Notas de prensa

A Xunta blindará por lei as telecomunicacións como un servizo público

O Goberno galego prepara a que será a primeira Lei de Telecomunicacións en 30 anos de autonomía, e avanza que as blindará como un servizo público para garantir o seu desenvolvemento coordinado e planificado. O sector aglutina en Galicia a 1.500 empresas e a 13.000 traballadores.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Goberno galego blindará as telecomunicacións como un servizo público coa futura Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia. Un texto que, segundo subliñou Feijóo, procura que a extensión das novas tecnoloxías na comunidade se realice cunha mellor coordinación, con máis planificación e maior anticipación.

O mandatario galego sinalou que, seguindo co calendario lexislativo, esta é “a primeira lei de telecomunicacións que presenta o Goberno galego en 30 anos de autonomía” que será remitida ao CES con carácter inmediato. Unha norma que ten dous obxectivos: impulsar un sector que supón un conglomerado de 1.500 empresas e 13.000 traballadores, e blindar a condición de servizo público das telecomunicacións en Galicia.

A normativa sustentarase na coordinación, a planificación e a anticipación como os tres instrumentos clave para o desenvolvemento das novas tecnoloxías en Galicia. “Unha maior coordinación, dixo Feijóo, que obriga un asunto de país como é a extensión das tecnoloxías; unha maior planificación que se precisa para chegar á inmensa maioría dos fogares e das empresas galegas; e unha maior anticipación, que require que todo o que fagamos a partir de agora, público ou privado, estea preparado para as tecnoloxías”.

Segundo salientou, é unha norma “fundamental para o futuro da comunidade e para a vida dos cidadáns” dada a función que desempeñan as tecnoloxías da información e da comunicación para mellorar as capacidades produtivas e competitivas dunha sociedade, observou Feijóo.

Un servizo público máis coordinado e mellor planificado
O titular da Xunta subliñou que o obxectivo do texto é “blindar as telecomunicacións como un servizo público máis a todos os galegos”, garantindo ese servizo público no menor tempo posible, da forma máis ordenada e homoxénea, e a través de tres cuestións: máis coordinación, máis planificación e maior anticipación, insistiu.

Coordinación, dixo, para “evitar que se dupliquen esforzos e investimentos” e para acadar unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados. Por exemplo, explicou o presidente, a lei obrigará aos operadores de telecomunicacións e aos concellos a remitir periodicamente información sobre os seus plans de despregamento executados e previstos. Con esta información, elaborarase un único mapa de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia que recollerá as iniciativas públicas e privadas para coñecer exactamente a súa situación real na comunidade.

Unha implantación ordenada das infraestruturas tecnolóxicas no noso territorio

Esta coordinación significa que os operadores compartirán as súas infraestruturas facturándose entre eles. “O que non ten sentido, é a cobertura que temos agora e a dificultade para seguir poñendo torretas para a telefonía móbil”, xustificou o presidente, que considerou que a obriga de compartir infraestruturas nos operadores privados é “fundamental” e contribuirá a unha implantación ordenada das infraestruturas e a fomentar a competencia.

Por outra banda, a planificación será, en palabras de Feijóo, “o resultado da demanda e das necesidades obxectivas da comunidade autónoma”. Así, adiantou que a Xunta presentará o Plan Sectorial das Infraestruturas de Telecomunicacións en Galicia, que permitirá establecer criterios a seguir por concellos e Xunta na planificación do territorio. Os servizos de telecomunicacións serán, dixo, “un elemento máis de obrigada inserción dentro dos documentos de planificación urbanística, do mesmo xeito que actualmente é o servizo eléctrico, o servizo de abastecemento e saneamento”, esgrimiu.

Prever futuras necesidades

Por último, Feijóo explicou que buscar unha maior anticipación permitirá “contar con telecomunicacións desde o principio” e que as infraestruturas que se constrúan conten, dentro da súa execución e dentro da súa implementación, con esas infraestruturas tecnolóxicas previstas. O titular da Xunta sinalou que os edificios públicos terán que estar dotados das canalizacións e das interconexións ás redes públicas electrónicas existentes, o que reducirá o custo que suporía implantar solucións unha vez executado o edificio.

De igual xeito, a inclusión de infraestruturas de telecomunicacións en proxectos de obra pública, estradas, redes de abastecemento ou redes de saneamento, permitirá que, en paralelo á realización destas obras, “se dispoñan canalizacións e espazos concretos para que os operadores públicos ou privados poidan utilizar estas infraestruturas, que como é natural, terán que satisfacer axeitadamente para suplantar o desembolso que supón o incremento do custo da obra pública”, abondou.

Segundo expuxo, esta medida afecta aos edificios públicos, ás infraestruturas públicas pero, tamén, aos novos fogares, para que dispoñan das canalizacións tecnolóxicas precisas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES