O actor e director Evaristo Calvo dirixirá as dramatizacións das obras que resulten finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que promoven a Radio Galega e o Centro Dramático Galego (CDG) co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O certame pechou o día 15 de xaneiro o prazo de presentación de traballos cun total de 51 orixinais recibidos, cifra que converte esta edición na máis concorrida da súa historia.
Ábrese agora o período de selección das obras finalistas polo xurado, do que formará parte o propio Evaristo Calvo xunto a Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador da V edición coa obra Paraísos; Camilo Franco, crítico de teatro; Roberto Taboada, coordinador de actividades do Festival ALT de Vigo e membro do consello asesor do CDG; Gloria Ferreiro, redactora xefa de programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural.
Baixo a dirección de Evaristo Calvo, un cadro de actores e actrices coordinados polo CDG dramatizará os textos seleccionados polo xurado que se emitirán en marzo nos distintos programas da Radio Galega para abrir as votacións por parte da audiencia. Este mesmo traballo foi realizado nas anteriores edicións por Ana Vallés (2011), Ánxeles Cuña (2010), Candido Pazó (2009), Quico Cadaval (2008) e Lino Braxe (2007).
Prolífica traxectoria
Calvo posúe unha prolífica carreira profesional que iniciou a mediados dos anos 70 como actor no teatro afeccionado coruñés. Desde entón compaxina os traballos de actor, tanto no teatro como no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e o de guionista de televisión. Cofundou compañías como Ollomol Teatro Submarino, Ollomoltranvía e o dúo Mofa e Befa, co que segue a colleitar numerosos éxitos na actualidade. A súa dirección e dramaturxia para a montaxe Qui pro Quo, de Ollomoltranvía, foi recoñecida co Premio María Casares de Teatro que tamén acadara como actor con Anxeliños. Como autor e director realizou os espectáculos para a compañía Sapristi Hotel Run e So Sobre, que destacan na súa traxectoria pola súa singularidade e porque neles amosa o seu peculiar mundo surrealista. Para o Centro Dramático Galego interpretou espectáculos como As dunas, O ano do cometa ou O incerto señor don Hamlet.
Fomento do teatro para radio
O VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.
O certame prevé en realidade dous galardóns: o premio que outorga o xurado e o premio do público, resultante das votacións efectuadas pola audiencia. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros. As obras finalistas serán publicadas nun libro-cd dentro da colección de Edicións Xerais de Galicia. Tamén está previsto, como acto de entrega e comunicación dos premios, a celebración do denominado espazo radioescénico, unha emisión especial do programa Diario Cultural na que os actores e actrices interpretan, en directo e diante do público, algúns fragmentos das obras galardoadas.
Sete creadores galegos participarán en Madrid no espazo Ventá á literatura galega, no marco do Festival EñeEsta cita internacional reúne, desde principios desta semana e ata o 30 de novembro, 180 autores de 23 países de Europa e Latinoamérica nun total de 90 actos que se están a desenvolver nesta cidade e na de Málaga. O festival contará coa presenza dos guionistas Pepe Coira e Araceli Gonda, a compositora e música Su Garrido e os poetas Samuel L. París, Olga Novo e Miriam Reyes, estas dúas últimas Premios Nacionais de Poesía 2025 e 2020, respectivamente. Deste xeito, baixo a ollada de Camilo Franco, despregaranse tres encontros que 'permitirán dar a coñecer como se contan hoxe as historias desde Galicia e como a creación contemporánea rompe os límites entre xéneros e formatos'.
O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza. Cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal, na iniciativa participan un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.