Notas de prensa

Máis dun 70% dos titulados universitarios en Galicia traballaron aos seis meses

Según o estudo anual de inserción laboral dos egresados universitarios, o título universitario representa valor engadido tanto na rapidez de obter un traballo como na remuneración. Os datos permitirán adaptar os planos de estudo para mellorar a empregabilidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu a coñecer que máis do 70% dos estudantes universitarios que remataron a carreira no curso 2007-2008 atoparon o seu primeiro traballo nos seguintes seis meses tras a súa graduación, e desta mesma promoción preto do 60% estaba a traballar no momento no que se realizou a enquisa.

Dita conclusión extraese da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2007-2008”, presentado hoxe na sede da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego. Xunto ao conselleiro estiveron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a presidenta e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), Patrocinio Morrondo e José Eduardo López Pereira, respectivamente.

Durante a súa intervención, o conselleiro dixo que “podemos presumir de ter unha das mellores axencias de calidade universitario do sistema universitario español que, ademais de ser membro de pleno dereito da rede europea de axencias é unha das catro seleccionadas en España para formar parte da comisión que desenvolve o protocolo de seguimento de títulos que será de obrigado cumprimento para todas as universidades españolas”. No relativo ao estudo, Vázquez Abad sinalou que “este tipo de estudos se converte nun referente fundamental para o Sistema Universitario Galego (SUG) posto que o alumnado coñecerá cales son as titulacións que teñen maior empregabilidade. E como tal xa se reflicte nun indicador que mide a inserción laboral no novo plan de financiamento”.

A publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral realizados periodicamente pola ACSUG, que permiten dar a coñecer- en termos xerais- a porcentaxe de titulados traballando, as vías para atopar traballo, e os factores máis valorados para a contratación, entre outros aspectos.

Os integrantes da mostra

Na mostra participaron preto de 10.000 persoas que remataron os estudos en Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura e Humanidades. As conclusións obtidas permiten dicir que o 61,93% dos estudantes que remataron a súa formación universitaria no curso 2007-2008 estaban a traballar no momento no que se realizou a enquisa.

Do mesmo modo o estudo conclúe que o 28,34% dos titulados universitarios desa promoción están a realizar estudos complementarios e o 26,02% preparan unha oposición.

A través desta publicación tamén se pode observar que o salario medio está entre os 1.000 e 1.500 euros para a maioría dos enquisados (40,25%), e aqueles cuxa profesión é relativa a Ciencias da Saúde teñen os soldos máis altos, en torno aos 1.500 euros, seguidos polos que están a traballar en Ciencias. Outras das conclusións que se pode extraer é que unha das vías máis propiciatorias para obter o primeiro emprego é a través de candidaturas espontáneas a través do envío do curriculum vitae (CV) a unha empresa aínda que esta non fixera oferta algunha. Tamén teñen un gran peso os CV enviados a través de internet ou a través de contactos.

O estudo conclúe que no momento do buscar traballo o máis valorado polos empregadores é a experiencia laboral relacionada co posto demandado, así como a actitude mostrada durante a entrevista e a dispoñibilidade para mobilidade xeográfica. à hora de continuar no posto de traballo, o que máis se valora e a capacidade para o aprendizaxe, para resolver problemas e para comunicar así como a motivación e a adaptabilidade.

A historia do estudo

Con este estudo continúase co proxecto de seguimento que comezou co seguimento realizado sobre os titulados de 1996-1997 e 2000-2001, nos que Acsug foi pioneira en España, así como dos períodos bianuais 2001-2003 e 2003-2005. Unha iniciativa que se consolidou co estudo de inserción laboral 2005-2006. Na actualidade, o estudo ten periodicidade anual.

O obxectivo principal destes estudos é coñecer a realidade laboral dos titulados no Sistema Universitario Galego (SUG), así como obter unha visión retrospectiva do seu paso pola universidade. Estes estudos realízanse unha vez que os estudantes rematan a titulación, e ao longo dos dous anos seguintes, polo que se está a falar sobre titulacións recentes e situacións case en tempo real do mercado de traballo. A publicación divide as conclusións en catro bloques temáticos: o relativo á descrición da poboación, a estadía na universidade, o acceso ao emprego e a situación laboral actual.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES