Notas de prensa

Anxo Lorenzo anima ós xóvenes a ler en galego na entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento 2010

A entrega dos premios efectuouse no marco da Festa da Lingua promovida por Ferega co obxectivo de promocionar o uso do galego no ámbito do ensino e na que participan centos de estudantes de diversos centros educativos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou os máis novos a seguir lendo en lingua galega durante a entrega dos premios Frei Martín Sarmiento, que tivo lugar no recinto feiral de Silleda no marco da Festa da Lingua.

Estes galardóns, que resolven os alumnos e alumnas votando os seus libros preferidos, recaeron este ano en Manuel Uhía, vencedor na primeira categoría de primaria pola obra O autobús da selva, e mais en María Reimóndez, que se fixo co premio na segunda categoría co traballo Lía e as zapatillas de deporte.

A Festa da Lingua, unha iniciativa que impulsa a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca), reuniu na presente edición preto de 1.000 alumnos e alumnas de primaria de diversos centros de ensino pertencentes a esta federación.

Ademais da entrega de premios, durante a mañá tamén tiveron lugar faladoiros dos rapaces e rapazas cos autores e xa pola tarde realizáronse diversas actividades lúdicas, como contacontos, a posta en escena de obras de teatro e un concerto, entre outras.

A Festa da Lingua continuará o próximo día 23 de abril, cando terá lugar a entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento na terceira e cuarta categorías de educación secundaria e mais dos premios de curtametraxes Rec-curta.

A colaboración de Ferega e Política Lingüística para promover o uso do galego
Durante o pasado ano, Ferega desenvolveu un amplo programa de actuacións destinadas a impulsar o uso do galego na súa actividade no marco do convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Neste sentido, distribuíronse modelos de documentación e manuais de galego para o persoal de administración dos centros e difundiron material para as principais festas do ano litúrxico, o servizo Remol e Remuíño, libros de oracións infantís e folletos coas respostas da misa en galego.

En canto ás actuacións dirixidas á docencia, celebraron cinco cursos de reciclaxe en lingua e técnicas para a narración oral, ademais doutras xornadas e actuacións informativas destinadas a favorecer a normalización deste colectivo. Para o alumnado, tamén organizaron en 2009 unha nova edición da Festa da Lingua, ademais dos Encontros de Regueifas e Hip Hop en galego, entre outras actividades.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2010-04-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES