Notas de prensa

O proxecto NACCE forma a 350 emprendedores e empresas da Eurorrexión no sector das TIC

Trátase dunha rede que potenciará a formación e asesoramento de pemes transfronteirizas co fin de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu crecemento. Este proxecto conta cun orzamento de 1,18 millóns de euros, e que se empezou a desenvolver en abril.

O proxecto NACCE (Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC) pretende paliar as debilidades do sector TIC na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, tanto en cantidade de empresas, como en competitividade, e en internacionalización. Para acadar este obxectivo formará a uns 350 emprendedores e empresas do sector TIC da Eurorrexión, creará un núcleo de cooperación entre todos os axentes implicados no sector, para estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a competitividade das empresas existentes, e, consecuentemente, dinamizar o emprego.

Así o anunciou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na presentación desta iniciativa nunha xornada de traballo entre os distintos participantes da mesma na que subliñou que a posta en marcha deste proxecto, que lidera o Departamento autonómico, vai permitir, entre outros fins: a formación e asesoramento a 150 pemes no desenvolvemento de proxectos comúns; a formación doutros 150 emprendedores e de 50 empresas na posta en marcha de novas liñas de negocio; e a celebración de 20 mesas de traballo sobre a creación de empresas TIC.

Entre os seus obxectivos están promover a economía do coñecemento, favorecer a xeración e o trasvase de profesionais cualificados e coñecemento a ambos lados da fronteira, superar a especialización produtiva desta zona nos sectores tradicionais, fomentar a internacionalización, a competitividade e o emprego, e impulsar a transferencia tecnolóxica entre as universidades e as empresas do sector.

O proxecto

Trátase dun proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal 2007-2013. Beatriz Mato lembrou que “estamos a falar dun sector clave, que segue a constituír un xacemento de emprego, e que ademais actúa transversalmente sobre outros sectores e xera sinerxias moi positivas”.

A necesidade e a oportunidade do proxecto NACCE radica na constatación dunha serie de debilidades nesta zona xeográfica ao respecto do sector TIC. Entre outras, un escaso volume de empresas deste sector, unha reducida cooperación entre elas, baixa competitividade, poucas pemes que operen fóra do seu ámbito nacional e reducida mobilidade entre traballadores cualificados dos dous países.

NACCE consiste nunha plataforma colaboradora para a creación de empresas TIC. Unha rede composta por socios e colaboradores que potenciarán a formación e asesoramento de pemes transfronteirizas co fin de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu crecemento. Para elo crearase unha rede baseada en tecnoloxías web 2.0, que actuará como catalizador para o avance do sector ofrecendo os apoios e ferramentas necesarios para a internacionalización, o fomento do espírito empresarial e a orientación para implantar novas iniciativas.

No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.

Fomento do emprendemento

A conselleira engadiu que o emprendemento é un dos valores a fomentar na sociedade en tempos de crise, polo que o departamento está a investir preto de 27 millóns de euros en accións de fomento do emprendemento.

No ámbito da Eurorrexión, Traballo e Benestar está a participar noutros dous programas europeos, por unha banda o programa Emprende, para o fomento do emprendedurismo entre a mocidade, así como en Coopera máis, que aposta pola colaboración e o emprendemento entre as empresas cooperativas de Galicia e o Norte de Portugal.

Con accións como estas, desde o Goberno galego plásmase “o compromiso coa cultura do emprendemento e a innovación, un piar básico sobre o que transformar o modelo produtivo de Galicia, cara a un novo modelo que xere emprego, incorpore e atraia talento e valor engadido e favoreza o desenvolvemento da innovación”.

Centro Especial de Emprego

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou tamén hoxe o Centro Especial de Emprego Aspanas, que ten como obxectivo o desenvolvemento de proxectos de integración sociolaboral de 70 persoas con discapacidade.

Beatriz Mato indicou que nos centros especiais de emprego de Aspanas traballan preto de 200 persoas con discapacidade, “que atopan así unha fórmula esencial para preservar as súas habilidades, abrir novos horizontes persoais e camiñar cara á auténtica integración socia”l.

Precisamente, Mato lembrou que desde a Consellería de Traballo e Benestar adiantaranse os pagos da parte das nóminas dos traballadores dos 110 centros especiais de emprego de toda Galicia cun investimento de máis de 8 millóns de euros. A Administración abona parcialmente o custo salarial de todos os traballadores destes centros, preto de 2.000 persoas, e vaise axilizar os pagamentos do último trimestre deste ano e os do primeiro semestre do 2012.

Tal e como publicou o DOG, este adianto é posible grazas á posta en marcha dun novo modelo da orde, que regula o anticipo de ata o 90% da totalidade da subvención concedida.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-10-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES