Notas de prensa

23 espectáculos para a 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Do 11 de abril ao 9 de maio, a cidade de Ourense acolle a celebración da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que contará con 23 espectáculos de teatro, música e danza, ademais de formación. Unha edición máis a Universidade de Vigo volve a ter un protagonismo destacado nela, non só no seu patrocinio e organización senón tamén coa actuación das aulas de teatro e danza dos seus tres campus.

A cita foi presentada este mércores no Teatro Principal de man de representantes das entidades patrocinadoras e organizadoras, estando Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Fernando Dacosta, director da Miteu e das aulas teatrais do campus; César Fernández, vicepresidente da Deputación; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Marcos Vázquez, director da área de Cultura e Deporte da Deputación; Sandra Quintas, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Ourense; José Luis Troitiña, xerente do Liceo; Budiño, músico que presentará o seu novo disco na Miteu, e Luis Portabales, fundador de Cervexas Esmorga. Nas súas intervencións subliñaron a relevancia desta mostra “froito do traballo colaborativo das diferentes institucións”, tal e como apuntou o vicerreitor do campus, que puxo en valor a calidade dun certame que, lembrou, constitúe “un evento moi importante para a provincia de Ourense”.

Programación diversa

Fernando Dacosta foi o encargado de expor as características desta edición, agradecendo de xeito especial o compromiso das institucións implicadas na súa celebración e pondo en valor a traxectoria desta mostra. A 29ª Miteu contará con 23 espectáculos, ademais de animación e promoción de rúa e un curso sobre a expresión do clown. Haberá presenza de grupos de Mozambique, Colombia, Portugal e España (Navarra, Castela e León, Madrid, Estremadura, Euskadi e Galicia), estando representadas todas as aulas universitarias teatrais galegas (A Coruña, Santiago, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A programación, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade, contará coa participación de 14 grupos de teatro universitario e nove de teatro profesional-grupos convidados, entre eles Alberto Sanjuan, Quico Cadaval e Aldaolado.

A música tamén terá un protagonismo destacado, con concertos de Budiño, que estreará o seu novo disco Branca vela; Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Igualmente haberá espectáculos de danza das aulas dos campus galegos (entre elas a de Ourense) e dunha compañía de Mozambique e unha gala de Pallasos en Rebeldía cuxa recadación irá destinada a Gaza Stars Circus School. O premio da 29 Miteu irá para o Cine Clube Padre Feijóo “polo seu labor fundamental dentro da cultura” da cidade de Ourense.

Ao longo dos días de programación actuarán as aulas de teatro da Universidade de Vigo. Do campus de Ourense participarán as aulas Rosaura, que inaugurará a mostra co seu espectáculo Operación rescate; Cordelia, que representará Retrato dun tremor, e Maricastaña, que pechará esta edición con Desequilibrios. A Aula de Teatro de Vigo traerá a Ourense Soño dunha noite de verán e a de Pontevedra Estupidez artificial. Por último, igualmente estará a aula de danza ourensá, co espectáculo O xardín das danzas.

Universidade de Vigo, 2024-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES