Notas de prensa

Xunta de Galicia e Consello da Cultura asinan un protocolo de colaboración lingüística

Este acordo entre a Xunta e o Consello da Cultura prevé a organización de actividades de formación, intercambio de recursos, impulso á dixitalización de documentos e integración do CDSG na Rede de dinamización lingüística.

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinaron un protocolo de colaboración para promover a lingua galega. O acto de sinatura realizouse na sede do Consello e foi presidido polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e mais polo presidente do CCG, Ramón Villares, que estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e polo secretario do CCG, Henrique Monteagudo.

Trátase da primeira vez que a Xunta de Galicia asina un protocolo de colaboración desta natureza co CCG. Neste sentido, Ramón Villares agradeceu o interese da Consellería de Educación por cooperar coa actividade da entidade que dirixe, así como o esforzo realizado na actual situación de crise económica. Pola súa parte, Xesús Vázquez incidiu durante a súa intervención no interese do seu departamento por darlle continuidade á cooperación entre as dúas entidades a prol do fomento da lingua galega.

Intercambio de recursos e difusión de material de interese

Grazas a este acordo, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o CCG cooperarán en diversas iniciativas ao longo de todo este ano. Por unha banda, o protocolo favorece o intercambio de información sobre recursos sociolingüísticos e mais a visibilización e a difusión de material de interese en lingua galega de ambas as entidades.

Por outra banda, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello e Política Lingüística intercambiarán os recursos documentais necesarios na planificación das súas actividades. Ao mesmo tempo, a secretaría xeral apoiará a dixitalización e o procesamento dos principais recursos documentais históricos que leve a cabo o CDSG.

O CDSG formará parte da Rede de Dinamización Lingüística
Grazas a este marco de colaboración, o CDSG pasará a integrarse na Rede de Dinamización Lingüística, un proxecto co que a secretaría xeral busca fomentar a dinamización e a cooperación entre as distintas entidades locais, co fin de potenciar o proceso de extensión do uso do galego de xeito coordinado e planificado. O labor do CDSG nesta rede incidirá na realización de labores de apoio e difusión documental. Ademais, os fondos dixitalizados do centro de documentación estarán dispoñibles para as unidades técnicas e os membros integrantes da rede a través da web.

Oferta formativa e organización de encontros

Ademais, o protocolo establece un marco de colaboración en materia de formación e desenvolvemento de espazos de reflexión. Neste sentido, Política Lingüística e o Consello cooperarán na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística, de carácter anual, que buscan promover a formación dos técnicos dos servizos lingüísticos de Galicia, así como difundir novas iniciativas dinamizadoras, materiais e estudos sobre lingua galega.

Unha política lingüística transversal

Co fin de promover o uso da lingua galega desde unha perspectiva transversal e da implicación dos axentes sociais, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mantén unha colaboración permanente con entidades de diferentes ámbitos, a través, coma neste caso, de acordos que contribúen ao desenvolvemento da súa actividade.

O Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega créase pola Lei 8/1983, do 8 de xullo, como un ente estatutario con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Ten carácter de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, e compételle a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.

Entre os obxectivos do CCG, figuran a consideración da realidade cultural desde unha perspectiva integradora, a recuperación da cultura propia aberta ao diálogo coas outras culturas da humanidade e, especialmente, coas do noso contorno. Entre as súas competencias figuran, entre outras, fomentar a lingua e a cultura galegas como creacións orixinais do pobo galego, entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como patrimonio que cada xeración debe coidar e mellorar.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES