Notas de prensa

Cultura e Educación programa actividades das Letras Galegas nas bibliotecas nodais

Estes centros organizan nas catro provincias múltiples iniciativas para nenos e adultos arredor do 17 de maio, que teñen a Paz-Andrade como figura de referencia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa accións de difusión social da figura e da obra de Valentín Paz-Andrade a través das bibliotecas nodais de Galicia, con motivo do Día das Letras Galegas 2012. Estes centros, situados nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, organizan estes días un completo programa de iniciativas dirixidas a nenos e adultos arredor do 17 maio, no marco da campaña de difusión desta celebración que está a promover a Xunta en todos os concellos de Galicia.

A Biblioteca Ãnxel Casal de Santiago de Compostela fai o Día das Letras protagonista do seu programa habitual de actividades. Así, Biblioteca Participativa ten previsto o día 16 a representación da obra de teatro de Paz-Andrade Boas-vindas mariñeiros, a cargo de Judith Rodríguez. O día 18, alumnas do ciclo superior de Educación Infantil do CIFP Compostela serán as encargadas dunha actividade que conxuga contos e obradoiro de marcapáxinas, e que vai dirixida a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Os sábados choiva de contos dedicarase o 19 de maio ao contacontos Día das Letras Galegas, a cargo de Taniauria, para nenas e nenos de 4 a 12 anos.

Ademais, a biblioteca nodal de Compostela acolle as mostras bibliográficas 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Sala Infantil, e Día das Letras Galegas: Valentín Paz- Andrade, no segundo andar, ambas as dúas ata o 31 deste mes.

No marco desta celebración, todos os pequenos de 3 a 14 anos que o desexen poderán participar no II Concurso de carteis do Día das Letras Galegas, polo que recibirán un diploma de participación. Os 3 gañadores recibirán como agasallo un lote de libros.

Mostras, música e poesía na Coruña

Pola súa parte, a Biblioteca González Garcés da Coruña recorda a figura do autor homeaxeado coa elaboración dunha guía de lectura e unha mostra bibliográfica das súas obras, así como coa exposición dos carteis gañadores do concurso-exposición Letras Galegas 2012, organizado pola Consellería e no que resultaron gañadores os traballos Colleita, do IES Xoán Montes, e Valentín Paz-Andrade, galego de corazón, do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao.

A biblioteca nodal da Coruña acolle, ademais, ata o 25 de maio o punto de información multimedia da exposición organizada pola Consellería en memoria de Celso Emilio Ferreiro, co gallo da celebración do Ano deste autor; así como unha exposición do seu fondo infantil de reserva, que conta con libros infantís-xuvenís impresos desde o ano 1958 ata a década dos 80.

O programa na Coruña complétase o día 19 cun espectáculo de maxia e animación á lectura a cargo do mago Chrystian. Xa o día 25 será a quenda da música e a poesía no espectáculo Amasónika: bosajjaz e literatura, de Estíbaliz Espinosa Trío, no que se combinan poemas e obras de grandes autores da literatura universal con temas de jazz, algúns deles versionados a galego, choro, bossa brasileira, musical de cine e música galega.

Contos multilingües en Lugo

Ademais das mostras bibliográficas sobre Valentín Paz-Andrade –complementada cunha guía de lectura– e Castelao, a biblioteca nodal de Lugo prepara unha actividade de contos multilingües para celebrar este 17 de maio. Celebrarase o vindeiro venres 18 e nela combinaranse o galego, o castelán, o inglés, o francés e a linguaxe de signos.

Este centro, que acaba de poñer en marcha o servizo de préstamo de e-readers, acolle estes días unha mostra sobre o labor de Médicos sen Fronteiras, e de Gravados da escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Pola súa parte, en Ourense, a biblioteca nodal celebra o día das Letras coa actividade Coñece a Rosalía de Castro, por Crearte Servizos Culturais, o día 18 de maio.

Contacontos e obradoiros en Pontevedra

En Pontevedra, a biblioteca nodal comezou as actividades con Contos de ratiños, da compañía Trinke Trinke, e coa conferenica A matria poética de Valentín Paz-Andrade. O centro da cidade do Lérez acolle tamén estes días a exposición Valentín Paz-andrade na Biblioteca Pública de Pontevedra. Letras Galegas 2012, mostra bibliográfica dos fondos da súa obra que se atopa nesta biblioteca, acompañada de recensión sobre a súa vida.

Pola súa banda, a biblioteca nodal de Vigo está a organizar obradoiros de comunicación en público e escrita creativa, así como actividades de contacontos para rapaces. Así, o vindeiro día 19, Ana Carreira contará unha morea de contos que lles permitirán aos cativos viaxar a través da imaxinación. O día 16, a poesía será a protagonista de Itinerario poético pola defensa do idioma, un recital que fará un percorrido pola historia contemporánea da lingua galega partindo de textos poéticos que a reivindican. Ademais, a biblioteca da cidade da oliveira sorteará dous lotes de libros en galego para adultos e outros dous para infantil.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES