A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, participa xunto con outros nove socios de nove países na reunión de lanzamento do proxecto Interreg IVC i-Speed. O proxecto ten entre os seus obxectivos a mellora da efectividade das políticas rexionais e locais relacionadas coa Sociedade da Información e o Desenvolvemento Económico a través dun amplo intercambio de experiencias a nivel político, dirixidas a identificar, analizar e transferir as boas prácticas no uso eficiente dos servizos baseados nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) para fomentar a competitividade e a sostenibilidade da Economía do Turismo.
Entre os obxectivos específicos do i-Speed está o de incrementar a conciencia dos políticos cara o potencial das tics e ferramentas online, asegurando a innovación na xestión e crecemento da produtividade na Economía do Turismo. Así mesmo, o traballo pretende fomentar a cooperación entre o sector público e privado no marco da Economía do Turismo e fomentar o atractivo económico das rexións da UE e apoiar a adaptación de políticas rexionais e locais cara a cambios socioeconómicos máis importantes.
Entre os resultados agardados de cara ao remate do i-Speed están a mellora das políticas rexionais e locais para o desenvolvemento de servizos públicos baseados nas tics co obxectivo de incrementar a produtividade e competitividade de negocios e empresas; o maior e máis xeneralizado saber facer dos socios a respecto das solucións baseadas nas TICs para a Economía do Turismo ou a mellor cooperación e diálogo entre o sector público e os actores privados no marco da Economía do Turismo.
Orzamento e duración do proxecto i-Speed
O proxecto ten unha duración de 36 meses e o partenariado do mesmo está composto exclusivamente por autoridades locais e rexionais directamente encargadas da definición das políticas ás que se dirixe este proxecto. O consorcio está formado por socios europeos, equiparando autoridades locais con menos experiencia con rexións ou cidades máis avanzadas. Foron escollidos diferentes contextos para estudar solucións que poidan ser transferibles a un maior número de países.
No proxecto, cuxo presuposto supera o 1.400.000 euros, participan dez socios de nove países: Italia, Noruega, Polonia, Bulgaria, Grecia, Reino Unido, España, Romanía e Holanda.
Nesta primeira reunión de lanzamento, terá lugar un intercambio de experiencias entre os socios e realizaranse análises DAFO da situación socioeconómica dos seus territorios sobre a base dunha metodoloxía común. Estas análises serán o punto de partida para o intercambio de experiencias que serán discutidas no primeiro workshop que se celebrará en abril.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.