
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, ten preparadas dúas actividades de formación para o martes 7 de febreiro. Por unha banda, a master class Audiovisual Marketing and International Sales, impartida pola experta canadense en vendas internacionais, Félize Frappier, que terá lugar de 6 a 8 horas da tarde, na aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia, en Santiago de Compostela.
E por outra banda, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, proxectarase, a partir das 4 da tarde, o filme Crebinsky, nunha segunda sesión do ciclo de cine galego AUGAL, que contará coa presenza do director da película, Enrique Otero e o actor Miguel de Lira.
Audiovisual Marketing and International Sales
Para a charla, organizada coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Félize Frappier falará, primeiramente, da súa experiencia e o funcionamento do mercado audiovisual en Canadá, nunha segunda parte afondará nos pasos a seguir para preparar a asistencia a un mercado internacional e, finalmente, abordará a explicación dun caso práctico no que amosará algúns exemplos de estratexias de lanzamento e promoción.
O relatorio, que xa ten cubertas todas as prazas dispoñibles, está dirixido a aqueles produtores, axentes de vendas internacionais e outros profesionais do sector audiovisual, ademais dos alumnos que asisten ao monográfico de Inglés Audiovisual que organiza actualmente o Consorcio, que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas en inglés no ámbito da industria e mercado dos medios audiovisuais. Será impartido integramente en inglés, aínda que a sala tamén disporá dun servizo de tradución simultánea para aqueles que o precisen, tras solicitalo previamente na inscrición.
Félize Frappier traballa no sector da distribución como axente de vendas para Max Films International desde 2003, conseguindo vendas para películas como Seducing Dr. Lewis, The Far Side of the Moon, Borderline e Crying Out. No 2010 deu un paso cara a produción para producir a primeira película de Guy Édoin, Marécages (Wetlands). O filme conseguiu a súa premiere mundial o pasado ano na Semana da Crítica de Venecia e despois abriu a sección Canada First en Toronto en 2011, antes de ser seleccionada en seccións oficiais de numerosos festivais (entre outros Pusan 2011, Vancouver 2011, Namur 2011, Chicago 2011, Valladolid 2011). Actualmente está a traballar no desenvolvemento de La Canicule des pauvres (Heat wave), unha adaptación cinematográfica da novela epónima de Jean-Simon DesRochers, segunda longametraxe de Guy Édoin.
Crebinsky no ciclo de cine galego AUGAL
O ciclo de cine galego Master classes AUGAL, iniciativa encadrada no programa de formación Audiovisual nas Aulas do Consorcio Audiovisual de Galicia, e organizada conxuntamente coa Universidade de Vigo, proxectará nesta ocasión o filme Crebinsky (2010, de Enrique Otero e as produtoras Control Z, Chevere Visión e Zircozine). A película recolle as peripecias de Miguel de Lira (Feodor) e Segio Zearreta (Mijail), dous irmáns aos que as chuvias torrenciais arrastran cando son pequenos, xunto coa súa vaca Muchka, a un lugar perdido da costa. Illados do mundo e dos acontecementos bélicos que os rodean, crecen ao pé dun faro, sobrevivindo de recoller as cousas que trae o mar, as crebas. Alí crean o seu propio mundo: un universo particular de realismo fantasioso.
O foro-debate organizado trala proxección contará coas intervencións de Enrique Otero, director, coguiosnista e coprodutor de Crebinsky, e Miguel de Lira, actor, coguionista e coprodutor.
O programa da presente edición de AUGAL complétase cos documentais: Digna rabia e Banaras me; as animacións: Arrugas e a curta Gato encerrado; a obra experimental Cousas de Kulechov e a videocreación Os fabulosos irmáns da luz. A inscrición é gratuíta e está aberta a alumnos da facultade e interesados en xeral.
Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.