Notas de prensa

Un estudo da USC sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de COVID persistente

Aínda que a pandemia orixinada polo SARS-CoV-2 ficou atrás, o seu eco persiste e aínda son moitas as incógnitas que a ciencia tenta despexar. Hoxe en día sábese que para moitos pacientes de COVID-19, o final da etapa aguda da infección é só o comezo doutra experiencia difícil: a post-COVID. Durante a denominada COVID persistente estas persoas desenvolven unha amálgama de síntomas prolongados que poden incluír dificultade respiratoria, fatiga, tose ou perda de olfacto.

Agora, un novo estudo liderado pola investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) Rebeca García Fandiño e con Pablo F. Garrido como autor principal, lanza luz sobre os cambios nos lípidos sanguíneos de pacientes con COVID persistente. A investigación supón un avance na comprensión destas secuelas e abre a porta para mellorar o seu tratamento.

Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con COVID persistente. Utilizando técnicas de lipidómica, estudaron un espectro de case 400 lípidos polares distintos. A partir de aí, recorreron a técnicas avanzadas de minería de datos e aprendizaxe automática para desenvolver modelos de clasificación precisos que distinguen entre pacientes sintomáticos e asintomáticos de COVID persistente. A análise revelou alteracións específicas relacionadas coa inflamación e a resposta inmunolóxica continua, ofrecendo unha nova perspectiva sobre a natureza persistente do COVID. Ademais, algúns destes lípidos foron identificados como potenciais biomarcadores, o que permitiría levar a cabo diagnósticos máis precisos e desenvolver tratamentos específicos para esta enfermidade.

Ata o de agora, os estudos apuntaban a unha disfunción inmune, outros sinalaban unha inflamación persistente, pero o mecanismo fundamental da COVID persistente aínda non ficaba claro. Unha abafadora maioría de investigacións centrouse na etapa aguda desta afección, polo que se fai precisa a información sobre determinadas alteracións que teñen lugar nas últimas fases da enfermidade, relatan dende o equipo investigador.

Técnicas computacionais

O achado, publicado recentemente en Journal of Infection and Public Health, foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís. O proxecto reuniu expertos do CiQUS, a Facultade de Física da USC, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Universidade de Córdoba e a Universidade do País Vasco. A loita contra as infeccións víricas, como a provocada polo SARS-CoV-2, a través do descubrimento de novas estratexias de diagnóstico constitúe unha das prioridades científicas do CiQUS. O equipo da doutora García Fandiño está especializado en aplicar técnicas computacionais para explorar a estrutura e a función das membranas lipídicas, como diana de interacción con biomoléculas.

"Esta investigación complementa os achados recentes no campo da proteómica, onde se relacionou o COVID persistente con alteracións a nivel proteico", sinala a investigadora principal do CiQUS. Ambos os enfoques, proteómico e lipidómico, son fundamentais para unha comprensión integral da enfermidade, destacando a importancia dunha visión multifacética na investigación médica. García Fandiño destaca que o presente traballo "non só engade unha peza crucial ao crebacabezas da COVID persistente senón que tamén recalca a necesidade de explorar diversos camiños científicos para desentrañar os mecanismos detrás das secuelas virais. Con estes avances, estamos un paso máis preto de desenvolver terapias máis eficaces e personalizadas, mellorando así a calidade de vida de quen enfronta os efectos prolongados da COVID-19".

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES