Notas de prensa

Ferrol conmemora o Día da Clase Obreira Galega

O alcalde de Ferrol presidiu a ofrenda no monumento en homenaxe a Daniel Niebla e Amador Rey, que en 1972 perderon a vida en defensa da liberdade e na loita por condicións laborais dignas. Irisarri apela á unidade fronte á crise e manifestou o compromiso do Concello por protexer aos desempregados, sobre todo xóvenes.

O alcalde, Vicente Irisarri, presidiu a ofrenda floral con motivo da conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, que se levou a cabo no Monumento ao 10 de Marzo, no barrio de Recimil. Xunto coas centrais sindicais, o Concello quixo lembrar a Amador Rey e Daniel Niebla, os dous traballadores do naval que perdían a vida o 10 de marzo de 1972 por disparos da Policía cando participaban nunha manifestación xunto a outros compañeiros de Bazán en defensa da liberdade e por unhas condicións laborais dignas.

Neste senso, o rexidor municipal aproveitou a conmemoración do 38 aniversario desta histórica data para facer un chamamento á unidade de todas as forzas sociais e políticas para combatir a actual situación de crise económica que sitúa a falla de emprego como o principal problema dos cidadáns e cidadáns. Así, avogou por traballar xuntos para resolver esta situación e “defender os dereitos dos traballadores e traballadoras, loitar contra o paro e a indefensión laboral e garantir o apoio a todas as familias que se vexan golpeadas pola falta de traballo”. E ao respecto engadiu que a crise non pode ser resolta a costa dos dereitos sociais e laborais dos traballadores, algo que “nin é posible nin o aceptariamos”, subliñou.

Vicente Irisarri amosou o seu convecemento de que Ferrol necesita do esforzo e solidariedade de todos para saír adiante e incidiu na necesidade de reivindicar a historia e traer ao presente a aqueles homes e mulleres que xenerosamente se comprometeron cos demais chegando a entregar a súa vida para que hoxe “conceptos tan trascendentais como crise ou dereitos sociais puideran sustituir a outros se cabe aínda máis fundamentais, impensables para os actuais mozos e mozas”. Referiuse, pois, á falla de liberdades fundamentais ou á represión política e sindical. E ao fío disto, o alcalde aludiu a Daniel Niebla e Amador Rey que un día como hoxe perdían a súa vida en Ferrol en defensa da liberdade e na loita por unhas condicións laborais dignas para todos. Tamén tivo unhas palabras de lembranza para Manuel Amor Deus, quen loitou aquel día ao lado de Daniel de Amador e que pagou cunha dura represión e anos de cárcere o seu compromiso e valentía.

Vicente Irisarri referiuse no seu discurso a algunha das causas que desencadearon aqueles feitos do ano 1972, vixentes hoxendía, como é o caso do obxectivo do pleno emprego, a mellora das condicións de traballo, contratos dignos, a eliminación dos accidentes laborais ou a necesidade de políticas de igualdade nos convenios colectivos. E neste senso subliñou que é obxectivo das administracións e sindicatos protexer aos traballadores e traballadoras que actualmente se atopan en situación de desemprego, cubrindo as súas necesidades básicas e traballando para garantirlles unha mellor formación para que teñan canto antes a oportunidade de reincorporarse ao mercado de traballo.

O alcalde amosou, ao mesmo tempo, esperanza ante a situación de crise actual. E ao respecto lembraba a visita, este luns, do director xeral de Industria para dar conta dos novos proxectos que serán financiados coas axudas do Plan Ferrol. Un plan que permitiu a creación de máis dun milleiro de postos de traballo nas tres comarcas nos seus cinco anos de vida. Tamén referiuse ao Fondo Estatal de Inversión Local impulsado polo Goberno central para favorecer a xeración de emprego ou ao Plan Urban polo que Ferrol recibiu 12 millóns de euros da Unión Europea para a rexeneración dos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e Canido.

Finalmente, Irisarri manifestou que os veciños e veciñas de Ferrol son as prioridades do Concello, especialmente aqueles que teñen que acudir a diario ás Oficinas de Emprego e a mocidade, á que a sociedade lle nega nestes momentos o seu dereito a iniciar unha vida independente e digna. A eles, dixo, van dirixidos os esforzos e neles céntranse as políticas municipais. “Entre todos, da man dos traballadores e das traballadoras combatiremos a crise e sairemos dela, construíndo o presente e un futuro de oportunidades para Ferrol, para a súa comarca e para Galicia, un futuro co que soñaron Amador e Daniel hai 38 anos e que, se emulamos a súa mesma entrega, todos nós faremos realidade pronto”, subliñou.

Ao fin da ofrenda floral, que rematou coa interpretación do Himno Galego, o alcalde e a corporación trasladáronse ao barrio de Esteiro para asistir ao acto oficial de “bautismo” da praza Manuel Amor Deus, situada fronte ao estaleiro. Alí o alcalde e o fillo de Manuel Amor Deus, Germán Amor Varela, descubriron o monolito na súa honra. No acto participou tamén o secretario xeral de CC.OO., Ignacio Fernández Toxo, que, tras a intervención da concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, pronunciou unhas palabras.

Pola súa banda, Vicente Irisarri asegurou que con este acto reivindicativo a corporación era fiel aos seus principios e comezaba a pór as cousas no seu sitio. Destacou que hoxe ten un sitio aquí, en Ferrol, aquel que loitou polas liberdades democráticas antepoñéndoas incluso á súa propia vida. Unha persoa na que tamén se personifica a loita de moitos cidadáns e cidadás anónimos. Por iso, concluiu que adicarlle unha praza en Ferrol a Manuel Amor Deus é un acto de xustiza, co que se salda unha débeda de gratitude e co que se respecta a memoria histórica.

Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol, 2010-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Ãñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES