Notas de prensa

Investigadores do CiMUS da USC avanzan na detección temperá e o tratamento dun cancro cerebral letal grazas á nanotecnoloxía

O glioblastoma é un tumor que se orixina no cerebro, de rápido crecemento e agresividade, que afecta sobre todo as persoas maiores. É o máis común dos tumores cerebrais e, na actualidade, non ten cura. Agora, un equipo de investigación do CiMUS dirixido por María José Alonso e Pablo Aguiar, avanza no diagnóstico temperán e o tratamento desta enfermidade grazas á nanotecnoloxía no marco da plataforma de micro-mecenado da USC Sumo Valor.

A investigación intégrase no programa DIAGBI da convocatoria de Proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público-privada do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Non existe na actualidade un tratamento para esta enfermidade e a supervivencia media non supera os 14 meses desde o diagnóstico. “Isto débese a que a investigación se focalizou noutros tipos de cancro con maior prevalencia, como o de mama, próstata ou pulmón. No caso dos tumores cerebrais, a falta de investimento levou a que o prognóstico dos pacientes hoxe sexa similar ao que tiñan hai varias décadas”, segundo explica a investigadora principal do CiMUS María José Alonso.

A nanotecnoloxía significa para este grupo da USC un enorme desafío que supón levar radiofármacos desde a súa inxección intravenosa ata o glioblastoma. “Aínda que, grazas ao anticorpo monoclonal o radiofármaco debería unirse especificamente ao tumor, para que isto ocorra primeiro ten que chegar ata alí. A gran dificultade que presenta o noso proxecto e que pretendemos solucionar co desenvolvemento de nanopartículas que permitan ao radiofármaco atravesar as diferentes barreiras biolóxicas coas que se atopa. O maior desafío atoparao no cerebro, onde primeiro ten que superar a barreira hemato-encefálica e posteriormente no cerebro ata alcanzar as células tumorais”, sostén Alonso.

Traballo de campo

O traballo dirixido desde o CiMUS da USC ten unha primeira parte de desenvolvemento no laboratorio, na que se ensaiarán diferentes formulacións de nanopartículas e se buscará a solución óptima para atravesar a barreira hemato-encefálica. Ademais, realizaranse as probas de unión dos anticorpos aos isótopos radioactivos para formar o radiofármaco. A primeira fase debería ter como resultado varios prototipos de nanopartículas que sexan capaces de encapsular os radiofármacos.

A segunda parte do traballo, segundo explica o investigador principal do CiMUS, Pablo Aguiar, “centrarase na validación in vivo dos prototipos”. Para iso traballarase con modelos animais de glioblastoma e con equipamento de imaxe de última xeración para comprobar a eficacia en termos de diagnóstico e tratamento. “Primeiro, investigaremos se os nosos radiofármacos son capaces de alcanzar o tumor de forma específica mediante as imaxes de PET e, posteriormente, comprobaremos se os electróns son capaces de eliminar as células tumorais e controlar o crecemento do tumor”, apunta.

Os científicos confían en que os seus resultados mostren un aumento da supervivencia dos animais comparados cos tratamentos convencionais baseados en quimioterapia. A orientación traslacional dos experimentos permitirá xerar evidencia trasladable a un ensaio clínico.

Avanzar nesta liña de investigación podería supoñer un cambio de paradigma no tratamento do glioblastoma e outros cancros de difícil diagnóstico e mellorar notablemente a calidade e esperanza de vida. En caso de éxito, “a nosa investigación podería xerar a evidencia necesaria para poder presentar un ensaio clínico no prazo duns tres anos” aseguran María José Alonso e Pablo Aguiar.

Proxecto DIAGBI

Este estudo está enmarcado no proxecto ‘Early molecular nanoDIAGnostics of Brain tumors using ImmunePET (DIAGBI)’ financiado con máis de 1,4 millóns de euros dentro da convocatoria de Proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público-privada do Ministerio de Ciencia e Innovación. DIAGBI busca desenvolver unha nova tecnoloxía que permita diagnosticar de forma precoz e facer un seguimento non invasivo dos tumores cerebrais máis agresivos mediante técnicas inmuno-PET.

Coordinado desde o CiMUS da USC, conta coa colaboración de tres empresas de Galicia punteiras no desenvolvemento de produtos biotecnolóxicos como son Nasasbiotech S.L., Sunrock Biopharma SL e Qubiotech Health Intelligence S.L. e coas entidades Fundació Privada Institut d'Investigació Oncològica de Vall d'Hebron, a Fundación para a Investigación Biomédica do Hospital Universitario La Paz e a Fundació Hospital Universitari Vall d'Hebron - Institut de Recerca.

Este proxecto impulsado desde o CiMUS da USC forma parte da plataforma SUMO Valor da USC, a iniciativa coa que a universidade compostelá quere potenciar a interacción coa sociedade e crear un espazo de encontro que implique empresas, institucións e sociedade civil nos proxectos que desenvolve en materias como investigación, cultura ou deportes. O estudo exemplifica a aposta desta plataforma polo desenvolvemento da ciencia en campos como a biomedicina e a asistencia sanitaria.

Calquera persoa física ou xurídica pode realizar unha microdoazón a través desta plataforma. Desde o punto de vista da persoa doante, ademais da participación directa na investigación, esta doazón ten vantaxes fiscais xa que, ao ser para un proxecto de investigación, poderá obterse unha dedución.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES