Notas de prensa

Pesca aproba os plans de explotación de poliquetos en Galicia para 2008

O Diario Oficial de Galicia publica unha Orde pola que se regula a extracción deste recurso no litoral da nosa Comunidade. As entidades interesadas en presentar os plans para 2009 deberán dirixirse á Administración pesqueira galega antes do 31 de decembro de 2008.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de aprobar os plans para a explotación de poliquetos en Galicia durante o actual exercicio. Así se recolle na Orde do 6 de marzo de 2008 publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 13 de marzo, na que se regula a extracción deste recurso no litoral da nosa Comunidade Autónoma.

Segundo a devandita normativa, a Administración pesqueira galega deu o seu visto bo a un total de 18 plans de explotación para toda Galicia, dos que 10 corresponden á provincia da Coruña, sete son para Pontevedra e o outro restante é da provincia de Lugo. Estas normas rexen a extracción de catro especies diferentes de poliquetos: hediste diversicolor (miñoca de fango, miñoca vermella); diopatra neapolitana (miñoca de tubo, casulo); lumbrineris impatiens (engado vermello); e arenicola marina (mangón, miñoca de area).

A Orde do 6 de marzo recolle diferentes modalidades de captura (a pé, mergullo en apnea e mergullo con subministración de aire dende a superficie) segundo o programa presentado polos solicitantes, así como os días de extracción, que varían dende un mínimo de 18 xornadas ata un máximo de 160. Esta norma acompáñase dun cadro no que se poden consultar os datos relativos a cada un dos plans (entidades, especies, modalidade de traballo, zona de actividade, puntos de control, etc).

Así mesmo, establécese que as solicitudes de apertura mensuais deberán presentarse ante as delegacións territoriais de Pesca e acompañaranse cos datos de capturas do mes inmediatamente anterior, segundo o modelo que se facilitará nas propias delegacións, xunto coa relación de mariscadores que pretenden desenvolver a actividade. Neste eido, cabe lembrar que todas aquelas persoas interesadas en adicarse á extracción de poliquetos deberán figurar nun plan de explotación e estar en posesión dun permiso que lles permita capturar este recurso.

A norma publicada no DOG sinala que os armadores de embarcacións con permiso de explotación que inclúen artes de anzol e que estean empregando poliquetos como cebo terán que solicitarlle ás delegacións territoriais da Consellería autorización para a captura deste recurso, indicando datas e zonas de traballo, quedando excluídas aquelas áreas nas que existan plans de explotación.

Ademais, atendendo á Orde do 6 de febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, en Galicia determínase unha veda con carácter xeral para a explotación comercial, comprendida entre o 1 de novembro e o 15 de marzo, pola que tamén se rexen os plans aprobados por Pesca.

Solicitudes para 2009

A Orde que publica o DOG de hoxe tamén recolle a presentación de solicitudes de plans para o ano 2009. Estas peticións dirixiranse á titular de Pesca e entregaranse antes do 31 de decembro no rexistro da Consellería ou no das delegacións territoriais e comarcais, así como en calquera dos demais lugares establecidos na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá acompañada do plan de explotación orixinal, catro copias, ficha resumo e unha copia en soporte informático. En caso de que o plan se desenvolva no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou en espazos protexidos engadiranse dúas copias máis para informe da Administración ambiental competente.

Así mesmo, as peticións irán asinadas polo representante legal da entidade e no caso de que sexa un plan conxunto terán que ser asinadas por todos os representantes ou constará o acordo de delegación expresa de nomeamento de representante.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES