Notas de prensa

O político local galego fai un uso oportunista da participación cidadá

Un estudo do profesor da USC Andrés Cernadas reflicte o escaso interese dos políticos da Administración local galega pola participación cidadá que usan oportunistamente e logo esquecen.

O profesor da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC Andrés Cernadas afirma que os políticos da Administración local non cren na participación cidadá e, por iso, emprégana frecuentemente de xeito “oportunista” para resolver un conflito puntual, “logo esquécena”. O dato apúntao ao falar sobre a súa investigación ‘Cultura Política e participación cidadá na Administración local en Galicia’.

O traballo recolle que, comparativamente con outras comunidades, en Galicia existe unha baixa participación cidadá e que os concellos carecen de vías para fomentala.

As consecuencias desta escasa participación son, segundo este investigador social, a “gran desafección política” co conseguinte distanciamento entre os individuos e os políticos. Este sentimento “xeneralizado” débese a que os cidadáns queren participar pero non son escoitados. Tamén xera máis dificultades para a implantación das políticas locais porque, moitas veces, non se busca o apoio da cidadanía nunha época complexa.

Para solucionar esta situación, Cernadas aconsella crer neste tipo de participación; pór en marcha mecanismos que a faciliten pensando en todos os públicos, non só vía web; e que os resultados de ditas achegas sexan en parte vinculantes. O goberno local debe cumprir medidas pactadas coa cidadanía, “pero non todas”, apunta, xa que, ao final, o político é responsable democraticamente das decisións tomadas.

Co fin de incrementala, os concellos deben elaborar os Regulamentos de Participación Cidadá como elemento normativo. A investigación revela que, en Galicia, existen poucos e están obsoletos. Estes regulamentos veñen garantir o dereito de consulta á cidadanía como serían as intervencións nos plenos municipais, nas comisións informativas ou a presenza nos consellos sectoriais, entre outros.

O profesor da USC comenta que con estas contribucións dos individuos créanse sociedades máis democráticas. Para el son paradigmáticos os casos catalán e vasco onde hai máis vías de participación, os políticos toman en serio estas achegas e existe unha maior tradición. De cara ao futuro, a segunda parte do estudo centrarase na análise da evolución recente da participación cidadá en Galicia e a súa rendibilidade política.

As vías e mecanismos

Os gobernos municipais poden adoptar numerosas iniciativas e procedementos para fomentar a participación, entre eles o desenvolvemento dunha estrutura propia, regulamentos específicos ou asociacións locais.

Entre os mecanismos para a intervención de base individual, o investigador sinala a participación na elaboración dos orzamentos municipais, audiencias, plans comunitarios, teléfonos de información, consultas puntuais ou mediante a páxina web oficial, dispositivos que en Galicia son “escasos e de acción indirecta ou ben de base asociativa”, apunta Cernadas. No caso das páxinas web oficiais, o profesor da USC di que soen ser “moi estáticas”, dificultando a interacción.

A mostra

Para dispoñer da información, o investigador remitiu unha enquisa por correo ordinario aos 56 municipios galegos de máis de 10.000 habitantes, dos que se recibiron un total da 41 respostas. Ademais, nos sete municipios de maior tamaño realizáronse entrevistas persoais aos responsables de participación cidadá co obxectivo de obter datos adicionais á vez que se procedía a contrastar a información facilitada nos cuestionarios. Tamén se falou cos responsables doutras institucións e cos encargados de política local dos tres principais partidos políticos.


Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES