Notas de prensa

O británico Simon Callery presenta en Pontevedra unha obra nacida en contacto coas paisaxes da provincia

Resultado dun proceso de traballo, no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor.

Baixo o título de The making of a painting / Facer unha pintura, este espazo expositivo acollerá ata o 30 de abril a que é a terceira exposición en España dun artista que ao longo das últimas tres décadas protagonizou un bo número de mostras, tanto no Reino Unido como en diferentes países. Nela poderá verse tanto unha pintura que, explica Callery, “non é unha representación da paisaxe”, senón que foi “feita en contacto” con ela, como un vídeo documental que documenta todo o proceso de traballo para a realización desta peza.

“A obra non fala sobre un lugar, senón que provén del. É unha pegada do territorio, pero non está intentando representalo”, destaca Elena Bangueses, comisaria dunha exposición promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Departamento de Pintura da UVigo. Como explica o coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, a obra de Callery defínese por “unha concepción da pintura marcada pola materialidade” e tamén por “un traballo moi relacionado co territorio”, o que sumado a que o artista londiniense xa tiña desenvolvido procesos colaborativos previamente levárono a convidalo á realización “dun taller, coa intervención de estudantes, encamiñado a producir unha obra”.

O resultado final dese proceso, no que Callery contou coa colaboración do estudantes da facultade Goa Vázquez, Julio Catalán, Álex Fuertes, Diego del Río e Cristina Rus estrease na exposición que se inaugura este xoves ás 19.00 horas. Á súa vez, a mostra complétase coa proxección dun vídeo documental realizado pola bolseira da sala e alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Ruth Vidal, xunto con Carlos Fernández, que permite coñecer as diferentes fases do traballo desenvolvido ao longo das últimas semanas.

Unha pintura marcada polo territorio

“Detrás dos meus procesos está a ambición de que a pintura sexa algo que sentes co teu corpo, non só algo que ves”, sinala Callery, que incide na importancia que ten no seu traballo a materialidade e o contacto directo co territorio. O seu obxectivo, explica, é que o espectador poida “sentir fisicamente” a pintura, “con todos os seus sentidos” e non unicamente percibila a través da vista. “A razón pola que fago isto é porque penso que a cultura é demasiado visual. Poñemos un énfase masivo na imaxe e perdemos contacto con outras partes de nós mesmos”, subliña o artista británico, para quen a pintura é un medio “co que podemos rebalancear a conexión entre a vista e o corpo”.

Nese obxectivo, a produción artística de Callery caracterízase polo desenvolvemento, como explica Bangueses, “de pinturas a grande escala no territorio”, que son o resultado duns “procesos moi laboriosos”, desenvolvidos neste caso na contorna de Pontevedra. Realizado coa colaboración do estudantado seleccionado para este proxecto, este traballo iniciouse coa preparación dun lenzo, provinte da India, a través “dun lavado natural, usando as técnicas clásicas en zonas de correntes de auga”. Concretamente, este primeiro paso levouse a cabo no Lérez, nas proximidades do antigo balneario. Tras ela, acometeuse o tinguido do lenzo “con pigmentos naturais, provenientes da terra”, empregando cores, como apunta Bangueses, que inciden tamén nesa conexión coa paisaxe. Finalmente, “vólvese saír coas teas” para traballar “en distintas localizacións, como Mogor, Cabo Udra ou novamente o Lérez, onde se foron “marcando e cortando os lenzos”, sobre “zonas escollidas polo artista, sen premeditación previa”, dando como resultado unha obra que, como destaca Bangueses, vese marcada por esa “pegada do territorio”.

Universidade de Vigo, 2024-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES