
A película Crebinsky, unha produción galega dirixida por Enrique Otero e patrocinada por Xacobeo 2010, estrearase internacionalmente o 9 de outubro en Corea do Sur, dentro da programación do Pusan International Film Festival. O certame, que se celebra do 7 ao 15 de outubro, elixiuna como a única película española a competición nun dos certames máis importantes do mercado asiático.
Crebinsky competirá na sección Flash Forward, unha das tres seccións competitivas do festival e a única aberta a películas de fóra de Asia. O festival presenta esta sección como unha colección ecléctica de primeiras ou segundas películas de novos realizadores, que busca descubrir cineastas de fóra do continente asiático. O filme galego competirá con outras dez cintas chegadas de Italia, Canadá, Alemaña, Bélxica, Suecia, Dinamarca ou Australia. A estrea terá lugar o 9 de outubro ás 16:30 h. (hora local) no CGV Centum City 1.
Á estrea internacional en Corea acudirán tres dos impulsores do filme: Enrique Otero, director, guionista e produtor; Miguel de Lira, actor, guionista e produtor; e Farruco Castromán, actor e produtor. Enrique Otero destaca a importancia de que a película fose seleccionada neste certame. O Festival de Pusan é a porta de entrada do cine europeo en Asia, polo que me sinto moi orgulloso de que a nosa sexa a única película española escollida para competir nun ano no que hai boas películas. No marco do festival celébrase o Asian Film Market, o maior mercado cinematográfico de Asia.
Crebinsky inicia así o seu periplo por festivais internacionais. O filme foi seleccionado tamén para participar na 34ª Mostra Internacional de Cinema de São Paulo (http://www.mostra.org/) e intenta agora entrar na selección do próximo festival de Sundance, a cita de referencia do cine independente.
Universo Crebinsky en Ourense, Lugo e Pontevedra
Ademais de Corea, a película poderá verse este mes de outubro en tres cidades galegas, dentro da xira do espectáculo Universo Crebinsky, patrocinada por Xacobeo 2010. Nesta xira o protagonismo repártese entre música e cine, nun formato novidoso que inclúe un pasarrúas, a proxección do filme e un concerto a cargo da Banda Crebinsky, autores da banda sonora.
Universo Crebinsky chega este domingo 3 de outubro a Ourense. Dentro da programación do Festival Internacional de Cine de Ourense, o Auditorio Municipal acollerá ás 18 horas a proxección e o concerto, precedido dun pasarrúas ás 13.30 h polo centro da cidade.
O mércores 6 de outubro o espectáculo preséntase en Lugo, no marco das Festas de San Froilán. Un pasarrúas sairá de Campo Castelo ás 20 h e chegará ao Auditorio da Facultade de Veterinaria, onde ás 21.30 h arrancarán a proxección e o concerto.
A última cita de Universo Crebinsky en outubro terá lugar o sábado 23 no Teatro Principal de Pontevedra. Con anterioridade o espectáculo púidose ver en Ortigueira, Ribadeo e A Coruña.
Crebinsky: a película
Crebinsky é unha das películas máis esperadas do ano en Galicia. Unha longametraxe rodada en catro idiomas que conta a singular aventura de dous irmáns que inician unha busca desesperada na que rematan por atopar o que menos esperan. Definida polos seus creadores Enrique Otero e Miguel de Lira como realismo fantasioso, constitúe unha persoal e delirante historia que destila un humor entrañable.
As tribulacións dos irmáns Crebinsky acaban por envolvernos e emocionarnos nesta peza na que se conxugan unha exquisita fotografía, unha coidada ambientación e unha delicada banda sonora. A película, protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, conta cun elenco de luxo formado por Luis Tosar, Celso Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán entre outros.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.