Notas de prensa

Apoio á promoción do cine galego no European Film Market do Festival de Berlín

No marco do Festival Internacional de Cine de Berlín, que se celebra do 9 ao 17 de febreiro, a Xunta apoia á promoción do cine galego a través dun convenio para a internacionalización co Consorcio Audiovisual de Galicia. Considérase o segundo maior mercado mundial logo de Cannes, en Francia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, asistirá ao European Film Market, que ten lugar no marco do Festival Internacional de Cine de Berlín, do 9 ao 17 de febreiro, e no que tamén estará presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través do convenio para a internacionalización do Consorcio Audiovisual de Galicia, este organismo formará parte do pavillón Cinema from Spain promovido polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX), xunto con Catalan Films & TV, Promomadrid, o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE)

O Consorcio colabora coa asistencia das empresas galegas mediante o financiamento de parte dos gastos de traslados e aloxamento e poñendo á súa disposición un espazo que os profesionais poden utilizar como punto de encontro e lugar de reunións. Tamén poderán contar coa axuda de persoal especializado en marketing e vendas internacionais e apoio nas traducións ao inglés durante as súas negociacións.

Para reforzar esta presenza difundiuse un line up entre o persoal acreditado no EFM no que se anuncian os produtos audiovisuais galegos cos contactos dos profesionais presentes no mercado, destacando as dúas películas que se proxectarán nos pases para compradores: El sexo de los ángeles e Arrugas.

Delegación galega

A representación de empresas galegas rexistradas para o mercado é a seguinte: Matriuska Films, Ficción Producciones, Abano Producións, O Raio Verde, Vaca Films, Continental Producciones, O Grelo Producións, Tic-Tac Producciones, Frida Films, Produciones Artemática e La Soga Films. Cómpre destacar a Berlinae ofrece o segundo mercado cinematográfico do mundo tan só superado polo Marché du Film de Cannes.

Actividade no Mercado

O Consorcio promocionará o cine galego e a súa industria mediante a difusión de distintas publicacións. Así Films from Galicia é a escolma das producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documental, así como as últimas novidades en series e películas para televisión.

Por outra banda Shorts from Galicia, é un catálogo que reúne as curtametraxes que formaron parte do palmarés dos tres festivais máis relevantes de Galicia adicados a este xénero (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu). E, finalmente o Ways to Film é unha publicación concebida como carta de presentación para promocionar Galicia como escenario de rodaxe, tanto polas súas localizacións como pola existencia dunha industria audiovisual moderna e consolidada.

Os principais cometidos do Consorcio neste tipo de foros internacionais teñen que ver coa promoción e venda das obras audiovisuais galegas pero tamén coa coprodución e a busca de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para o sector.
Así, no transcurso do European Film Market manteranse diversos encontros de carácter institucional con organismos doutros territorios, entre os que destacan os previstos coa Agência Nacional do Cinema do Brasil (ANCINE) e co Instituto Nacional de Cine Arxentino (ANCINE), de cara a consolidar os acordos de coprodución existentes con estes países. Ademáis, promoveranse encontros entre produtores e xuntanzas con representantes de festivais, mostras de cine e televisións de todo o mundo.

Proxección internacional para o cine galego

O European Film Market, o segundo mercado cinematográfico do mundo –só superado polo Marché du Film de Cannes- ten lugar no marco do prestixioso Festival Internacional de Cine de Berlín. Neste escaparate do cine internacional agárdase a presenza de máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como con máis de 1.300 compradores de todo o mundo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES