Notas de prensa

O Consello da Avogacía Galega respalda aos letrados da quenda de oficio de Pontevedra

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Dirección Xeral de Xustiza de Galicia comprometéronse a modificar o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta antes do verán.

O Consello da Avogacía Galega, máximo órgano de representación colexial da Avogacía de Galicia, amosa a súa preocupación polas actuacións que se están levando a cabo respecto á quenda de oficio na provincia de Pontevedra. Situación que comezou a raíz
de que a Administración reclamara ao Colexio as retribucións
cobradas (uns 270.000 euros) naqueles casos nos que se demostrou que o defendido non tiña dereito á xustiza gratuíta. Asemade, destaca que é unha situación puntual, que non se está producindo no resto de colexios de avogados de Galicia.

Os membros do Consello, estiman necesaria a modificación do Regulamento de Asistencia Xurídica gratuíta, de modo que sexa a Administración a responsable de establecer os mecanismos necesarios para acreditar a insuficiencia de recursos económicos dos beneficiarios da xustiza gratuíta, na orde penal.

Nesta liña, onte asentáronse unhas pautas de colaboración entre o
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, a Directora Xeral de Xustiza, Begoña Santos, e o Consello da Avogacía Galega para que o Regulamento sexa modificado antes do verán.

En palabras de Xosé Antonio López Graña, Presidente do Consello da Avogacía Galega, “espérase axilizar a tramitación dos
expedientes de modo que se podan evitar situacións como a ocorrida en Pontevedra.

Noutros colexios ocorre que as resolucións das Comisións Provinciais de Xustiza Gratuíta se retrasan de xeito que, con moita frecuencia, son posteriores ás resolucións de fondo dos asuntos. Razón pola cal, con frecuencia, os avogados que defenderan ditos asuntos, non cobran da Xunta porque a os seus clientes non se lles recoñeceu o dereito á xustiza gratuíta, e tampouco poden cobrar do cliente directamente”.

Comunicado oficial

O Consello da Avogacía Galega comunica as principais conclusións do pleno:

• Expresar a súa fonda preocupación pola tensión creada a propósito da comprobación, inda en curso e non rematada, do cómputo de honorarios reportados polos letrados no servizo da quenda de oficio do ICA de Pontevedra, con relación ao primeiro cuadrimestre de 2005.

• Transmitir o seu desexo de que as dificultades aparecidas sexan
prontamente superadas, e ofrecerse para calquera xestión mediadora que poida conducir a unha completa identificación entre as partes interlocutoras.

• Manifestar a súa confianza en que unha depuración exhaustiva dos antecedentes, nun espírito de negociación e mutua comprensión, reducirá considerablemente o alcance das diferencias inicialmente rexistradas.

• Afirmar que o servizo público da xustiza gratuíta ten de funcionar sempre coa perspectiva de que os avogados e os procuradores deben percibir, previas as comprobacións oportunas, as sumas que, en definitiva, lles correspondan polo traballo efectivamente realizado (incluso excepcionalmente por vía de indemnización, naqueles casos nos que fora denegado o beneficio e non fora factible percibir a retribución con cargo ao xusticiable).

• Sinalar que, sen prexuízo da colaboración esixible aos profesionais e aos seus Colexios, a carga de acreditar a insuficiencia de recursos económicos dos beneficiarios da xustiza gratuíta, na orde penal, grava fundamentalmente á Administración pública.

• Destacar a urxencia de modificar o vixente Regulamento de Asistencia Xurídica gratuíta, en diversos aspectos mellorables, medida que habería contribuír a minimizar disfuncións como aquelas ás que se refire a presente declaración.

• Confirmar aos Sres., D. Evaristo Nogueira Pol, D. Arturo González Estévez, Decanos dos ICAS de Santiago de Compostela e de Ourense, Vocais deste Consello, e D. Xosé Antonio Araújo Hernández, Secretario Técnico Letrado do ICA de Vigo, como integrantes da Comisión de Xustiza Gratuíta deste Consello, que, entre outras tarefas, fará o seguimento dunha futura revisión de Regulamento devandito.

Sobre o Consello da Avogacía Galega

O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a todos os Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol.

Así, ten por obxecto agrupar e coordinar aos distintos colexios
integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Para garantir dita representación, o Pleno do Consello de Avogacía está formado polos Decanos de cada un dos Colexios integrados, coas figuras de Presidente, Vicepresidente, Secretario e Vogáis.

Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión, é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Así, entre outras funcións, se ocupa de:

• Coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia.

• Exercer con rigor o control deontolóxico dos seus membros

• Organizar o servicio de orientación xurídica e a quenda de oficio, para fornecer o acceso a xustizas ás persoas que carezan de medios económicos.

• Procurar a formación continuada dos profesionais mediante a
impartición de Cursos e Xornadas para mantelos ao día das novidades legais.

Adriana Rodríguez/ Raquel Rodríguez (Comunicación Consello da Avogacía Galega), 2007-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES