Notas de prensa

Francisco Rodríguez destaca a figura de Rosalía de Castro na Casa de Galicia

O catedrático de Literatura Francisco Rodríguez, destaca a figura de Rosalía de Castro como “unha persoa de gran cultura que tentou vivir da literatura, antepoñéndoa á maternidade”.

"Rosalía de Castro foi unha persoa dunha gran cultura que intentou vivir como escritora profesional a Literatura e é autora de novelas novidosas e revolucionarias tanto dende o punto de vista da intención coma da estrutura, que viaxou a Madrid con intención de triunfar no mundo artístico e que antepuxo a súa profesión á maternidade", segundo explicou o catedrático de Literatura Francisco Rodríguez na conferencia que impartiu na Casa de Galicia en Madrid, "Para comprender a Rosalía e á súa obra".

O acto realizouse en colaboración coa Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro. O conferenciante foi presentado pola presidenta da Asociación, Elena Veiguela, que estivo acompañada polo coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez. Entre os numerosos asistentes había deputados galegos de distintas formacións políticas como Olaia Fernández Dávila, Francisco Jorquera, Celso Delgado, Ceferino Díaz, Francisco Javier Carro e Carmen Marón; a anterior presidenta da Asociación, Pepa Nieto, e Marisa Vázquez, voceira da Asemblea local do BNG en Madrid.

Segundo Rodríguez, foi en Madrid onde Rosalía de Castro "tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi discriminada no Estado español que estaba en construción" e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra "vertente reivindicativa, para xente culta", en lingua galega.

O conferenciante referiuse tamén ás relacións sociais da escritora galega e ao seu matrimonio con Manuel Murguía, do que dixo que se baseou na complementariedade intelectual e social. O marido, explicou, apoiaba a súa creación literaria e procuráballe editoriais e xornais nos que escribir. Tamén houbo complementariedade sentimental e afectiva, polo menos durante os dez primeiros anos, mantivo.

Chamou a atención sobre o feito de que despois de casarse embarazada, en 1858, non tivo máis que ese fillo ata 1868 e cando declinou profesionalmente e o matrimonio empezaba a ter problemas, foi tivo fillos, ata sete en períodos de dous anos entre un e outro, co que o conferenciante concluíu que Rosalía antepuxo a súa vocación literaria á maternidade.

Alternativa turística

Por último, Rodríguez referiuse ás características da xeración rosaliana, as súas relacións, como vendían os seus libros, por subscrición e a súa relación coa cidade de Compostela. Este punto desenvolveuno coa proxección dun documental, "Compostela baixo a mirada de Rosalía", que presenta unha visión artística e cultural de Compostela que o conferenciante ofreceu como unha alternativa turística á da peregrinación.

Na presentación do conferenciante, Veiguela recordou que Francisco Rodríguez é licenciado e doutor en Filoloxía Románica e catedrático de Literatura en instituto e que foi discípulo e colaborador de Dámaso Alonso. Tamén que é militante do nacionalismo galego e que foi deputado no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Ademais, dixo que con este acto a Asociación celebraba o Día Internacional da Muller.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Financiado pola convocatoria comunitaria Europa Creativa, o proxecto HYP-Hypothesis You Preserve, ten entre os seus obxectivos a creación dunha 'enciclopedia dixital colaborativa de historia alternativa', unha disciplina que propón reflexionar sobre que tería acontecido se determinados feitos históricos se tivesen desenvolvido dunha forma diferente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES