Notas de prensa

Persoal investigador da UDC lidera un proxecto de cooperación europea en materia de protección civil e prevención de catástrofes

Reforzar a cooperación europea en materia de protección civil e prevención de catástrofes promovendo a posta en marcha dun sistema de gobernanza baseado en probas científicas. Este é o obxectivo do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards, nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo da UDC, e liderado pola profesora Sonia Zaragoza.

Establecer unha comunidade ampla e común de persoas expertas sobre a experiencia, a cobertura xeográfica e as diversas redes sectoriais en materia de fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco. Esta é a principal liña de traballo que está a desenvolver o persoal investigador da Universidade da Coruña, institución que coordina o proxecto europeo COVALEX, xunto con persoas expertas da NALAS - Réseau des Associations Nationales de Pouvoirs Locaux de l'Europe du Sud-Est de Francia, da Disaster Competence Network de Austria, da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia, así como da Fondazione CIMA e da Associazione della Croce Rossa de Italia.

Ao longo do último ano téñense levado a cabo numerosas actividades de cooperación multidisciplinar entre o persoal investigador, os/as profesionais e as persoas responsables na toma de decisións para aplicar os coñecementos científicos na xestión do risco de catástrofes. Antes do remate do proxecto, previsto para decembro de 2024, o consorcio centrará boa parte dos seus esforzos na difusión das súas accións e conclusións entre as persoas responsables da toma de decisións, do rescate, e entre os axentes humanitarios no que atinxe ao enfoque das comunicacións de interoperabilidade e da gobernanza do risco baseándose en probas científicas.

O proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX) está financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Operacións de Axuda Humanitaria Europeas (DC ECHO), un departamento da Comisión Europea que se encarga da xestión da protección civil na Unión Europea e da axuda humanitaria no estranxeiro. Conta cun orzamento total de 774.359 euros distribuído entre os cinco socios que integran o consorcio. A Universidade da Coruña dispón de 220.741 euros para liderar e coordinar este proxecto.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES