O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o Proxecto de lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia supón blindar as telecomunicacións en Galicia como un servizo básico, igual que é un servizo básico a luz ou a auga. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, manifestou que se trata do primeiro proxecto de lei de telecomunicacións de Galicia, e que pretende ser unha norma fundamental nun ámbito cada vez máis fundamental na vida e no traballo dos cidadáns.
O presidente galego avanzou que este Proxecto de lei, que enmarcou na aposta do Goberno galego por potenciar as infraestruturas tecnolóxicas, nas que está a investir 1.600 millóns de euros a través do programa Axenda Dixital 2014 Punto Gal, introduce máis coordinación, máis planificación e maior anticipación.
Así, en primeiro lugar, resaltou que se pretende evitar que se dupliquen esforzos e investimentos na administracións públicas, o que implica maior coordinación entre os axentes públicos e os axentes privados, polo que a Lei obrigará aos operadores de telecomunicación e aos concellos a remitir periodicamente información sobre os seus plans de despregamento executados ou previstos. Con esta información, engadiu, se desenvolverá o mapa de infraestruturas de telecomunicación de Galicia que evitará a superposición de iniciativas dos operadores privados e dos concellos. Segundo apuntou, imporase tamén unha maior coordinación entre os axentes privados, posto que a norma os obrigará a compartir infraestruturas.
Todo isto, considerou, supón un paso sen dúbida importante, que contribúe á implantación ordenada e eficiente das infraestruturas e ao fomento da competencia e a ir solucionando pouco a pouco os problemas de sombra que temos na comunidade autónoma desde o punto de vista da telefonía móbil.
No tocante ao incremento da planificación, Feijóo detallou que todas as actuacións que se leven a cabo no eido das telecomunicacións teñen que ter como base as necesidades reais existentes en Galicia e detectadas no mapa de infraestruturas. Polo tanto, indicou que a Lei prevé o desenvolvemento dun plan sectorial de infraestruturas de telecomunicación de Galicia que permita establecer criterios a seguir polos concellos e pola Xunta de Galicia na planificación do territorio, convertendo os servizos de telecomunicación nun elemento máis da planificación urbanística.
Finalmente, en relación co aumento da anticipación que suporá a Lei, o presidente da Xunta explicou que se regula a previsión de infraestruturas de telecomunicacións nos novos edificios públicos, facéndoa obrigatoria, de tal xeito que os novos edificios públicos que se fagan na Comunidade Autónoma teñen que ter a previsión de infraestruturas tecnolóxicas, reducindo o custo que suporía implantalas unha vez concluído o edificio. Ademais, anunciou que nos proxectos de obra pública de estrada se incluirá un espazo axeitado para as infraestruturas tecnolóxicas e nas vivendas de nova construción se incorporarán os elementos necesarios para o desenvolvemento do fogar dixital.
Nas súas declaracións, o presidente da Xunta afirmou que a Lei de telecomunicacións ten como obxectivo impulsar o sector, que en Galicia implica a 1.500 sociedades e 13.000 empregos, ao tempo que blindar para os cidadáns este servizo público.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.