A primeira web galega sobre a diversidade lingüística no mundo deuse a coñecer en Vilagarcía de Arousa durante a presentación da exposición As nosas palabras, os nosos mundos, que se poderá visitar nesta cidade pontevedresa desde o 11 ó 24 de agosto.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que dirixe Marisol López, puxo en marcha de xeito paralelo ambas as dúas iniciativas, tanto o sitio www.asnosaspalabras.org como a mostra de carácter itinerante, co obxectivo de sumarse á celebración do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural.
O coordinador da exposición As nosas palabras, os nosos mundos, o profesor universitario Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de presentar os contidos e seccións nos que se dividen a web e a mostra, que invitan a facer un percorrido pola historia do galego no contexto da diversidade cultural do planeta e que buscan contribuír á difusión do plurilingüismo. No acto tamén participaron a alcaldesa e o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Dolores García Giménez e Xosé Castro Ratón, respectivamente.
Anxo M. Lorenzo destacou que o sitio www.asnosaspalabras.org constitúe a primeira páxina web elaborada desde Galicia sobre a diversidade das linguas, e sinalou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende que este espazo na rede acade a condición de referente para a difusión dos valores da exposición itinerante As nosas palabras, os nosos mundos. Ao mesmo tempo, subliñou que o que se persegue é que a páxina de Internet permaneza activa unha vez rematado o percorrido itinerante da mostra. En definitiva, a web converterase nunha exposición virtual permanente, asegurou Anxo M. Lorenzo.
Visita virtual
A través desta páxina web pódese obter información sobre os contidos da exposición itinerante, datas e lugares nos que recalará, así como todas as novas relacionadas coa mostra. O sitio ofrece, ademais, a posibilidade de realizar unha visita virtual pola exposición e descubrir así contidos sobre o galego e as linguas que se falan no planeta.
A mostra en Vilagarcía
No acto celebrado esta mañá tamén se deron a coñecer os datos relativos á segunda escala que fai a exposición itinerante, logo do seu paso por Santiago de Compostela, onde a visitaron en xullo pasado preto de 1.000 persoas. A mostra multimedia As nosas palabras, os nosos mundos abrirá as súas portas no Auditorio Municipal de Vilagarcía o vindeiro luns e permanecerá nesta cidade ata o 24 de agosto. Nesta sala poderá visitarse de luns a sábado, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Os domingos estará aberta de 10:00 a 13:00 e de 19:00 a 21:00 horas.
O acto oficial da inauguración terá lugar o luns, día 11 de agosto, ás 20:00 horas, e nel participarán a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o coordinador da exposición, Anxo M. Lorenzo; e a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García.
Nun espazo expositivo de 500 metros cadrados, os visitantes poderán aproximarse ao galego e á diversidade lingüística do mundo dunha forma activa, experimental e sensitiva. A visita pódese realizar en sete idiomas galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición. Ademais, conta con sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).
Itinerancia
Despois da súa escala en Vilagarcía de Arousa, a seguinte parada da exposición será Bilbao, onde permanecerá aberta desde o 4 ata o 12 de setembro. Con posterioridade, recalará noutras cinco cidades galegas Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense e tamén se poderá visitar en Madrid, Barcelona e Sevilla. A maiores, As nosas palabras, os nosos mundos chegará a Bos Aires e a Bruxelas, onde contará co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban.
Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.