Notas de prensa

A Deputación insertará a 540 desempregados nas profesións con máis futuro da provincia

A iniciativa inclúese dentro do programa europeo “Pacto Provincial polo Emprego” dotado con 3,4 millóns de euros, e que desenvolve o INLUDES. Impartiranse 45 accións formativas de 15.000 horas de docencia e máis de 60.000 horas de prácticas profesionais en empresas relacionadas co eido sociosanitario.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou o ambicioso programa formativo que o organismo provincial, a través do INLUDES, porá en marcha para crear novos postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro. Esta actuación, que beneficiará a 540 desempregados, inclúese dentro do proxecto “Pacto Provincial polo Emprego”, dotado con 3,4 millóns de euros e co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo.

Gómez Besteiro subraiou que “os Pactos polo Emprego da Xunta non inclúen formación nin inserción laboral, senón que estudan o mercado laboral. Por iso, o novidoso do noso plantexamento, creo que útil para todos, xa que vai crear postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro. Este ambicioso programa de formación e inserción laboral está dirixido a aquelas persoas que teñen maiores dificultades para atopar un posto de traballo, é dicir, a desempregados de longa duración, mulleres maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou vítimas de malos tratos; en definitiva, a aqueles colectivos que aínda se viron máis afectados pola crise económica”.

Para a súa posta en marcha realizouse unha ampla diagnose da situación laboral na provincia, identificando aquelas profesións de futuro relacionadas coas seguintes áreas: social-sociosanitaria, hostalería, turismo, industria manufactureira relacionada coa agroalimentaria e no sector forestal. Neste senso, analizouse Concello por Concello –agás o de Lugo, que ten o seu propio Pacto-, estudáronse as empresas existentes, as necesidades de man de obra, os sectores en progresión ou recesión, “e hoxe temos un mapa real de emprego na provincia de Lugo”.

Esta iniciativa sumáse a outras que o INLUDES puxo en marcha ó longo deste mandato para crear emprego. É o caso das axudas para os autónomos –das que se beneficiaron 1.200 persoas-, os programas empresariais anticrise como “Lugo Compite máis” ou de sucesión na empresa familiar nos que se esgotaron todas as prazas en menos de catro días.

45 accións formativas para atopar emprego

En total, impartiranse 45 accións formativas con 15.000 horas de docencia e máis de 60.000 horas de prácticas profesionais en empresas estreitamente vinculadas con estas áreas: atención sociosanitaria a persoas dependentes e enfermos de alzheimer; cuidador de discapacitados físicos/psíquicos; técnico de transporte sanitario; auxiliar de enfermeiría xeriátrica; monitor sociocultural; aproveitamentos forestais; novas tecnoloxías da información e da comunicación; sensibilización ambiental; prevención de riscos laborais, etc.

O programa formativo leva aparexado un certificado de profesionalidade esixido pola Lei de Dependencia para poder desenvolver determinados labores. Xestionarase a través de tres oficinas técnicas que se distribuirán na zona norte (Foz), sur (Chantada) e Centro (Lugo, no propio Inludes). A formación estará complementada por talleres de habilidades sociais sobre cómo presentarse a unha entrevista de traballo, montar unha empresa, redactar un currículum con éxito, etc.

Ademais, tanto para a formación teórica como para a práctica concederase unha axuda de 400 euros, equivalente ó 75% da cuantía establecida polo IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples). Esta subvención será compatible coa percepción da prestación e subsidio por desemprego sempre e cando non supere o importe fixado polo IPREM.

Os cursos, que nalgúns casos acadarán as 600 horas, darán comezo no mes de outubro. As persoas que cumpran as características poderán realizar a inscrición dende mañá ata o 15 de setembro, de 8:00 a 15:00 horas, chamando ó teléfono do Inludes 982 265 334 e no correo electrónico pactoemprego@deputacionlugo.org.

Ademais, enviarase unha carta a todos os Concellos da provincia para informarlles desta iniciativa e iniciar a captación de alumnos. No mes de setembro convocarase ós Alcaldes e técnicos municipais de emprego a unha xornada informativa na Deputación.

Outras medidas do “Pacto Provincial polo Emprego”

O programa de formación e inserción laboral non é a única actuación que o INLUDES levará a cabo dentro do “Pacto Provincial polo Emprego”. O máximo mandatario provincial destacou outras dúas:

1.- Para estimular o autoemprego, axudarase a realizar plans de empresas e daremos todo tipo de información sobre axudas e subvencións para a súa constitución.

2.- Activarase un xestor de emprego no portal web da Deputación no que se publicarán ofertas de traballo das empresas con necesidades de contratación. O persoal das oficinas porá en contacto ós aspirantes coas empresas, axudándoas no proceso de selección e contratación. “Será un portal provincial semellante a Infojobs que funcionará rapidamente e dun xeito eficaz, casando ofertas e demandas”, apuntou Gómez Besteiro.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2010-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES