmar os moitos méritos do labor altruísta de conservación, recuperación, divulgación e investigación en torno á ruta xacobea. O premio, moi apreciado polo seu simbolismo no campo da dinamización asociativa xacobea, ascende a 10.000 euros, ao igual que as edicións anteriores. Nas últimas catro edicións gañaron asociacións estranxeiras, procedentes de Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Bélxica. Nestas ocasión optaron unicamente asociacións españolas, todas elas cunha recoñecida traxectoria a prol dos valores da peregrinación.

Asemade, o xurado distinguiu cunha mención especial a Jeannine Warcollier, traballadora da Asociación Francesa de Amigos de Santiago de Compostela, “polo seu infatigable traballo á sombra ao servizo do Camiño de Santiago durante varias décadas”. Tras o fallo do premio, entregáronse tamén os diplomas aos galardoados na edición de 2011, á asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela e ao sacerdote cántabro Ernesto Bustío Crespo.

Xurado dos premios

O xurado dos premios estivo presidido polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, e composto pola subdirectora xeral de Protección do Patrimonio Cultural, María Diz; o xefe de servizo de Protección e Fomento de Patrimonio, Antonio Díaz; o presidente do Comité Internacional de Expertos del Camiño de Santiago, Paolo Caucci; o doutor en Historia do Arte e profesor da USC, Angel Sicart; e o membro do Comité Asesor do Camiño de Santiago e experto investigador de temas xacobeos; Antón Pombo.

Ademais, tamén formaron parte deste xurado o representante da asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela (gañadora da última edición), Freddy Du Seuil; o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino; a presidenta Asociación Cultural Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez; a presidenta da Cofradía del Apóstol Santiago da Coruña, Alejandra Ãlvarez de Mon Rego; e o presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago en Cartagena, José Hernández García.

Elías Valiña

A Consellería de Cultura e Educación creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de asociacións e persoas que, como Elías Valiña Sampedro, unha das persoas con maior compromiso cos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción das rutas xacobeas. Elías Valiña levou a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica e fomentou a creación de asociacións de amigos do Camiño, para velar pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES